A opinión dos docentes...non conta?

13 dic 2011

Unha pancarta...incomoda? Ou..., incómoda.

Vemos dende o comezo deste curso tan "normal" (segundo a Consellaría de Educación) algúns centros con pancartas penduradas nas que se proclama a defensa do ensino público e se denuncian os recortes que está a sufrir en Galicia. Os centros de ensino nos que aparecen as ditas pancartas, manifestan a súa sensibilidade por este proceso e fan unha aposta decidida e valente por non calar o atropelo que supón o progresivo deterioro do ensino público. Unha vez máis, están a dar unha lección de coherencia e responsabilidade que transcende máis alá do puramente académico e traslada unha ensinanza moral, que, por veces, parece ausente dos centros.

As mensaxes que trasladan as ditas pancartas, non fan referencia a ningunha opción partidaria nin sindical. Constitúen unha declaración dun dereito fundamental, que non sería necesario recordar, se non fose porque, os que toman hoxe as decisións no ámbito da política educativa en Galicia, esquéceno un día si, e outro, tamén. Con todo, eses lemas foron asumidos por todas as forzas sindicais que representan ao profesorado e cómpre recordar que as manifestacións multitudinarias de Santiago a comezos de curso, responderon a unha convocatoria unánime de todos os sindicatos. Hai logo, consenso, na defensa do ensino público e no rexeitamento dos recortes.

Xa que logo, a quen pode incomodar unha pancarta que fai un alegato en defensa do ensino público. Por máis voltas que se lle dea, só pode incomodar a quen pretenda negar a evidencia, e dicir, a existencia dos ditos recortes; ou a quen siga ao pé da letra a política desta Consellería de Educación, que co seu aparello de propaganda, pretende seguir trasladando as "medias verdades" que vén comunicando dende que ostentan o poder.

Por outra banda,  estas pancartas poden ser un pouco incómodas. Incómodas...para quen? Para quen teña que asumir responsabilidades no exercicio das súas funcións directivas ou inspectoras? Quizais. Mais o exercicio desas responsabilidades leva tamén a certo compromiso ético, e ese compromiso ético ten que ver moito co tipo de dirección ou inspección que se exerza. Se ese exercicio tivese que ver co liderado, o compromiso ético estaría garantido e o respaldo asegurado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario