A opinión dos docentes...non conta?

7 oct 2018

Importa máis a obediencia aos números que o deterioro das palabras e da alegría de vivir

Arrólannos con palabras. Pero xa somos “máis pagadores que cidadáns”: a única liberdade, -por imperativo legal-, está sendo “a das mercadorías”.

A verdade agachábase
diariamente entre as liñas do xornal
e a esperanza furgaba
inutilmente polos vertedoiros
Todo era gris, dun gris tirando a negro... (Jesús Munárriz: Cuarentena, 1977 trad.)

Esta síntese do que foi o franquismo ultimátum volve resoar nas palabras que, gratuitamente se ceibaron logo da celebración do 1-0. Cando xa van seis anos de procés, agora resulta que o que trae e leva o vento -con son estereofónico, estridente para un mínimo diálogo- é un ultimátum rupturista. Complícaselle un pouco máis a este Goberno dos 84 a posibilidade de ampliar o seu paso pola Moncloa sen pasar por unhas eleccións: ao mal perder do PP/Cs parece querer unirse agora o dereitoso independentismo de Torra/Puigdemont. E neste proceloso mar de fondo, desde Italia soan tamén ventos de fronda que poden complicar aínda máis os problemas que incumben á Unión Europea.

Incribles

Palabras incribles para tapar buracos e gris escuro é o que nos seguen transmitindo intensamente os xornais. As de Isabel Celáa nun recente congreso en Madrid de Interculturas, a ONG dos xesuitas, onde recordou o moito que faltaba por facer en España en cuestións educativas cando un 18,3% do alumnado abandonaba os estudos de maneira temperá. Viña indicar o desexo de que os obxectivos que Europa fixara en Lisboa para 2020 a ver se lograban cumprirse nos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostenible) da Axenda 2030 da ONU. Somos o segundo país en Europa en canto a este problema que, sen contar o relacionado co “fracaso escolar”, medrou estes anos. O da igualdade é un reto, para o sistema educativo español, se de emancipar aos cidadáns da pobreza se trata, pero á vontade do Goberno -que creou un Alto Comisionado para o cumprimento destes obxectivos globais- fáltalle credibilidade por parte dos seus destinatarios. Ás manifestacións que entre os días 24 e 27 deste mes terán lugar, convocadas por unha pluralidade de organizacións, engádese agora a folga convocada polo Sindicato de Estudantes para o14 de novembro. Co pretexto do machismo expresan o malestar de que o Goberno de Sánchez “mire para outro lado”: non se trataría dunha “folga contra o Goberno, senón unha folga para que o Goberno faga cousas, que deixe de falar e pase das palabras aos feitos”.

Isabel Celáa, exalumna da Universidade de Deusto, aproveitou a inauguración dese congreso para mostrar a súa admiración polo labor das escolas católicas. En xeral, sen precisar cales. Na clausura deste congreso estivo tamén Carlos Osoro, actual arzobispo de Madrid logo dun coidadoso cultivo de imaxe ao seu paso por Ourense, Oviedo e Valencia. Preocupado por “a linguaxe do noso tempo”, tratou de relacionar cinco termos que empezan por “D”: desenvolvemento, dereitos humanos, democracia, desarme e Deus para insistir na perspectiva trascendente do ser humano. Sobre esa base suscitou eliminar “a anestesia da indiferenza” ante as realidades inxustas, pero a súa elaborada mensaxe quedou tapada polo que dixo respecto de a nova tumba de Franco na cripta da Almudena: “A Igrexa acolle a todos”. Logo viría a súa petición de “que non se implique á Igrexa en disputas políticas”. O voluble tempo dirá, pero sobre a esmerado rostro deste arzobispo sobrevoa o pasado da súa institución, complice cun réxime ominoso. As súas palabras, lixeiras, non borran as autoritarias que en nome de Deus impuxeron os que o antecederon na diocese madrileña “Eijo e Garay, un dos redactores da Carta colectiva dos bispos españois en 1937 e que ofrendou a Deus a vitoria de Franco ao mes de entrar este en Madrid, Morcillo, Guerra Campos ou o propio Rouco Varela-. Sen outro respaldo, seranlle tomadas como palabras baratas e gratuítas, carentes de valor por ahistóricas.

Imperativo legal

O vento tamén trouxo estes días as palabras do Supremo, que volveu a funcionar como terceira ou cuarta cámara (lexislativa), ao rexeitar investigar o mestrado de Casado. Ao referendar por maioría o sobresemento, quedaron nas pavías os indicios de culpa que, a ollos da xuíza instrutora e do que alegaba indirectamente o propio fiscal no escrito exculpatorio, podería terse producido nos tratos do actual secretario xeral do PP e o director do Instituto de Dereito Público da URJC, Álvarez Conde, o cal segue encausado, xunto con Cifuentes neste turbio asunto de privilexios. O PP celebra a decisión, pero as contradicións acumúlanse. O que pase coas outras tres alumnas, por non estar aforadas, non parece ser da competencia do alto tribunal, como tampouco o descrédito que sufra esta Universidade -e a Pública en xeral- ao quedar exentos asuntos que, de similar cariz, proliferen. Non haberá autoridade para investigar e limpar todo ese barro logo desta decisión de non investigar a un dos seus beneficiados.

Quen queira consolarse coas supostas vantaxes propaladas polo neoliberalismo fronte ao público, aí ten o desasosegante exemplo das escusas de POVISA: en Vigo, hai 139.000 cartillas sanitarias polas que o Sergas (da Xunta de Galicia) lle paga uns 542 euros ao ano por cada unha. Os cautivos da súa ineficiencia irán tamén a ese limbo que, segundo se agoira, aumentará se se cumprea creba desta concesionaria privada.

Antonino Nieto, poetaeminente nado en Verín -de quen son os entrecomiñados que subtitulan este comentario- avisa:

Antes era Deus, ou a patria ou o sangue
agora, os números
a mesma morte en vida
o mesmo noxo enriquecendo o salón da alegría.
Ou é o mercado?


TEMAS: Tribunal Supremo. Igrexa católica. Universidade pública. Folga estudiantil.
Privilexios. Neoliberalismo. Proceso catalán.

Manuel Menor Currás
Madrid, 03.10.2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario