A opinión dos docentes...non conta?

24 nov 2019

Os debuxos de Goya, testemuñas do presente




Ata o 10 de febreiro de 2020, o Museo do Prado mostra a mirada actual, desasosegada, dun dos seus pintores máis relevantes.


Cando se inaugurou en 1819, o Prado mostraba tan só dúas obras de Goya, os retratos ecuestres de Carlos IV e da súa esposa María Luisa. Hai que esperar a 1872 para que o catálogo oficial, de Pedro Madrazo, indique a presenza de 13 cadros seus. Non tiña aínda o peso que acabaría adquirindo máis adiante, a partir de 1902 sobre todo -a data en que  rexe a estatua ao lado norte do museo-, pero cando os visitantes querían levarse un recordo, xa podían escoller entre as fotografías de Laurent que se vendían na portería, tres con obra súa. A evolución das cantidades de variadas reproducións que, xunto aos catálogos, se podían adquirir, permite advertir -como estudou Joaquín Menor- a progresiva aceptación que o que fora pintor de Corte desde 1789 foi adquirindo. Hoxe, é difícil saír do Prado sen advertir que é un dos seus pintores máis representativos.






Exposición excepcional

Ten sentido, pois, que, para pechar o Bicentenario, se recorrese a unha exposición en que, ademais de permitir un mellor coñecemento do pintor, se poña en valor a súa obra en papel. As moi coñecidas series de gravados en que traballou desde 1771, permitiron divulgar o seu traballo neste soporte, pero o que agora se presenta -e tal como  se presenta- permite ampliar este coñecemento. Trátase en grao sumo íntimo e persoal de Goya, un traballo de anotacións que se prolongou ao longo de toda a súa vida. Son apuntes para si mesmo, posibles esbozos e suxestións para outros proxectos que, sen afán de que fosen coñecidos polo público, mostran o que día a día suscitou a súa atención entre canto lle tocou vivir. A súa colección de debuxos é obra estritamente privada, un exercicio constante de aprendizaxe e libre creatividade, “máis directo, crítico e mordaz”, como di o comisario desta exposición J.M. Matilla.





Só o Prado podía facer esta exposición porque, dos preto de mil debuxos que se estima existen de Goya, unha gran parte é da súa propiedade. Este material tan delicado exponse, entreverado cronolóxicamente cos seus gravados, creando así un lazo interno de comunicación con toda a súa obra. Como centro absoluto, na Sala B do Museo -debaixo do lucernario do claustro dos Xerónimos-, está a xoia desta exposición: 120 debuxos do coñecido como Caderno C -que parece haber  entre 126 e 134 follas-, un dos oito que os estudosos do pintor estiman que fixo, ademais do coñecido como Caderno italiano. Están expostos -coa cuberta de encadernación en que foron vendidos ao Museo da Trinidade en 1872-, dispostos nun cuadrilátero non moi amplo ao redor, 30 a cada lado. En 1878, pasaron ao Prado con outras moitas pinturas alí reunidas por mor da desamortización.

O visitante pode observar como a evolución estilística que Goya mostra nos seus debuxos corre parella coa do resto da súa obra. Pode admirar, en particular, as súas técnicas de debuxo, o tipo de tintas, o emprego do lápiz litográfico e, ata, o variable papel de que dispuxo, segundo o que as inestables circunstancias políticas e económicas lle permitiron. Manuela Mena -unha das grandes especialistas no pintor- na presentación da exposición dixo del que tiña unha técnica “exquisita e delicada” e que podía ser considerado entre os cinco ou seis mellores debuxantes da historia da pintura. Son moitos, xa que logo, os motivos polos que estes debuxos tan persoais son fundamentais para coñecer mellor a súa obra.

Vendo xuntos tantos debuxos, chama a atención, por outra banda, a gran variedade de asuntos que tocan. O visitante poderá ver que Goya nin é un costumista nin, tampouco, ese pintor que algunha literatura quixo desdebuxar obsesionado polos tópicos da España decimonónica. Aparece ante todo como un gran observador, atento a canto acontece. Disconforme moitísimo do que ve e que lle toca sufrir, morrerá exiliado en Burdeos, onde debuxa os Cadernos G e H. Gran testemuña da historia convulsa do inicio da modernidade española, o seu magnífico debuxo expresa o pensamento dun ilustrado sobre as perversidades en que incorre con frecuencia o ser humano. Polos seus ollos pasa, entre outros asuntos, a sensualidade feminina, os comportamentos morais, a Inquisición -cos seus presos e os seus frades exclaustrados- a Guerra da Independencia e a súa postguerra, múltiples violencias explícitas e implícitas coas súas derivacións, a vida corrente, a tolemia e a irracionalidade. En definitiva, o que estes cadernos de debuxos mostran son as aprendizaxes que ao pintor lle dá a observación da súa contorna para mellorar a súa técnica e debuxar cada vez mellor o que pensaba.







Proximidade

A montaxe da exposición é austera, todo en branco e moi aberto. O seu núcleo central, moi xeométrico, con enmarcación idéntica dos 120 debuxos do Caderno C, poida que en caso de aglomeración resulte escaso para que cada un poida ser contemplado detidamente. A mostra é unha aposta forte para un museo afeito ao brillo espectacular das monográficas, como puido ser, na propia celebración do Bicentenario, a dedicada a Fra Angelico ou ás dúas pintoras italianas Sofronisba e Lavinia.

É de destacar, ademais, a pretensión por facer próximo o quefacer creativo do pintor aragonés. Neste sentido -ademais dun catálogo moi coidado e próximo á lectura reflexiva do visitante- sobresae a ambición de achegarse a Goya subdividindo os seus máis de 300 debuxos expostos en 23 núcleos temáticos nos que, á beira de asuntos moi coñecidos, sobresae a violencia contra a muller, a vellez, a multitude e a súa manipulación, ou a violencia en xeral, asuntos en que resulta plenamente contemporáneo, coma se fose testemuña de moitos desvaríos actuais da humanidade.

Tamén o lema escolleito, tomado dunha das súas últimas cartas, o 20.12.1825 ao seu amigo Zapater, faio próximo nun mundo como o de hoxe, crispado como o seu: Só a vontade me sobra traduce ben como, xa maior, asumía con estoicismo as limitacións da condición humana. Complementa, ademais, o que, para expresar a súa positiva determinación vital ata o último momento, escribiu por entón con lápiz tipográfico, nun moi coñecido debuxo do Caderno G, 54: Aínda aprendo (sic), con que conclúe o percorrido.


TEMAS: Historia de España. Bicentenario do Museo do Prado. Cadernos de debuxos de Goya. Arte e Patrimonio. Museos e educación social.

No hay comentarios:

Publicar un comentario