A opinión dos docentes...non conta?

27 dic 2012

Armouse o Belén

Rosa Enríquez
Rosa Enríquez.
Publicado en La Región o 27.12.2012.
 
Fartas. Ese é o nome do colectivo que, xunto con Stop-desafiuzamentos, protagoniza a actualidade informativa. A razón sabémola ben: o neno Xesús foi 'raptado'. O berce ficou baleiro. Sorprendente? Un pouco, a verdade. Porén, á marxe do estrañamento e irritación que produza nalgunhas persoas este feito curioso, o caso é que cumpriu o seu obxectivo. Efectivamente, o asunto deu que falar. Lembrounos a hipocrisía das clases sociais acomodadas. Entre agasallos, paparotas e bos desexos, parece que esquecemos a cara fea da realidade. Desoutro lado do espello, queirámolo ver ou non, malviven os miserábeis. Miserábeis porque habitan na miseria e sobreviven, no mellor dos casos, grazas á axuda allea.

A cousa é así, nesta sociedade do 'terror-estar' non hai camas para tanta xente? E volvemos ó principio, ó modus vivendi máis rancio, caracterizado por un clasismo extemporáneo e ridículo que deriva da mala xestión de políticos mediocres e intereseiros que deberían pasar un tempo á sombra. Ou mellor, ó raso. Daquela, imaxinemos a Feijoo à la belle étoile, poño por caso.

Como se sentiría no medio da rúa, sen nada que levar á boca? Sentiría algo? E que lle parecería, a Esperanza Aguirre, ter un familiar gravemente enfermo e non o poder sandar por carecer de cartos cos que custear o tratamento? Comprendería entón que significa ser enfermo de segunda ou terceira categoría? Pode esta señora comprender algo? Mentres todo isto sucede neste paraíso de maldade política, católicos e católicas rememoran que hai dous mil anos, naceu nun corte un tal Xesús. Sen un can, conste.

A Sagrada Familia, con permiso de Gaudí, vivía na miseria. Xosé e María, así lles dicían, andaban dun lado ó outro na procura dun sitio onde durmir até dar co devandito corte onde pasar a noite. Cousa fina, como correspondía ós da súa condición. Case tanto como esas árbores ateigadas de luces cunha deliciosa 'Noite de paz' como banda sonora... Estraño este mundo noso, abofé que si. Con todo isto, non deixo de pensar na ledicia do neno Xesús ó ser desafiuzado. Onde ía estar mello que na cama de cartón dun caixeiro, ó carón da xente da súa clase?

No hay comentarios:

Publicar un comentario