A opinión dos docentes...non conta?

22 oct 2018

Hai moito inútil en como contamos o que sucede

Filosofía volve ao Bacharelato, para que as palabras con que dicimos a realidade sexan quen de curar as feridas que nos causamos de contino.

Dos usos que adoitamos facer da linguaxe e de como a manipulamos para que a nosa cor de mirada se impoña é moi responsable o absolutismo da educación dogmática. Na nosa sociedade, como nas que nos precederon, segue moi vixente o principio da unicidade da verdade e, por conseguinte, a lexitimidade e obrigación moral de pelexar por impoñer credos particulares. De aí á exclusividade e, polo tanto, á persecución, ocultación e desprestixio doutros modos de ver o que acontece, independente do noso control, non hai máis que un paso. E, para facilitalo, a terxiversación do campo semántico das palabras, a propaganda ambigua e a multiplicación omnímoda do noso discurso, son claves.

Imperialismos

Todas as guerras de relixión -como as de calquera outra índole- han ter de fondo esta linaxe e contaron con heraldos, primeiro, e relatores axeitados despois, que difundiron a triunfal vitoria sobre perdedores incautos. Detrás, deixaron heterodoxos e ortodoxos, reformas e contrarreformas, fundamentalismos e progresismos de variado sectarismo. Todos os imperialismos contaron, igualmente, con auscultadores de posibles desatinos evolutivos, merecedores de doma e castigo a cargo de colonizadores e relatores do suposto  triunfo da civilización fronte a cantos quedaron atrasados do suposto progreso. Branco e occidental foi o paradigma de humanidade adecuada, de mentes ata moi ilustradas. E valorar trazos compartidos, dentro das diversidades de cor, sexo e calquera outra condición, segue sendo un reto cotián nas nosas sociedades que reclama a ONU coa carta dos Dereitos Humanos na man.
Se o xornalista Jamal Khasoghi morreu ou non a mans de enviados especiais dun príncipe árabe case é indiferente. O modo de contalo oficial variou en apenas dous días e, de paso, no de recepción nas chancelerías occidentais, Washington, sobre todo. Unha vez máis, a diplomacia está tratando de encubrir o evidente contándoo do modo máis proclive para que non se danen os vizosos negocios de armas e petróleo, nos que nin as cifras cadran. A golpe de repetición de que este home meteuse nunha liorta, pronto a vilipendiada moral subxacente será esquecida, para que o diñeiro siga fluíndo polas canles amistosas de sempre.

Reservados
Nos últimos meses, aínda que a pederastia dentro de espazos eclesiásticos vén sendo noticia importante noutras latitudes do Occidente católico, cobrou forza en España a súa mención. Como prolongación do cortalumes que este Papa trata de opoñer a estes comportamentos, tamén en España -malia que non sexan notorios tantos casos como os denunciados en EEUU, Australia, Chile, Alemania, Irlanda ou Escocia- suscítase agora que unha Comisión “reservada”os atalle. Con todo, significativo é desta “reserva” o expresado por dous dos responsables deste mecanismo, máis preocupados pola publicidade que polo rigor da xustiza en igualdade. Se o presidente do episcopado alega que hai que actualizar os protocolos de actuación, e que sexa a Igrexa un “espazo seguro” para os que lle confían os seus fillos e fillas, confesaba indirectamente a deixación inquiedante ocorrida. E ao bispo de Astorga, a quen se lle encargou a citada comisión, cústalle entender que o procedente non é que o agraviado acuda á xustiza, senón que sexa a institución que silenciou tantos abusos a que os leve aos tribunais e, en caso necesario, pague as indemnizacións correspondentes. Ser “sociedade perfecta” no dereito canónico, non debe ser eximente ante os códigos civís e penais dos países con quen, como en España, se teñan asinados privilexiados acordos eximentes.
Pola súa banda, no plano máis estritamente político, estes días foron pródigos en mensaxes cruzadas. Os lanzados polo TribunalSupremo respecto ao exceso de celo dos bancos cos impostos dashipotecas, son dos que deixan tremendo todo o sistema democrático. Os dos líderes políticos á propósito de España e os españois con motivo dos PXE (Orzamentos xerais do Estado), para pillar de paso todo tipo de votos desafectos, son máis desatados, moi propicios para a indiferenza cívica. Non fai falta escoitar aos de Vox, Democracia Cidadá e similares. Abonda ver e oír que din os do PP -Tejerina estivo solemne coa educación primaria en Andalucía, e Dolors Montserrat moi pasada de teatralidade- , con Casado tentando facerlle a cambadela a  Sánchez ante Merkel, ou con Cidadáns procurando que non se note o que é.

E Filosofía
Alguén no Ministerio de Educación, próximo a Isabel Celáa, ha ter a prudencia de que a Filosofía recobre en Bacharelato un espazo que perdera con Wert. Poida que nos axude a ter máis sensatez para saber oír o que estorbe ou axude á sa convivencia. Para quen esa área de coñecemento sexa un estorbo ou perda de tempo, seralles de interese volver ler a Nuccio Ordine e o seu recente  Clasicos para a vida (Acantilado, 2017) no que continúa reflexionando sobre A utilidade do inútil (2013), resaltando a importancia dos saberes humanistas que nos legou o pasado, fronte a quen só dan valor ao diñeiro e a ganancia.
Engadan na cesta de lectura  ao americano  Michael J. Sandel, filósofo de éxito en Harvard e recente premio Princesa de Asturias pola exemplaridade pedagóxica dos seus traballos “sobre os fundamentos normativos da democracia liberal e a defensa tanto das virtudes públicas como do pluralismo de concepcións do ben nas nosas sociedades”.

Temas: Imperialismo. Colonialismo. Manipulación da linguaxe. Control social. Privilexios e igualdade. Filosofía. Educación cívica.

Manuel Menor Currás
Madrid, 21.10.2018.

No hay comentarios:

Publicar un comentario