A opinión dos docentes...non conta?

17 jul 2023

Reverdece o final da República de Weimar?


Os programas pactados entre conservadores e ultras nos últimos días fan lembrar os que, en 1933, deron paso á ditadura nazi.

Esta cidade alemá, onde está situada casa museo de Goethe, o Museo da Bauhaus e outras realizacións deste movemento despois do manifesto de Walter Gropius en 1919, é coñecida na historia recente europea por ser a sede da Asemblea constituínte que, ese mesmo ano, derrotado o imperio prusiano na I GM, fundamentou o sistema democrático alemán. Esa Constitución estivo vixente desde o 31 de xullo en que foi aprobada, ata que, tras as eleccións do 05.03.1933, instaurouse o Terceiro Reich.

Weimarer Republik

Ese breve período, rico en creacións culturais e artísticas naceu en gran medida condicionado polas obrigacións que o Pacto de Versalles impuxo, e concluíu tras o ascenso -formalmente democrático- de Hitler ao poder. Aquela constitución, baleirada de contidos democráticos reais, seguiu existindo ata ser derrogada en 1945, despois de que os nazis perderon a II GM. Nos catorce anos en que servira de marco de convivencia, Alemaña tivo fortes crises económicas, entre elas a repercusión da gran crise do 29 en EEU en forma de hiperinflación e unha enorme inestabilidade social e política en toda a etapa. De aí vén que, cando falan en público os líderes da versión dereitista da política española e, mellor aínda, cando lles acompañan os da versión máis ultra ou os seus epígonos nos gobernos a que accederon, lembren moito a agonía da Republica de Weimar. As alianzas e programas de goberno que ambos os sectores políticos acordaron para concellos e comunidades converte esta situación preelectoral en souvenir de episodios e escenas polos que pasou aquela débil etapa alemá.

Desde as eleccións federais de 1930, en que o partido nacionalsocialista alcanzou o segunda posto, mentres os socialdemócratas e comunistas empezaron a ser acosados, calumniados, perseguidos e illados, as disidencias dalgúns políticos de centro e os acomodos doutros lograron, despois do incendio do Reichstag o 27 de febreiro de 1933, que, sen un Parlamento empoderado, a República de Weimar deixase de existir. Hitler dispuxo entón do aparello do Estado para establecer a súa ditadura: canto soase a xustiza, humanidade e liberdade -ou aos dereitos naturais que se proclamaron para o cidadán en 1789-, deixou de existir. Os decretos que en diante sairían do novo goberno son ben coñecidos; os seus efectos tamén, incluídos os que, de modo directo e indirecto axudaron ao golpe de estado na España de 1936 e á Guerra que seguiu. Algúns dos seus efectos perduran na España actual, e non só en formato de negación da memoria histórica. Na historiografía máis prestigiada, foi o verdadeiro prólogo da IIGM: aquí ensaiáronse motivos, armas e tácticas relevantes do que depararía un conflito mundial, en que se estima houbo 50 millóns de mortos. Campos de concentración e traballos escravos, persecucións e depuracións dos non afectos e, entre outras cousas, destrucións masivas de poboacións e cidades enteiras, iniciáronse en España tamén. Isto deixaron tras si as combinacións de alianzas que, despois de 1930 e sobre todo entre 1932 e 1933, transferiron todo o poder da democracia a Adolf Hitler.

Preelectoralismo estraño

As expectativas electorais están trufadas de similitudes, e o recentemente visto e oído non as desmente. Feijóo acaba de dicir que non vai renunciar “a conseguir un goberno en solitario”, e incitou aos votantes de Vox a non poñer “intermediarios no goberno”. En Cataluña, prognosticou o fin do sanchismo e, de paso, as que chamou “cacicadas” dos indultos e achegamentos de presos do “procés”. Ante as dubidosas previsións do 23 de xullo, era unha apelación ao voto masivo, pero a súa aspiración é gobernar en solitario. Con todo, inseguro de poder alcanzar os 176 escanos da maioría absoluta, por se non lograse “a maioría suficiente”, non dubidou en asegurar que vería “lóxico” gobernar con Vox e aceptar ministros desa tendencia no seu goberno.

Sen ter en conta as reviravoltas destes días en autonomías e concellos, nin os efectos que xa ocasionan con disposicións que limitan a pluralidade democrática, a configuración física do seu pobo de Peares animouno a establecer unha metáfora pontifical: se chegase á Presidencia, trataría de “unir, lograr acordos e tender pontes” na solución de problemas” como “o despoboamento” e o “envellecemento”. Esa comarca da súa infancia e gran parte da provincia de Ourense contradin, con todo, os oportunismos verbais; o propio Alberto, desde que emigrou a León para desenvolver as competencias con que nacese, exemplifica a tendencia seguida por moitos outros nenos de aldea desde fai máis de setenta anos. Cicerón dicía que “ignorar o que ocorreu antes de nacer é ser sempre neno”, e que a vida do home non é nada ”se non enlaza coa memoria dos nosos antepasados” (De Oratore, 121)

O pasado non cambia, pero para que non se repitan situacións como as que fixeron caer a Constitución de Weimar é o momento de non esquecer como construímos a identidade de votantes e ir máis seguros. Quen non queiran xurar en falso que a historia se repite, non deben estorbar co seu voto os códigos que acubillan as liberdades de todos. É un oxímoron falar delas retóricamente mentres, nas políticas cotiás, actúase coma se non houbese carencias e recortando recursos aos que máis precisan solucionalas; en tales casos, a “liberdade”, por moito que a invoquen avantaxados xestores do esforzo alleo, é pura distopía. Xusto cando á República de Weimar lle deron o golpe de graza, John Dewey advertiu, en Liberdade e Cultura, que o risco para a democracia fóra de Alemaña non estaba no totalitarismo alemán, senón “nas nosas actitudes persoais e nas nosas propias institucións”, onde había factores que noutras partes outorgaran a vitoria a unha “autoridade exterior e estruturaran a disciplina, a uniformidade e a confianza no líder”. Dous anos despois, en 1941, para Erich Fromm o acontecido fora producido polo medo á liberdade. As eleccións do 23 de xullo son ocasión para non tropezar na mesma pedra. Para renovar a esperanza nunha liberdade que posibilite a convivencia plural, o máis innovador non é repetir o destino de Sísifo como un castigo, senón facer ben as cousas.

TEMAS: República de Weimar.- Alianzas postelectorais.- Dereitos e liberdades democráticas.- Liberdade e Cultura.- Trampantoxos electoralistas.

MM (08.07.2023)

No hay comentarios:

Publicar un comentario