A opinión dos docentes...non conta?

4 dic 2011

Hai futuro?

Manuel Menor Currás

Ao fío do que acaban de dicir as urnas o 20-N, non pode un evadirse das expectativas de cambio que as ominosas campañas electorais propagaron respecto dun pasado recente de supostas limitacións e fracasos. Doutra banda, o balance habitual dos recontos de votos, que sempre produce resultados aparentemente positivos a cantos contenden nas eleccións, fixo que case todos, incluído o PSOE, se amosen ante a nova situación ávidos de alumarnos un mundo novo cargado de futuro.

Transcorreron poucos días, pero merece a pena previrse fronte ás notorias desmesuras do oído antes das eleccións. Se a reflexión sobre a monotonía e os concisos eslóganes da pasada campaña nos daban sobradas pistas para romper a incerteza de saber xa se hai ou non futuro, as declaracións máis mesuradas, pero non menos calculadas de despois, estannos delimitando moi ben de que vai ir isto nos catro anos que xa empezan a contar.

Segundo a publicidade do PSOE, votarlles a eles implicaba decantarse por pelexar polo que se ten. A idea directriz era que había que porse á defensiva ante uns riscos sobrevidos que podían tirar por terra o que temos. Coma se o que temos fóra extraordinariamente valioso pero moi difícil de soster. Ata o punto de erixirse a si mesmos e aos seus votantes- en atlantes esforzados no empeño. A palabra esforzo viñérona empregando os socialistas desde os oitenta para a implementación de políticas que, noutras latitudes próximas á nosa, xa eran moeda corrente desde o Plan Beveridge en 1945 e, ademais, con bastante máis consistencia que entre nós. Pero, en definitiva, o posible futuro que contemplaba a proposta do equipo de Rubalcaba tiña a mirada posta eminentemente no espello retrovisor, coma se do Paraíso perdido se tratase e, ademais, con pouco entusiasmo para explicar como eles mesmos -nos últimos tempos- se meteron  tamén nese xardín no que o froito do ben e do mal dos recortes se lles pegase como á Eva do Xénese.

O cambio de Rajoy cando nos pedía: Súmate ao cambio, non andaba moi lonxe do campo semántico anterior e, ata, excedíao amplamente. Abondaba con delimitar os elementos constitutivos desta mobilidade acelerada que se pregoaba como desexable para a acción política e, sobre todo, non perder de vista, en paralelo, o que viñan facendo os principais actores do PP nas comunidades que rexentaban. Se todo movemento -tamén o político- é relativo á posición que ocupa o espectador, o que aquí se propugnaba como merecedor do máximo de vontades, non era cara a adiante, para mellorar firmes apoios ás anémicas prestacións sociais -ás que sempre dicían que non ían tocar-, senón cara atrás, cara a cando non existían ou estaban reducidas a unha concisa asistencia benéfica ou caritativa. En termos históricos, era un cambio retro, cara aos tempos anteriores a que xurdisen as primeiras leis e institucións sociais, entre o último terzo do século XIX e inicios do XX.

Os últimos días, previos á toma de posesión do novo Goberno, son de gran interese para delimitar se hai ou non futuro. En termos de historia lineal, en que o que vén sempre é mellor que o pasado e ata salvífico -como gusta dicir a historia de matriz xudaico-cristiá-, á xente nova sobre todo estalle resultando difícil de ver. O relato do que está sucedendo -marcado por Merkel e outros con máis poder que ela aínda- só é propicio para albiscar unha xeración perdida, uns anos especialmente cargados de medo, e que "España non está para bromas" -como agora din os principais recipiendarios da facultade de gobernar. O cansazo físico e mental, que xa se traducen na educación pública, dos que este ano viron aumentar os seus horarios lectivos sen contraprestacións, unido a unha peor atención educativa, irá en ascenso o ano que vén, do que xa nos están dicindo que hai que seguir recortando orzamentos e traballadores en favor do privado e moi etéreo. Probablemente vexamos que ao entusiasmo contestatario destes días pasados, lle sigue a depresión, pero o seguro é que os nosos mozos -en especial a proporción elevada dos que atende a escola pública- sufrirán carencia de perspectivas. Salvo a do apáñate como poidas, tan próxima ao rexeitamento desa envexa igualitaria propugnada polos partidarios do darwinismo social: un futuro tan arriscado como perigoso para os que queiran a pertenza a unha mesma comunidade.

(Madrid, 04/ 12/ 11)

No hay comentarios:

Publicar un comentario