A opinión dos docentes...non conta?

6 dic 2012

Sen escrúpulos...

Anda o mar revolto estes días. O que non dá a forza da razón, parece que quere impoñerse pola razón da forza. O conselleiro recentemente renomeado no seu posto (para desgraza e prexuízo da nosa lingua e a nosa cultura) non só non acata as sentenzas, senón que busca apoios para seguir coa súa política lingüicida. Ata o mesmo ministro Wert inventa artigos na súa retrograda lei de "mellora" (he, he) do sistema educativo para respaldar as posicións preconstitucionais do noso conselleiro. O propio presidente Feijoo, coa súa engolada, hipócrita e falsa proclamación de GALICIA, GALICIA, GALICIA vén de facer unhas declaracións sobre as bondades do sistema bilingüe (?) para apagar lumes en Santiago e en Madrid.

Porque non hai escrúpulos o conselleiro fai unha lectura das sentenzas como  se lle foran favorables e di que o tribunal avala (?) a súa política lingüística. Calcula ao peso a sentenza e nunha argumentación infantil pretende defender que só o cinco por cento do decreto é contrario á lei e, polo tanto, non o vai derrogar...Porque non hai escrúpulos...nin vergonza.

Non hai escrúpulos e, como as sentenzas contrarias as posicións desa política lingüística agresiva contra a nosa lingua propia se veñen repetindo unha tras outra en fervenza que non para, os nosos gobernantes non dubidan en facer  unha lei nova que nos retrotrae aos anos anteriores á Constitución, nos que os dereitos lingüísticos de todos os cidadáns do Estado non estaban garantidos.

Non hai escrúpulos, e como o tribunal non lles dá a razón sobre os seus postulados segregacionistas -tamén en materia lingüística- argumentando a falacia da liberdade das familias para a elección da lingua vehicular, inventan unha vía co-lateral, de todo punto inconstitucional, para evitar a obrigatoriedade do alumnado de aprender ambas linguas cooficiais nas comunidades con lingua propia, e, de paso, achéganlles unha competencia exclusiva elitista aos centros do Opus cos cartos de todos os contribuíntes. Recordemos que estes centros seguen a facer discriminación de alumnos en función de sexo no que eles chaman educación "diferenciada" que, por certo, tamén defende este ministro. Os que xa temos algúns anos recordamos bastante ben esa educación "diferenciada" da nosa infancia. Daquela os centros eran "Escuelas de niños"  e "Escuelas de niñas" e, por suposto, o galego estaba prohibido. Recordamos tamén como mesmo algúns mestres foron expedientados e represaliados por usar o galego nas súas aulas. Recordamos tamén que había algunhas materias como Historia Sagrada ou Formación del Espíritu Nacional...e estes recordos que hoxe volven aos nosos pensamentos non volven por exercicio de memoria, volven porque os nosos gobernantes en materia de educación parece que senten morriña daqueles tempos. Os engadidos que o ministros Wert acaba de meter na súa lei, non son máis ca constatación destes feitos. Non hai escrupulos...

Non hai escrúpulos, porque todo isto responde a unha estratexia programada e controlada nos seus tempos; do mesmo modo que se fixo respecto da "suba" (en palabras da ministra de emprego e seguridade social) das pensións e o xogo electoral en Cataluña e se fixera anteiormente en Galicia ou en Andalucía.

Non hai escrúpulos, nin vergonza, cando da noite para a mañá se pretente meter o dedo no ollo (véxase a acción de Mourinho) a todos os cataláns cunha agresión brutal a unha política lingüística que vén dando resultados constrastados nos últimos trinta anos e sobre a que non existe conflito de ningún tipo en Cataluña. Por que ?  Por que ? Por que? señor Wert...(diría Mourinho)

Moi claro,... porque non hai escrúpulos e esta xente está disposta a crear un conflito (mesmo co elemento máis sagrado dunha comunidade e dunha cultura que é o cerne do seu ser, e dicir, a súa lingua) tal como fixeron en Galicia nos últimos anos. Está disposta a meter o dedo onde máis doa, onde poidan ferir máis, onde a reacción poida ser máis virulenta e, nesta batalla, na que eles teñen pouco que perder (sobre todo en Cataluña) agachar os catastróficos datos do paro (que se publicaban o mesmo día) e que evidencian que o goberno -coa súa política de austeridade e recortes- é o principal promotor neste aumento das listas do mesmo xeito que este fanático e reaccionario ministro é o principal impulsor da indepencia de Cataluña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario