A opinión dos docentes...non conta?

14 nov 2012

Que hacemos con la educación?...un libro moi recomendable.

 Manuel Menor
Este libro de 63 intensas páxinas acaba de inaugurar unha colección substanciosa na que se pasará revista aos asuntos primordiais que conforman a nosa problemática actualidade. Tarxeta de presentación da mesma, está especialmente pensado para cidadáns preocupados por como en poucos meses os dereitos sociais e políticos que tanto tempo e traballo custaron, están sendo arrebatados con enorme facilidade e desenvoltura. Axudaralles a entender mellor o que está pasando, a desconfiar de versións oficiais enganosas e a resistir na construción dun mundo mellor que o que lles tocou en herdanza. Que hacemos con la educación? herda o mesmo espírito que animou, fai algúns anos, a outras coleccións como De que va, que coordinaba María Fuentetaja desde Ediciones La Piqueta, ou a que Antonio Albarrán desenvolveu con notable éxito desde Editorial Popular: ... A lo claro. Como elas, a nova colección pretende unha reflexión colectiva sobre cuestións perentorias, da man de persoas e colectivos implicados nunha sociedade máis xusta e menos asimétrica, máis consciente e menos amedrentada.
No título completo deste primeiro libro está máis explícito o sentido que o anima: Que facemos para que os recortes e reformas non acaben cun alicerce tan básico da nosa vida como a educación. A pregunta -ou advertencia desesperada- non pode ser máis certeramente crucial para o ensino público, nunha conxuntura en que, -logo dunha ambigua herdanza recibida do franquismo, e dunha transición democrática demediada por múltiples urxencias-, estoupa estrangulando sistematicamente co pretexto da crise e, de engadido, quéreselle impor unha nova lei orgánica inoportuna e inadecuada. Os autores deste pequeno libro tratan de erixir coas súas fráxiles páxinas de papel unha muralla contraria ás políticas conservadoras que están deteriorando de xeito acelerado a calidade e equidade da educación pública española. Consideran que, se non se deteñen a tempo, "podemos estar ante un retroceso histórico que nos devolvería á escola de pobres do franquismo e, en definitiva, a unha universidade só para ricos". A "mellora da calidade", que propugna a LOMCE, desmotivará moito aos profesores, segregará máis aos alumnos e privatizará rapidamente as menguantes dotacións
Agustín Moreno, Enrique Díez, José Luís Pazos e Miguel Recio -amplamente recoñecidos por cantos pugnan por un ensino público digno para todos- repasan desde esta óptica os grandes retos do noso sistema educativo, insuficientemente atendidos ou malinterpretados: o dereito á educación, a educación inclusiva, o currículo educativo, a autonomía e organización democrática dos centros, a avaliación educativa, a formación inicial e permanente do profesorado, a universidade e a I +D, o financiamento educativo e, sobre todo, que facemos coa educación do século XXI, porque, ao final, de pouco valen estes empeños se nos quedamos sen futuro, nós e os nosos fillos. Por todo iso, este libro, ademais de sería reflexión sobre este presente estragado, quere ser chamada urxente a seguir loitando por que a nosa educación pública sexa lugar de encontro, de mellora no coñecemento e a liberdade, de convivencia: esa é a súa esperanza.

Madrid, 11/ 11/ 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario