A opinión dos docentes...non conta?

27 dic 2012

Dona Amalia


Xosé A. Jardón Dacal
Publicado en La Región o 27.12.2012

'Es una falta de educación que yo le hable en un idioma que es el español y usted me hable en gallego'   (Amalia, radiooínte da Radio Galega)


Queridísima Amalia: Se tivese que estar con alguén, eu estaría con vostede e non con ese teixugo da Radio Galega que non respecta ás súas radiooíntes e segue a falar en galego aínda que se dirixan a el en castelán e comecen a falar primeiro. A quen se lle ocorre!

A min paréceme moi ben que dona Amalia cumpra coa súa promesa e requira a axuda do seu amigo Feijóo, ese que fala sempre en galego e en castelán no Ferrol. A ver se o ambidextro presidente pon no seu sitio a Alberto Freire, presentador do programa da Radio Galega 'Pensando en Ti', para que se decate dunha ver por todas que en Galicia hai xente que non é de esquerdas, que é española e que lle gusta que lle contesten en español cando fala español. Faltaría máis, dona Amalia!

O que ten que facer o amigo desa señora é agarrar por unha orella ao 'garçon' da radio (dona Amalia sabe francés) e darlle uns azoutes ben dados no cu para que aprenda a lección e cando lle falan en castelán, por educación, responda en castelán e non nese idioma ?o galego- que non lle interesa para nada a dona Amalia, a pesar de vivir en Galicia.

Mais, se o amigo da ilustre radiooínte non fai o que ten que facer para amansar ao 'boy' da radio (dona Amalia sabe inglés), porque anda distraído en Madrid procurando unha mellora de emprego, no canto de preocuparse polo idioma do seu país, malo será que non conte coa inestimable axuda do señor Vázquez ?o conselleiro do ramo- para quentarlle a orella ao xefe e recordarlle que, mentres haxa xente así, os tribunais escusan perder o tempo botando abaixo normas antigalegas aprobadas polo lexítimo Goberno galego. (Dona Amalia entende o galego).

E se pillase descoidado ao conselleiro señor Vázquez, pois hai veces que aparenta interesarse polo galego, dona Amalia sempre pode acudir ao señor Vázquez propiamente dito, quen nunca lle fallará, aínda que teña que comparar o seu caso co dos xudeus perseguidos polos nazis e outras lindezas ás que nos ten tan empostos, propias dos que pensan que os deles sempre son dereitos e os dos demais simples esmolas que hai que agradecerlle, a non ser que haxa xente que queira ser acusada de desagradecida e maleducada e outras cousas máis.

Ah! Perda coidado, señora Amalia! Se non lle interesa o galego, debería interesarlle, non sexa o demo que, como di vostede mesma, alguén nos acabe confundindo cos cataláns.

Feliz aninovo! Lisardo Quintas Teixeira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario