A opinión dos docentes...non conta?

10 nov 2012

Máis preguntas para o ministro...


3. De que calidade se fala cando se di que esta lei se promulga para mellorar a calidade da educación?

Aínda que a calidade non é un termo unívoco, na Declaración Universal de Dereitos Humanos, e desde logo na Constitución de 1978, a calidade enténdese en función do cumprimento dos fins asignados á educación, é dicir, haberá calidade cando se logre o pleno desenvolvemento da personalidade do educando, o que en expresión usual identifícase coa formación integral. Non é esta a calidade que impregna o proxecto Wert que, no seu preámbulo, asigna á educación o papel de promover a competitividade da economía, preparando ao alumnado para o mercado de traballo. Dos outros fins, relacionados co respecto aos principios democráticos de convivencia e aos dereitos e liberdades fundamentais, como di a Constitución, non hai nin sombra no proxecto: da formación para a cidadanía apenas queda nada na lei xa que foi suprimida de varias etapas educativas e o que subsiste está sumamente afastado da formación cívica.
Por outra banda, os estudos internacionais aos que tan afeccionado é o ministro Wert non só non apoian senón que descualifican o proxecto, tal e como por exemplo sinala un recente estudo da OCDE, de febreiro de 2012, onde se di expresamente que a calidade faise realidade cando se desprega a potencialidade educativa da persoa e lógrase a inclusión social. O informe da OCDE a este respecto é taxativo: Equidade en educación significa que as circunstancias persoais ou sociais, como o xénero, a orixe étnica ou os antecedentes familiares, non obstaculicen o logro do potencial educativo (xustiza) e que todos os individuos alcancen polo menos un nivel mínimo de competencias (inclusión), sinalando, por outra banda, no resumo introdutorio, que a falta de equidade e inclusión pode levar ao fracaso escolar? Pouco ou nada hai de equidade nun proxecto obsesionado pola competitividade e pola produtividade, propias dunha visión economicista da educación.

4. Como se pode dicir que o principal obxectivo para mellorar a calidade é atender aos resultados dos alumnos (output) e non ao nivel do investimento (input), disociando ambos os termos?

O ministro Wert que se está revelando como un avantaxado alumno no uso da linguaxe, presenta unha verdade a medias: é certo que máis investimento pode non producir máis calidade de educación, pero só cando o país alcanzou xa un determinado nivel de investimento que nós non logramos aínda, sobre todo se tomamos como referencia aos mellores sistemas educativos de Europa. Esquece o ministro que estes sistemas, cos que queremos compararnos, invisten, desde hai moitos lustros, entre un 6% e un 7% do PIB en educación. Segundo as últimas estimacións solventes, o gasto público atópase hoxe, a consecuencia dos recortes, nun 4,3% do PIB fronte á media da OCDE (5,4%), desde logo moi lonxe de países como Finlandia (6,1%) ou Suecia (6,7%), por exemplo, países que veñen realizando ese notable investimento de xeito sostido durante varias décadas e que alcanzan notables resultados nas avaliacións internaciones. O ministro Wert, parece ignorar que no último informe da OCDE sobre indicadores da educación, o de 2012, publicado polo seu departamento, afírmase que os investimentos en educación "son altamente rendibles" e que "a medida que se incrementa o nivel educativo, maiores son os beneficios absolutos que xera o investimento"....(CONTINUARÁ...)

No hay comentarios:

Publicar un comentario