A opinión dos docentes...non conta?

7 dic 2012

A LOMCE e as "cousas ben feitas"




Manuel Menor Currás

Posto que do que se trata é de “mellorar” o sistema educativo, non imos a recear que a LOMCE estea feita coa sa intención de deixar este aspecto da vida colectiva nunha posición moi mellorada respecto de como os seus xestores actuais o recibiron. Tendo en conta, por outra banda, que entre as proclamas do Sr. Rajoy, está a de buscar “as cousas ben feitas”, non cabe desconfiar tampouco de que o que este proxecto de lei que presenta Wert, veña a ser o canon do que, aos seus ollos e aos de quen lle sustentan no cargo, deba ser a “buenaducación”.

O habilidoso e locuaz ministro foi capaz de desviar a nosa atención cara á cuestión lingüística catalá, coma se ese fose o centro da súa proposta e nese pulso quixese deixar clara unha firme determinación de sacar adiante as súas extraordinarias ideas sen que nos decatásemos ben de cales son. Contando, ademais, co auxilio indubidable da aquiescencia absoluta das doce autonomías en que goberna o seu partido, puido orquestrar perfectamente que esta proposta de lei ten todas as características dunha boa lei, que acabará pondo orde e sentido onde só hai incongruencia e desatino. Seguín con atención que dicían na nova TVE respecto diso e quedeime demasiado informado de que era unha boa lei e de que, salvo a oportunidade do asunto lingüistico -que algún tertuliano de 24 horas vía incoherente nese momento dos avatares políticos, día catro de decembro de 2012-, non merecía senón asentimiento. Digo mal: un dos interlocutores si sabía de que ía a lei, pero a súa voz quedaba illada e, co tempo e espazo moi limitados, quedou como unha flor exótica ante os outros catro participantes. Nos quioscos, o amplo eco que ten desde ese glorioso día o cualificativo “imprescindible”, aplicado a este proxecto, é igualmente extenso, en proporción similar. Unha coincidencia que recorda bastantes salas de profesores en que estiven, onde toda discrepancia coa socorrida apreciación rutineira de que mal está isto, que desastre de clase acabo de sufrir, era de inmediato sufocada. Digo “era” en tempo pasado, meramente porque desde fai vinte días pasei ao limbo dos xubilados, non porque estime que a socioloxía do profesorado actual se volvese de súpeto coherentemente crítica cos fallos estruturais que ten o sistema educativo español. En todo caso, custa crer que os camiños de “buenaeducación” que estes días teñen tan ocupados aos medios -a contrafío do que adoita suceder neste sector informativo- sexan tan apaixonantes, capaces de escurecer e eclipsar logros anteriores que os especialistas -e a propia OCDE- adoitan recoñecer ao breve tempo transcorrido desde os setenta e oitenta para acá.

Desde a lexitimidade democrática que lle dá a Wert o respaldo dunha maioría parlamentaria e á marxe de como a estean usando e de que outros medios ou mañas se estean valendo para impor -que non dialogar, consensuar ou pactar-, as súas formulacións, o que cabe, ante todo, á cidadanía en xeral é tratar de decatarse de cales son as pautas de “mellora” que propón este ministro. A propósito de que a verdade ou calidade dun proxecto non depende da cantidade de votos -libres ou condicionados- que o sustentan. A todo cidadán convenlle racionalizar o que agora se está anunciando como “mellora” do sistema educativo dos seus fillos, e máis cando, de xeito evidente, parece que vaia ser norma da educación española en pouco tempo. Este exercicio, por outra banda, se puidese estar libre de argumentacións ad hominem, axudaría na responsabilidade compartida que temos todos de facernos cargo dos acertos, pero tamén das inoportunidades e equivocacións que poden caer sobre o presente-futuro de toda a sociedade española.

É curioso que, en educación, todo o mundo saiba máis ca ninguén, ata agora mesmo en que tantas dúbidas nos asaaltan sobrea case todo. Proba que dá fe diso é a enorme altura científica que -en asuntos educativos- se lles recoñece aos reunidos na mentada Conferencia das Autonomías, onde o ministro deu mostras do moito que sabe de “educación”. Seguramente por iso nos fomos decatando sobre a marcha de sucesivos borradores deste proxecto ata o momento mesmo do seu acomodaticia e superficial case aprobación definitiva nesa sesión, previa ao seu tránsito-debate-ou-o-que-for no Congreso. O dicionario que usan neste Ministerio actual para dicir que houbo “diálogo”, “achegas valiosas” e “debates previos” ao redor dun “libro branco” ou un “diagnóstico” coherente e contrastado, debería ser coñecido por todos: a manipulación destas palabras esixe, polo menos, un Ficcionario, apto para cualificar o que vaia suceder con esta lei no seu tránsito pola Cámara Baixa. Doutra banda, se chegaran na época de Gabilondo a pactar un 70% de cuestións básicas -como recoñeceron algúns participantes de ambos os bandos-, nin sabemos que tanto por cento daquilo se traduce actualmente nesta última edición de proxecto LOMCE, nin menos, por que se abortou aquela iniciativa. Cabe deducir, pois, que a primeira característica da “buenaeducación” que se propugna agora teña que ver, ante todo, co segredo ministerial (e autonómico), capaz de dirimir en por si, sen luz nin taquígrafos, que sexa conveniente para votantes e non votantes. Iso sitúanos -en termos históricos- en pleno “despotismo ilustrado”, anterior á Revolución Francesa ou, se o prefiren, en desenvolvementos políticos pouco homologables coa democracia.

Este anacronismo lévanos a outro que, se en todos estes anos de presunta transición non soubemos obviar, agora acentúase aínda máis. En maio de 2011, José María Maravall contaba a ESCUELA: “Cando cheguei ao Ministerio, na primeira visita que me fixeron os bispos trouxéronme uns textos nunhas follas de papel cebola: redactaran decretos, con todo o articulado completo, aos que soamente faltaba a miña sinatura; claro, fóronse sen ela” (nº 3907, páx. 35). Cantos vivan atentos a todo o ocorrido ata hoxe saben que nunca se foron da contorna do poder político. O dos “valores éticos e morais” versus “relixión” a supresión da esquelética “Educación para a cidadanía” (LOE) -ou “para a convivencia”, que se dicía en vésperas da LOGSE-, a separación-subvención de nenos-nenas como signo de prestixio, as manobras para potenciar subvencións ás escolas FERE-CECA e CECE, a instrumentación da “demanda social” por parte de CONCAPA, xunto á inestimable axuda estratéxica de ministros e conselleiros cualificados, son elementos concorrentes na letra de molde “espiritual” deste proxecto lexislativo -non todo é mera tecnocracia. Como o que pautou o Vaticano II pronto se lles quedou en letra morta, puxan por revitalizar o paradigma do Vaticano I e Pio IX. Máis aínda, por que non volver ao Concordato de 1851? A época de Bravo Murillo ten, ademais, moitos nostálxicos neste Goberno: “orde, paz e propiedade” aínda pode ser lema dun goberno de rexistradores e achegados. A bendición da xerarquía católica é o que máis necesita o sistema educativo para “mellorar” a súa “eficiencia”.

Á súa vez, isto remítenos a outra característica definitoria deste proxecto en que “as cousas ben feitas” pasan por recoñecer á Natureza o que por si mesma dá, cos desaxustes e desequilibrios que, en canto á vida humana en sociedade, comporta se non se pon en valor a intervención cultural... e política. Oíndo o que din os nosos xestores actuais da educación e lendo o que na LOMCE queren lexislar respecto de reválidas, itinerarios educativos e variadas cuestións curriculares concernentes ao que e cómo ensinar nun centro -e con que grao de esixencia, coma se todos os críos chegasen nas mesmas condicións “naturais” aptas para o proceso de aprendizaxe-, vénselle a un ao recordo unha intervención de Romeu Robledo en 1902, apenas iniciándose a nosa limitada lexislación social: “Non é verdade que as clases obreiras vivan na estreiteza e na miseria... É que credes, por ventura, que os salarios non bastan para satisfacer as súas necesidades?... De que viven senón do exceso de salarios -en Madrid e noutras partes, na industriosa Cataluña-, cafés, tabernas, tendas, sitios de recreo, aos cales non van as clases acomodadas?... Se eses sobrantes de salarios se consagrasen ao aforro e non á dilapidación no consumo, melloraríase a situación das clases traballadoras? (Diario de Sesións do Congreso de Deputados, 25/ 04/ 1902, nº 20, páx. 22)”. Pois que queren que lles diga: cara aí volvemos tamén coa “boa educación” que aquí e agora se proxecta. Coma se non pasase nada nestes últimos 110 anos tan complicados.

Estamos aprendendo en carne propia da vulnerabilidade de moitas conquistas sociais, tamén na educación pública. A situación é especialmente propicia para que medre a idea de que non é rendible mellorar á sociedade en canto a esixencia compasiva cos seus elementos máis vulnerables. Abundan, mesmo, os que consideran máis proveitosa a destrución dos espazos públicos prestixiosos de que, ás topadas, nos fomos dotando. Os que patrocinan esta LOMCE -a piques de entrar no Congreso como unha das “cousas ben feitas” deste Goberno- non deberían esquecer os motivos egoístas que induciron á creación das primeiras leis sociais e, logo de 1945 -na Europa de postguerra- ao pacto do “Estado de Benestar”. O último baremo do CIS, de onte mesmo ,sacaba a relucir que o 52,5% dos españois consultados estaba pouco ou nada satisfeitos coa Constitución, á vez que seguía destacando de xeito moi relevante aos políticos como problema. Galbraith preguntaríalles premonitorio: Con isto “pódese facer que o futuro sexa máis seguro e mellor para todos” (Unha sociedade mellor, 1996, páx. 27).


Madrid, 6/ 12/ 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario