A opinión dos docentes...non conta?

14 nov 2012

Wert non responde...pero as preguntas continúan.

5. Como pode sustentarse un proxecto sobre un aspecto tan descualificado polos estudos internacionais como a repetición de curso?
 
Unha das cousas máis sorprendentes da lectura do proxecto é a obsesiva reiteración da repetición de curso nos diversos niveis educativos. Ata o momento non parece que o ministro Wert se preguntara sobre as causas que obrigan aos alumnos a repetir curso (ao parecer abonda con que non respondan ás expectativas das diferentes avaliacións e probas), pero cabe preguntarse se a repetición se produce porque temos un currículo enciclopédico inadecuado, ou porque o tempo que se dá para cursalo non é suficiente para un número importante de alumnos, ou porque pesen circunstancias persoais e familiares desfavorables de orixe socioeconómica ou cultural. En todo caso, a repetición non é a solución. Sucesivos estudos nacionais e internacionais sinalaron que a alta taxa de repetición en España non conduce ao éxito escolar. En realidade, aos alumnos non se lles recupera, senón que se lles castiga e estigmatiza. Finalmente, a pesar do entusiasmo do ministro polos estudos internacionais, esquece un moi recente da OCDE, xa citado, no que, para previr o fracaso escolar, recomenda, entre outras medidas, eliminar a repetición de curso: A repetición de curso é custosa e non mellora os resultados educativos. E entre as alternativas que propón cítanse as de previr as lagoas de aprendizaxe durante o ano lectivo; permitir un pase automático ou limitar a repetición a materias ou módulos reprobados proporcionando un apoio especial; e favorecer un cambio cultural contra a repetición.Pero, claro, as medidas de reforzo e de apoio ao profesorado esixen recursos: é máis fácil facer cargar a repetición sobre o alumnado.
 
6. Como se pode pretender que por adiantar a elección de itinerarios na E.S.O.  se vai reducir a taxa de abandono escolar?
 
Neste punto clave da reforma ponse de manifesto algo que é connatural á mesma: a selección e consecuente segregación do alumnado, así como a falta de igualdade de oportunidades. Adiantar a 3º de ESO a elección de itinerarios significa que unha parte considerable de estudantes só conseguirá un simple Certificado de Estudos, ou, no mellor dos casos, unha Formación Profesional Básica, xa que os Programas de mellora da aprendizaxe que se propoñen non permiten, como no caso dos actuais Programas de diversificación curricular -que esta lei suprime-, o acceso directo ao Título actual de Graduado en Educación Secundaria. O certo é que a segregación temperá do alumnado nos retrotrae ao sistema educativo anterior á Lei Xeral de Educación de 1970; por outra banda, o acceso á Formación Profesional que se propón corre o risco de converterse nunha fórmula para empregar aprendices sen salario. En todo caso, os cidadáns españois deberían saber que moitos dos seus fillos van ter desde moi cedo grandes dificultades para proseguir os seus estudos no sistema educativo. Estes alumnos, xa que logo, non abandonan, sinxelamente expúlsaselles do sistema e, en consecuencia, van aumentar as taxas de fracaso e de abandono.
 
7. Como se vai a pór en práctica o sistema de formación dual na Formación Profesional se o Estado e as comunidades autónomas están levando a cabo grandes recortes en educación e as empresas non manifestaron nunca a intención de financiar activamente esta modalidade de ensino?

O texto normativo confesa que se pretende canalizar unha proporción maior de estudantes cara á Formación Profesional e facilitar as vías de acceso aos graos de formación profesional. Todo o mundo coincide en que a Formación Profesional segue sendo a materia pendente do sistema educativo e produtivo español, pero de aí a converter o sistema educativo nun auténtico sistema dual hai un gran treito (financeiro) que non parece que nestes momentos se poida conseguir. Hai que ter en conta que o financiamento do sistema dual alemán que se propón implantar corre a cargo das empresas fundamentalmente, o que resulta de moi difícil aplicación en España onde unha porcentaxe amplísima do tecido empresarial constitúeno as pequenas e medianas empresas, sen que as grandes empresas manifesten, que se saiba, o seu desexo e a súa vontade de colaborar financieramente nesta implantación. Resulta moi pouco realista pensar que as PEMES vaian financiar a formación dual; a dificultade a priori desta posibilidade parece garantida, máxime se se ten en conta que este asunto non é de exclusiva competencia do ministro Wert senón que é compartida co Ministerio de Emprego. (CONTINUARÁ...)

No hay comentarios:

Publicar un comentario