A opinión dos docentes...non conta?

29 nov 2012

Prepotencia contra o idioma

Publicado en La Región o 28-11-2012.




Manuel Herminio Iglesias
Manuel Herminio Iglesias
A semana pasada deixounos unha importante novidade relacionada co ensino na nosa fala: a sentencia do Tribunal Superior de Galicia na que desmonta a base do decreto contra o galego aprobado polo Goberno de Feijoo. Importante sentencia que pon ao descuberto que quen goberna a Xunta actuou, e pensa seguilo facendo (verbas do conselleiro do ramo), dunha maneira fraudulenta, partidaria e prepotente.

Os gobernos deben ser exemplo e garantes da legalidade que emana das leis e dos tribunais de xustiza. Pero a realidade non é así. E como é moi visible, deseguida pon ao descuberto que nesta terra a arrogancia e a mentira son as escusas para afirmar que non se modificará nada do mencionado decreto. Ou sexa, non se vai a corrixir ren. Que ven a ser o mesmo que dicir: 'Nós imos seguir facendo o que nos da a gaña, pois as eleccións revalidáronnos no poder e a nosa folla de ruta quedou aprobada polas urnas'. Claro, neste caso fálase de promesas que se queren cumprir, aínda que hai moitas máis e moi importantes que se incumpriron e incumpren día a día.

A verdade é que dende que goberna Feijoo, a legalidade é conculcada de maneira continuada e segundo a comenencia do momento polos que din traballar polos intereses xerais, polos que din defender a nosa cultura, símbolo de identidade a cal ten o seu legado máis importante no idioma. Idioma que está esmorecendo coa aquiescencia destes fariseos que din defender a lingua e logo fan todo o contrario, e pretenden que morra nas lareiras ao igual que morren as nosas aldeas e pobos. Supoño que moitos lectores lembrarán o que aconteceu co concurso eólico, que puxo en marcha o bipartito e que os conservadores chimparon abaixo co pretexto de que non era legal. Logo o Tribunal Superior de Galicia, a instancias das empresas que gañaron o concurso, fallou que se axustaba a dereito e que era completamente legal. Agora, o Goberno dos recortes sociais contra os máis débiles terá que asumir os gastos derivados das compensacións ás empresas privadas da concesión que gañaran, e todo por darlle acubillo a intereses escuros e descoñecidos para a grande maioría dos galegos. E isto volve acontecer de novo co decreto do galego. E o señor Feijoo e o conselleiro Vázquez esquecen intencionadamente que en Galicia non había ningún problema co galego. Había un consenso de todas as forzas políticas. O problema único foron vostedes, que animaron a pequenos sectores ultras para que fixeran ruído e así xustificar a fobia que parte de vostedes teñen contra un legado herdado dos nosos maiores.

En fin, se a lei está para ser cumprida, entendo que o Goberno da Xunta terá que modificar un decreto que lle da unhas atribucións aos pais onde non as teñen. Terá que cambiar a un conselleiro que minte ao valorar a sentenza e que é un perigo para a normalización do noso idioma. E buscar de novo o consenso, pois o idioma non é patrimonio exclusivo dos populares. É un patrimonio da sociedade. E debera estar por riba dos intereses partidarios e das contendas electorais do momento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario