A opinión dos docentes...non conta?

25 oct 2013

Ideoloxías

Rosa EnríquezRosa Enríquez
24-10-2013. Publicado en La Región.

Enténdese como ideoloxía o conxunto de ideas sobre a realidade ao respecto do ámbito económico, social, científico, tecnolóxico, cultural, moral e relixioso. A pretensión das ideoloxías? Pois depende. De que? Do tipo de ideoloxía á que nos esteamos a referir. 
Hainas conservadoras, cuxo obxectivo é manter o sistema, esa entelequia da que se fala constantemente, para ben ou para mal, coa finalidade de evitar calquera mudanza. Existen, pola contra, ideoloxías radicais, cuxo principal desexo é provocar un cambio repentino que dea paso a unha nova realidade política e social. Temos tamén ideoloxías de carácter reformista que arelan transformar a sociedade de xeito paulatino, e, por suposto, hainas reaccionarias, cunha nidia tendencia “nostálxica” -percíbase que non se usa aquí o adxectivo “retrógradas”, por iso de sermos suaves- que intentan, por todos os medios, recuperar un sistema previo.
As devanditas ideoloxías son a “marca”, non só de determinados grupos sociais -clases altas, medias ou baixas, sen esquecer aos “desclasados” ou “desclasadas”-, mais das institucións, como o ensino, dos propios movementos políticos, sociais, relixiosos e culturais. Daquela, parece claro, aínda que non se recoñeza sempre, que aquí ninguén é inocente. Moito menos o señor Wert. El sábeo perfectamente, e, como vén sendo habitual na extrema dereita, non o oculta. Gábase diso. Pénsase en posesión da verdade e difama co seu proceder -non toda crítica ten de ser explícita- ao profesorado.
Opina que somos preguiceiras, que non cumprimos o noso horario, que collemos baixas polo morro e que nos importa un corno o alumnado. De acordo con estas crenzas súas, promove a LOMCE, unha lei que pretende pór en práctica a súa particular reforma, elaborada con criterios políticos e sociais de épocas pretéritas. A intención é retornar a un sistema anterior, profundamente clasista, na medida en que o fai dependente da posición económica das familias. Era ese sistema, señor wert, no que as monxas, por citar un exemplo, nos incitaban a facerlle “uuu” aos compañeiros de clase que suspendían, o que a vostede lle gusta? 
Era, pregunto eu, o mesmo sistema “deseducativo” no que estaba permitido “insultar” ao alumnado e mesmo baterlle? Escribo isto porque eu vin a unha desas “grandes pedagogas” que a vostede tanto lle compracen, golpear a cabeza dunha nena de só oito anos contra o taboleiro e dicirlle “cazurra”, “idiota” e outras lindezas, porque non sabía dividir. Porén, a miña particular experiencia, señor Wert, non se limita unicamente á miña condición anterior de alumna dun sistema que considero superado, rancio e pouco “operativo” -se cadra con este adxectivo se me entenda mellor-, mais tamén como profe.
Coñezo ben o ensino privado. Traballei nel, daquela, non ignoro as actitudes do alumnado deste tipo de centros. O elitismo, poño por caso, é palmario. Consecuentemente, a soberbia e a falta de empatía fanse alarmantes. Somos conscientes de que vostede é gustante diso porque temos moi claro que despreza ao pobo e que isto lle comprace.

No hay comentarios:

Publicar un comentario