A opinión dos docentes...non conta?

24 oct 2013

Segundo o Goberno, a 3ª folga xeral de educación, anti-LOMCE, non existiu

O día 22, a Secretaria de Estado de Educación, asegurou que "as razóns da folga non están para nada relacionadas coa reforma educativa". Esta tarde ninguneou a súa incidencia nas aulas.


 Desde a responsabilidade ministerial que me corresponde, é evidente -dicía para si, esta tarde, a Sra. Gomendio- e, dado o promedio do 20,76% de paro global habido esta mañá de 24 de outubro no conxunto do sistema educativo, ata me atreverei a dicir que a tan anunciada folga, coa súa "demagóxica" e "ofensiva" serie de eslóganes, non foi senón "un fracaso". Contareino nun vídeo: para que molestarme en explicar de onde saquei este cuantificación tan baixa; pegouchéseme o modo de facer de Rajoy, o noso líder silencioso. É que fixemos unha boa reforma. Non ía eu a participar nunha mala, promovela e que servise de pretexto aos acontecementos contestatarios destes anos, estes días e especialmente ao da múltiple convocatoria de tanto opoñente para este desagradable día de hoxe. Se a proposta lexislativa que xa está no Senado fose mala, os paladines da verdade e do progreso non a elaboramos. Esta é a verdade. Agora ben, como verum, bonum et bellum convertuntur -segundo predicaba un "escolastizado" Aristóteles-, o que estamos a piques de converter en lei orgánica é, ademais, bo e fermoso. De bos é, neste caso,  ter agallas para desbotar canto de ineficiente e sen sentido había no sistema con que nos topamos en 2011, erradicar tanto mal como había esparexido pola estrutura da educación española, non dar oído a tanto canto de serea como propalaron outros e centrarnos en melloralo todo, coa mírada posta especialmente nos que doutro xeito carecerán de medios para outear sequera  saír da ignorancia conxénita. Por iso, como bos que somos, estamos acelerando como podemos a liberación de obrigas tan pesadas como as impositivas dalgúns e, de paso, procurando que a beneficencia e a caridade alonguen as súas posibilidades de existencia. Ao noso alegre paso, fixemos medrarr os emprendedores de accións solidarias de pobres para pobres, que propaguen o ben aliviando males sociais sempre existentes. Axudando a saír adiante a cantos doutro xeito se estarían preguntando perigosamente polas causas da súa pobreza, xeran xa en paralelo un amplo sector de xente agradecida, que vai en alza. Como acalar se non aos doce millóns de pobres que contabiliza Cáritas, dos que tres o son en grado severo? Coas nosas inestimables reformas, con todo, pronto deixará de haber cidadáns que non sexan receptivos a canto ben tratamos de esparexer por esta España nosa: peza clave nese circuíto é a nosa LOMCE. Os que se manifestan e fan folgas con este pretexto non son de fiar: de algo me serviu o que estudei en Cambridge sobre primates -elucubraba a Sra. Secretaria ministerial. Non o fan por esta boa reforma que vai mellorar sustantivamente a educación, igual que xa o están facendo outras reformas recentes do noso programa partidista, que ata melloraron o paro -cunha rebaixa última de 72.800 persoas, segundo a última EPA- e quédase tan só nun 25,9 % da poboación activa. As súas razóns son outras, espúreas e pouco solidarias; son as duns colectivos docentes, que, nunha contorna tan mala como o actual -en que moitos viron desaparecer os seus postos de traballo-, van de mixiriccas e quererían melloras salariais, redución de carga lectiva e de número de alumnos por clase?. Radicais son os que falan de "extinción da educación" -como pregoaba un famoso humorista esta mañá- ou quen como os extraviados promotores dunha autodenominada Plataforma pola Escola Pública, que pregoan con dobrez a dez millóns de alumnos e 800.000 profesores que o tan querido ministro, Sr. Wert, é "persoa non grata e inimigo da educación", a pesar do bo camiño en que está poñendo ao sistema educativo español, reprobando así a súa esforzada xestión e particularmente a súa lei, á que sinalan como "clasista, segregadora e retrógrada". Habráse visto tamaña cerrazón, cando ata o Banco de España empeza a ser optimista e está dicindo que xa deixamos atrás a senda da recesión e que crecemos ao 0,1%? E todo por non recoñecer que este bo Goberno, de que formo parte con orgullo, xa está facendo render o optimismo. Segundo a miña autorizada opinión, xuraría á prensa que non houbo folga -o que eu entendo por folga contra a LOMCE, desde logo que non- este 24 de outubro: que vexan o meu vídeo.

 (continuará: pensou moito esta tarde) Madrid, 24/10/2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario