A opinión dos docentes...non conta?

12 dic 2011

Un valedor que non vale.



O verbo valer (do lat.valere “ser forte”, “estar san”) presenta, entre outras acepcións, as seguintes:
1.- Ter calidades que fan ser útil ou estimado.
2.- Ter eficacia, servir.
3.- Ser válido ou aceptable xurídica ou loxicamente.
4.- Ter influencia, poder, creto, importancia.
5.- Ter merecemento ou valor.
6.- Ter mérito, facultades, calidades.
7.- Ir en axuda de alguén; acudir, auxiliar, axudar, socorrer (valerlle a alguén).

Todos entendemos que alguén que se diga “valedor” debe ter as condicións sinaladas de cualificación, poder, influencia, importancia e méritos para poder ir en axuda de alguen, é dicir, valerlle. Moito máis cando un representa unha institución que se chama “Valedor do Pobo”.

Vimos de asistir a un triste episodio, que unha vez máis reflicte a paranoia que se dá na clase de persoas e institucións que nos gobernan e nos “valen”. Mellor nos iría quizais se non nos “valesen” tanto. D. Benigno López González, o noso valedor, acaba de instar á Consellería de Educación a que retire un libro de Ciencias Sociais 5º de primaria, en concreto da Editorial Vicens-Vives, por conter un recadro no que di que a Lingua propia de Galicia é o galego. O que a todos nós, nos parece unha obviedade sen discusión, ao noso valedor lle parece unha manipulación sesgada por silenciar que hai outra lingua oficial na nosa comunidade que é o castelán. O valedor do pobo confunde os conceptos, e non é a primeira nin a segunda vez; antes ao contrario ten unha tendencia á confusión case sempre en prexuízo da lingua que sempre estivo discriminada e afastada dos usos sociais considerados “elevados”. Se o galego non fose a lingua propia de Galicia, poderiamos pensar que chegou a nós por influencias estraxeiras, quizais, ou por un casual, igual a trouxo aquel galego que estaba na Lúa e que viñera do Ferrol, tal como cantaban os do Zapato Veloz, na súa pandeirada sideral. “Hai un gallego en la Luna, que ha venido del Ferrol”.

Sr. Benigno López González: Unha cousa é unha cousa, e outra cousa, é outra cousa. Unha cousa é a lingua propia e outra cousa é a lingua oficial. Fíxese vostede, que mesmo hai linguas propias que non son oficiais! Máis o noso caso non é ese. Dende que temos Estatuto de Autonomía, que Vde. coñecerá ben, a nosa lingua propia é o galego porque así o acordaron as forzas políticas que fixeron o Estatuto e porque así o referendou o pobo. Aínda máis, como vostede saberá, a evolución do latín vulgar, neste territorio, deu lugar aquí a unha lingua que se chama galego, e non outra. Se as circunstancias sociais e políticas provocaron que despois outra lingua se asentase neste territorio, non significa isto que a anterior non fose a lingua propia. Se vostede, dende a institución que representa, ignora estas cuestións fundamentais, non merece ser o noso “valedor”. É vostede un valedor que non nos vale!

No hay comentarios:

Publicar un comentario