A opinión dos docentes...non conta?

12 dic 2011

Carta vai e carta vén. IES As Lagoas.

Os pais e nais dos alumnos e alumnas do IES As Lagoas están de noraboa. Nos últimos días, xa teñen quen lles escriba. Agora chéganlles ás súas caixas de correo, misivas do profesorado, non coa intención de lles felicitar as Pascuas, que esas aínda han chegar, senón coa intención de darlles a entender os cambios que se están a producir na Ensinanza Pública, por mor dos recortes que vén aplicando este goberno de Galicia e en particular a Consellería de Educación. Por suposto, son cartas interesadas; interesadas en que a ensinanza pública non se deteriore máis, interesadas en que os innegables recortes que está habendo en profesorado, en recursos e en actualización e mantemento de materiais e centros, non incidan negativamente na calidade do ensino. A carta enviada polo claustro de profesores manifestando a súa preocupación e denunciando os recortes, é un exercicio responsabilidade dos que consideran que a ENSINANZA PÚBLICA DE CALIDADE é un dereito irrenunciable, que hoxe se está poñendo en cuestión da mesma maneira que se poñen en cuestión outras conquistas sociais como poder ser unha sanidade universal e gratuíta.
Carta do claustro aos pais.
Dado que estas cartas, son interesadas -como xa se dixo- a Xefatura Territorial da Consellería de Educación, tamén lles quixo mandar aos pais, outra carta. Os pais están moi ledos de que se acorden deles, e de que as autoridades educativas provinciais lles aclaren algunhas cousas que din as cartas do profesorado, porque sempre é bo contrastar opinións. As cartas da Xefatura Territorial, que, posiblemente, fan os mesmos que mandan as notas de prensa que se publican na páxina web e nos medios, non son interesadas. Dan datos obxectivos sobre a situación do ensino en Galicia (gasto por alumno, redución da taxa do abandono escolar) e concretos, en particular, sobre o IES AS LAGOAS (taxa alumno/profesor, horario lectivo, incremento do número de docentes...) e lamentan a desinformación interesada que se está dando aos pais. Remata a carta, facendo un chamamento ao traballo conxunto de toda a comunidade educativa. A carta da xefatura territorial, non é interesada. Lástima que lle esquecera dicir o número de profesores que reduciron este ano na provincia, lástima que lle esquecera dicir as unidades que se pecharon, lástima que lle esquecera dicir que non se cobren as baixas de menos de quince días, lástima que se lle esquecera dicir que a modificación da lexislación obriga ao profesorado a facer máis horas lectivas e a atender ao transporte escolar, en detrimento doutras actividades docentes; lástima que non dean datos da redución de orzamentos en material didáctico, ou gastos de funcionamento dos centros; lástima que non digan o número de profesores que están impartindo unha materia da que non son especialistas; lástima que se lle esquecera dicir que no IES AS LAGOAS non teñen problema de profesorado, porque pecharon o IES PORTOVELLO e a práctica totalidade dos docentes deste centro foron “integrados” no dito instituto. Lástima que ao que fixeron lle chamen na súa carta “Creación de 7 Centros Integrados de Formación Profesional”. Dá lástima, que prentendan envolver este “paquete” co papel de celofán da “excelencia”. Dá lástima.
Carta da Xefatura Territorial ás familias.

No hay comentarios:

Publicar un comentario