A opinión dos docentes...non conta?

22 nov 2012

Sr. conselleiro: e agora...que?


O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de ditaminar que o que ten que facer a Administración respecto do uso do galego no ensino é deseñar o sistema que permitam acadar os obxectivos e deixarse de consultas, ao tempo que para ser coherentes a lingua que deben empregar o alumnado, ha ser a mesma na que se imparta a materia. Tan lóxico e obvio, que non merece aclaración nin maior cuestionamento.

Só a Consellería cuestionaba este asunto, e non por falta de coñecemento, posto que o máximo representante da Política Lingüística da Xunta naquel momento era, Anxo Lorenzo, profesor da Universidade de Vigo e reputado sociolingüística (ata aquel momento). Cuestionaba este asunto porque, logo dunha campaña política noxenta de utilización da lingua como arma electoral e de arrapañota de votos facendo auténtica demagoxía arredor da lingua para atraer aos sectores máis reaccionarios, non tiña outra opción que derrogar o decreto do bipartito e "inventar algo novo, para disimular". Máis dun ano -case dous- lles levou parir o adefesio do decreto de plurilingüismo. Para tentar xustificar a redución da presenza do galego no ensino, inventaron o dos centros plurilingües e a presenza do inglés. Para dar satisfacción a Galicia Bilingüe -con quen desfilaron nas súas manifestacións en contra do galego- inventaron a posibilidade de elección de lingua no ensino por parte dos pais ou que os alumnos puidesen facer os exames ou dirixirse ao profesorado na lingua da súa elección. E todo isto pasou a formar parte do articulado do decreto; os equipos de normalización dos centros pasaron a ser de "dinamización" e a palabra normalizar foi proscrita a un limbo no que aínda hoxe permanece. As exencións de avaliación de lingua galega danse con tal de que o alumno ou alumna curse un ano fóra de Galicia e organizouse un paripé de enquisa aos pais, na que se lle prohibiu aos profesores informar,  da que nunca se publicaron nin se souberon os datos...

Milleiros de manifestantes nas cidade galegas e, posiblemente, a manifestación máis grande que se recorda en Santiago, en contra do decreto de plurilingüísmo. Mentres, o conselleiro, dicindo que está disposto ao diálogo ( que diálogo?...sería un monólogo) coa súa típica versión distorsionada da realidade. Todo este cerello, toda esta provocación dun conflito lingüístico onde non  o habia...para que?

Só atino a topar unha resposta...Para..., pretendidamente, tirar réditos electorais.

Agora, de novo o conselleiro le as resolucións xudiciais ao revés...pretende - e así o di nos medios- que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala a Política Lingüística que veu desenvolvendo este goberno lingüicida. Non señor conselleiro, o TSXG acaba de darlle un pao que escachiza o seu decreto-trampa e vostede continúa, erre que erre, dicindo que faltan por saír as resolucións doutros cinco recursos e ata que saían vostede non pensa en derrogar o decreto.

Sr. Vázquez, vostede sabe que isto é prolongar a súa agonía política. Con esta resolución, e as próximas que han vir, está vostede desautorizado para ser de novo conselleiro. Se por un casual, o señor Feijoo tivese en mente nomealo de novo, agora xa sabe que non o fará . Supón vostede un lastre  do que hai que prescindir. Se ten un poco de vergonza, faganos caso, derrogue dunha vez o decreto do plurilingüsmo e marche para a casa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario