A opinión dos docentes...non conta?

9 dic 2012

Máis leña ao lume da discordia lingüística

 Manuel Dobaño. El Prat de Llobregat

 Publicado en La Región.09.12.2012

 (A trad. é nosa)


Creo que foi o meu ilustre paisano, o poeta galego Manuel Curros Enríquez quen, máis ou menos, sentenciou: 'Se este é o mundo que Deus fixo, que me leve o demo'. Pois algo parecido pensei eu cando me decataba de que un ministro español, con raro apelido estranxeiro, leábase a manta á súa pelada cabeza e anunciaba que iso da lingua catalá non lle gusta nin un pelo e que hai que pór orde na maltreita granxa educativa para maior gloria do Imperio cara a Deus. ¡Santiago e cerra España!

Coa que está caendo, estame dando a impresión de que os atribulados ministros que arroupan a un presidente do goberno que está peixe en idiomas e que nin tan sequera fala a lingua da súa terra galega, non teñen outra cousa que facer que botar gratuitamente máis leña ao lume da discordia.

Un, que foi testemuña da represión lingüística por partida dobre, tanto en Galicia, como en Cataluña, séntese transportado a aquel tenebroso túnel do tempo no que as chamadas linguas vernáculas de todas as Españas estaban literalmente proscritas e no que todos tiñamos que falar en español para maior gloria daqueloutro galego baixiño que mandaba tanto e que tampouco sabía expresarse en galego.

Por moitas leis que intenten impornos os ilustrados políticos que agora mesmo nos malgobernan, eu seguirei falando en catalán cos meus netos cataláns e en galego cos meus amigos da terra de Curros Enríquez, e espero que, por moito tempo, tamén o sigan facendo os netos dos meus netos e os amigos dos meus amigos. Amén. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario