
Cóntoche. Andaba eu atabanada porque, á medida
que miraba escolas na cidade onde vivo, vía cada vez máis difícil que a
miña filla puidese estudar en galego. Enténdeme ben, as escritoras temos
unha reputación que manter pero, non sei se o sabes, somos máis ben
tirando a pobres. Pero agora xa sei que grazas á túa mente preclara, a
Consellería de Educación ten que financiarlle a garantía de galeguidade á
miña filla pagándolle un deses coles progres pero privados, oh, tan
orixinais, para garantirlle a competencia correcta nas dúas linguas
cooficiais de Galicia. Díxomo a miña amiga María, unha de Vilar de
Santos que me chamou case tan contenta coma min para ofrecerme entrar no
teu clube de fans. Ela, coma min, xa ten resolta a matrícula do seu
fillo nos Maristas de Ourense porque disque non hai maneira de resolver o
seu castelanfalantismo na aldea, deixando á parte o asunto da
indesexable mestura con negros, ciganos e inmigrantes de toda ralea que
non fan máis ca falar galego nas escolas públicas. Porque, dicíame
María, éche unha mágoa que lles quiten o soldo ás coidadoras de
dependentes, pero non me digas que non vai moito mellor investido en
pagarlle unha boa educación na súa lingua aos nosos fillos. Tiven que
darlle a razón. Grazas, Wert. Que Deus cho pague. Sabía que esta era a
única maneira de que a miña filla puidese estudar en galego en Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario