A opinión dos docentes...non conta?

4 dic 2011

Que inventen eles!

Víctor Freixanes

Data de publicación:
Domingo 04 de decembro de 2011. La Voz de Galicia.
Dicía o meu vello profesor: «Só dende o coñecemento transformamos o mundo». E engadía: «Se deixamos que outros estuden e inventen por nós, non nos queixemos logo de que o mundo nolo pinten coma eles queren, non coma nós quixesemos que fose». Ou meu vello profesor (de Ciencias) era un vello republicano represaliado, agochado nun instituto de Pontevedra, que nos reprendía por non dedicar tempo dabondo aos libros, e sempre que lle cadraba comentaba a frase aquela de Unamuno, «que inventen eles», que seica ou reitor de Salamanca pronunciou en 1909.
Que inventen eles! Pois nestas estamos. Vella tradición española, non digamos galega, malia excepcións, que tamen as hai. Ou profesor Carracedo, con méritos internacionalmente recoñecidos na medicina forense e na investigación xenética, lembrábanos hai poucos días que a participación de Galicia na investigación española non chega ao 2 % (cando Galicia representa o 6 % da poboación do Estado). Os obxectivos estratéxicos da Unión Europea falaban hai dez anos de ver de establecer nun mínimo do 3 % os investimentos dedicados a I+D respecto do PIB. As nacións máis desenvolvidas sitúanse todas por riba desta porcentaxe. O Estado español no seu conxunto non chega ao 2 %, malia os esforzos do Goberno Rodríguez Zapatero, que algúns esforzos fixo, e Galicia anda como pode por debaixo da media española.
Así están as cousas. Desas porcentaxes de recursos dedicados á investigación (técnicos, económicos e humanos), máis do 80 % proceden das universidades. A iniciativa privada apenas conta (agás o que viñamos obtendo dalgunhas fundacións hoxe en crise ou desaparecidas), e os últimos axustes (adelgazamentos) inciden, coma vén sendo habitual, nas partes máis febles do sistema: entre elas a que comentamos. Os últimos despedimentos ou non renovación de contratos na universidade non son máis ca ou anuncio do que se aveciña.
Sen coñecemento das cousas, ¿como habemos de transformar ou mundo?, seguiría preguntándose o vello profesor. Coñecemento científico, que é o principio da investigación e da transformación da realidade. Así combateu a humanidade as epidemias coa penicilina. Así inventamos o arado para traballar a terra, moitos séculos antes. A cita de Miguel de Unamuno é de principios do século XX e tende a comentarse fóra de contexto, pero é certa, aínda que o profesor de Salamanca intentase matizala algúns anos despois. Que inventen eles! Que é ou mesmo que dicir: entreguémonos, nestes tempos de cambio e transformacións aceleradas. Cando os caladoiros internacionais de pesca pecharon as súas portas, a nosa xente lanzouse ao fletán nas augas canadianas. O profesor Carracedo fai que nos sintamos orgullosos de nós polo mundo adiante, cos seus equipos de traballo, seica agora tamén reducidos. Na misión Biolóxica de Pontevedra, Cruz Gallástegui e López Suárez exploraban a principios do pasado século as novas técnicas de mellora de produción do millo. Ao final, capitalizárono todo os americanos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario