A opinión dos docentes...non conta?

25 feb 2015

Se son insustentables as nosas universidades, mal vai o estado da nación.



Os problemas son outros e, tamén o é este xeito de quitalos de enriba, coma se pertencesen a xente doutra categoría social. Estean atentos á folga de estudantes.


Insustentabilidade/sustentabilidade son termos primordialmente ligados ás cuestións medioambientales e, en particular, ás que conleva todo o relacionado co problemático cambio climático. Curiosamente, son os moi reacios a admitir a existencia de tal problema e, polo tanto, a modificar hábitos de gasto excesivo de recursos de primeira orde, os que con máis profusión empregan termos como este para xustificar políticas que non lles interesan como non sexa para reafirmarse en conviccións prexuízadas. Exemplo diso é o manifestado pola Sra. Gomendio fai dous días, especialmente dedicado á Universidade española

Non parece, con todo, que o termo “sustentabilidade” sexa o máis adecuado para referirse ao que necesita o noso sistema universitario, especialmente o público. Xa non é pequeno problema que fale deste xeito quen nunca ha ter problema ningún para circular por estes niveis de estudos, incluídos os máis selectos de Inglaterra; nin para situarse na vida profesional supostamente a partir de tales saberes aprendidos en tales lugares. Sobre este tipo de problemas medioambientais do sistema educativo os que máis saben son quen non han ter tales facilidades e, desde antes de nacer, han ter que moverse nun circuíto de difícil sustentabilidade. De entrada, o punto de vista é radicalmente distinto. E dá a casualidade que son gran maioría os que nesta España de todos han ter que apañarse como poidan para facer estudos universitarios; ata, a costa de que outros membros da familia puxesen tempo e disponibilidad extra para que alguén alcanzase esa posibilidade.


Tamén soa a excesivamente arrogante o concepto de gratuidade empregado. Non é de lei suxerir o gratis total, cando todos sabemos que a Universidade -como canto patrocina o Estado- custa diñeiro e que nada é gratis. Seica nos paga esta xente os impostos aos demais? É a distribución deses recursos públicos unha prerrogativa súa que ha de ter en conta tan só os intereses duns poucos? Seica a res publica ha de entenderse como no Antigo Réxime? É que non compensou sobradamente a este país que o acceso á Universidade fose máis fácil aos que polas súas orixes familiares o tiñan difícil se non imposible? Non contribuíu esa Universidade máis accesible a que cambiasen múltiples aspectos da nosa vida individual e colectiva, mellorándoos sensiblemente? Vai ser máis xusto o sistema se agora volvemos reducir o fluxo de expectativas da maioría da xente para o futuro dos seus fillos? Unha lectura de Galbraith ou, talvez, do agora tan publicitado Thomas Piketty podería ser de gran proveito para admitir outras máis humildes perspectivas de análises do que convén ao noso sistema educativo. E de paso, non esquecer que determinados gastos sociais son o mellor investimento e o modo de redistribución máis xusto. E, anteriormente, que o Estado non é patrimonio de ninguén en exclusiva.


As manifestacións da Sra. Gomendio veñen culminar unha secuencia de moitas outras ao fío das actuacións do Ministerio (público) que paga os seus servizos no segundo posto do escalafón educativo nesta lexislatura. É coma se viñese dicir que -sen prestar oídos nin atención ao camiño por onde circulaba nin a ningunha das persoas e colectivos que se levou por diante coa súa condución dos diversos asuntos- a súa traxectoria seguise sendo impecable ou que fixese un gran labor ata o presente. Debe esperar que llo agradezamos cando nin a súa política de becas, nin a de taxas universitarias, nin a LOMCE e as súas secuelas, nin o último que se lles ocorreu respecto de Gr-os e Másteres ?o cambio de compás do 4x1 a 3x2- élle alleo. E non pasa de crenza , con todo, que vaia a ser extraordinariamente sustentable o novo modelo que trata de impoñer con tales medidas -tan favorable ao absolutamente individual e privado- fronte ás múltiples reticencias e obxecións que lle contrapuxeron cantos teñen algo que ver cunha educación democratizadora. Non pasa de escondite fullero este alegato a favor do seu “sustentabilidade”.

Con este ritmo de xestión política vaise a cargar un dos aspectos en que máis sobresaía o noso sistema: a distribución da equidade. A deriva antigualitaria do actual equipo ministerial denunciárona instancias de diverso alcance, desde a OCDE mesma, diversas ONGs, o propio Consello Escolar do Estado, sindicatos e asociacións de todo tipo e, agora mesmo, volverano a denunciar coas súas manifestacións públicas os estudantes convocantes de folga para o 25 e 26 deste mes. Gomendio seguramente permanecerá impasible, xunto ao seu ministro, fronte a este outro clamor en prol do público e de todos, un máis nun longo rosario difícilmente alcanzable noutra lexislatura. Isto de que uns poucos non teñan necesidade de facer esforzo ningún como non sexa o de manterse na posición inicial de partida, é moi levadeiro, e sustentable, claro, a condición de manter lonxe da carreira de vivir a posibles competidores polos postos de cabeceira. Pero ten o inconveniente de que, nin sequera nunha electoralista imaxe para arrastrar o voto conservador é sustentabilidade isto de dar educación de alta calidade á maioría dos cidadáns. Alguén deberíalle advertir a esta xente tan afanada en demostrar a súa diferenza dos demais que deste xeito non se propicia unha boa imaxe do estado da nación, mírese como se mire. Máis parece outro pequeno terremoto para a sa convivencia democrática.



TEMAS: Universidade, Problemas universitarios, Sustentabilidade do investimento universitario, Pública-privada, Elitismo social e político, Gomendio, LOMCE, Wert, Folga de estudantes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario