A opinión dos docentes...non conta?

6 nov 2019

Avaliar/ devaluar, ingredientes do voto




Votar parécese moito ao que fai o profesorado de contino co seu alumnado: é un acto complexo con moitos ingredientes a ter en conta

Das múltiples conexións que a vida económica mantén co sistema educativo e as súas tarefas, a da avaliación é importante. O término “avaliar” veu  substituír, entre nós, ao de “examinar” nos anos oitenta. Sen que en realidade supuxese un cambio cualitativo en canto a que os modos de proceder de mestres e profesores cambiasen de modo substantivo, introducía algúns ingredientes que, co paso do tempo poderían incentivarse e desenvolverse máis a conveniencia.. Nas avaliacións, os ingredientes a ter en conta empezaron a ir máis aló dos coñecementos que unha nota ou cualificación dicía nunha materia. As actitudes do alumnado e as habilidades para interrelacionar saberes e “competencias” supostamente ligadas a distintas materias empezaron a xogar un papel máis explícito a partir da LOE en 2006, ao definir no seu artigo 6.1 que había de entenderse por “currículum educativo”.

Avaliar e ensinar

Segundo os xeitos de “examinar” ou de “avaliar”, o que e o como ensinar quedan condicionados. Non son indiferentes aos modos de entender a educación. Pero a partir do momento en que o esforzo administrativo se centrou en mostrar “a calidade” educativa, avaliar permitiu ter en conta todos ou algúns dos elementos que interveñen na acción de educar. Pode atenderse, por exemplo, ás características individuais de cada alumno ou tan só a se cumpre con determinados estándares xenéricos. Pode advertirse -máis aló do escueto campo de cada asignatura- a parte que teña o centro e a súa organización interna no desenvolvemento das capacidades do alumnado, por formar parte da interacción dos procesos de ensino-aprendizaxe.
Non todos os modos de avaliación son iguais nin son independentes do obxectivo que se persegue, razón esta de fortes discrepancias sobre unhas ou outras probas. Paradigmático é neste sentido o que acontece cos informes PISA que a OCDE practica sistematicamente desde o ano 2000. Aínda que o que á prensa lle adoitan interesar ante todo os datos comparativos entre países, coma se dunha liga de fútbol se tratase, o que se avalia – a bagaxe cultural do alumnado nun momento concreto da súa evolución- só adoita interesar a investigadores cualificados. Admiten diversos enfoques interpretativos, por encima dos estándares estatísticos, e achegan bastante información sobre outros aspectos colateraia que transcenden o que cada colexio ou escola puido darlles, porque esa bagaxe está moi vinculado ao que, desde antes de nacer, cada neno ou nena arrastra herdado da súa contorna socioeconómica. Pese ao cal, os datos de moitas destas avaliacións foron usados publicamente de xeito moi desleal: máis que nada para hostilizar o espazo educativo segundo tendencias opostas e, ata, para potenciar privatizacións do sistema xeral da educación.
Segundo a “calidade educativa” de que se trate -democratizadora ou privatizadora- a avaliación de que se fale preferentemente será eminentemente diferente. En consonancia, hai Consellerías de Educación -e profesores- que, cando din que avalían, devalúan. Este é o motivo polo cal, nos últimos anos, teñen arreciado as críticas contra os modos de avaliación que fan recaer os fallos ou pouca eficiencia no alumnado, e, en gran medida tamén no profesorado. Cando desde o Ministerio de Wert e a súa LOMCE (2013), trataron de xustificar os recortes que fixeron nas prestacións ao ensino público, puxeron o acento, en paralelo, nunha modalidade de avaliación coherente co modelo privatizador que propugnaban. No Libro branco sobre a Profesión Docente que, coordinado por José Antonio Marina, difundiu aquel Ministerio en 2015, ben podían verse as fontes neoliberais de que estaba nutrido, coma se todo o traballo da escola ?e a carreira docente- fosen cuestión exclusiva de emprendemento persoal. Cada cal que se apañara cos escasos medios e recursos dispoñibles, fosen cales fosen os problemas reais de cada espazo escolar.

Exactamente igual que estaba pasando nas grandes empresas, cuxos agresivos sistemas de avaliación da rendibilidade vían medrar os suicidios: “A avaliación mata a educación”, alegaba en 2013 Roger Schank. Esa forma de avaliación, en que se cargaba a culpa dos desaxustes sobre os que tiñan dereito a unha boa educación -e non se lle daban os medios adecuados para levala a cabo-, viña ditada desde o chamado “Consenso de Washington" que, desde a década dos oitenta, marcaba a ortodoxia a seguir modulando políticas sociais acordes cos axustes económicos.

Ken Loach acaba de mostrar na súa última película, Sorry We Missed You, como segue viva a avaliación continua. Unha maquiniña escaneadora controla a actividade dos operarios dunha empresa de reparto; a eficiencia de cada entrega é allea a todo obstáculo que poida xurdirlles; canto non teña que ver coa estatística de puntualidade e cantidade de paquetes que se movan non entra no cómputo de calidade. Cada operario, suxeito empleador de si mesmo, acaba pronto atrapado e, a medida que as outras facetas da súa vida perden sentido pola sobreexplotación, se maquiniza a súa existencia. Devaluada a actividade laboral, devalúase e deprime de inmediato a personalidade dos individuos e o seu desenvolvemento social, en aras da rendibilidade dos investimentos económicos.

Eleccións para avaliar?

Teoricamente, nunhas eleccións xerais, os artgs. 23, 68 e 69 da CE78, e os artgs. 42 e 43 da Lei electoral establecen o dereito dos electores a avaliar o que fagan os partidos políticos e os seus líderes no tempo dunha lexislatura. Neste 10-N, o tempo é máis curto do habitual, apenas desde abril de 2019, e os avaliados veñen afectados xa por unha serie de acontecementos anteriores. A ningún lle sentou ben a rutura do bipartidismo, unha paisaxe en que creceron os partidarios de fórmulas que, por exceso ou por defecto, puxeron en dúbida os límites do que sexa ou non constitucional, con propostas difícilmente encaixables en canto a dereitos civís sobre todo, como é o caso de VOX ou en canto a concepción xeral do Estado, como poidan representar os grupos independentistas.

Mentres, os avaliadores -os 37.000.608 cidadáns con dereito a voto- atópanse, de xeito agudo, no dilema de votar ou non votar. A motivos clásicos para non facelo, poden engadirse nesta ocasión outros moitos nada despreciables. Os demais avaliadores -os que vaian introducir algunha papeleta na urna que lles asignaron- dirimirán parte do que vaia a vir partir do 11 de novembro, cando o previsible é que o panorama de escanos pode volver quedar con dificultades para pactar. De ser así, de novo poderase ver que este xeito de facer política a golpe da avaliacións compulsivas do voto, quédase curta. A partir deste momento, todo queda de novo en mans dos partidos.

O voto non mide o grado de implicación que teñan os elixidos cos problemas dos seus votantes, aínda que debería. Aos estrategas das campañas electorais tampouco lles interesa moito, salvo que salten á prensa contradicións moi flagrantes e, aínda así, tratarán de encubrilas a base de avaliacións negativas dos seus adversarios. Se fose doutro xeito, as campañas terían outro ton de verdade que non teñen. E a partir de que se contabilizaron os votos, o rigor ético queda a mercé do tipo de cultura política que cada parlamentario ou senador entenda que debe desenvolver  para o seu partido.

Os votantes que se tomen os asuntos educativos como referente importante deberían ter en conta, ademais, que nin sequera o que está nos programas é valioso e que hai propostas que contradin os requisitos de unha educación para todos que mereza o cualificativo de digna. Vexan, xa que logo, que entre as noticias do día cinco de novembro, haberá unha alusiva a que se supriman os recortes que impiden esa dignidade universal. Este tipo de cuestións son as que, tras un debate como o do día catro, debería avaliar cada votante e non só un xenérico cáeme ben ou me cae mal… non?


TEMAS: Eleccións 10-N.- Avaliacións educativas.- Avaliacións políticas. Escola pública. Intereses públicos e Estado de Benestar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario