O entusiasmo expectante non evita a precariedade nin
a miseria en que andan tantos asuntos colectivos.
A distancia entre tristes, entusiastas, indiferentes, optimistas e pesimistas, é grande, pero as razóns dos variables estados de ánimo poden ser meditadas. As cámaras tenden a escoller máis aos entusiastas, sen explicar se é o que convén ao guión editorial do telexornal, do xornal ou do dixital. Os puntos de vista do director de mercadotecnia da empresa poden non ser coherentes cos feitos, en virtude de que aos intereses económicos en xogo lles conveñan determinadas subxectividades na mirada. Só cos seus titulares, sen ler o que digan, moitos medios frean ou incentivan unhas ou outras opcións de ánimo e, ante feitos ou supostos inmorais, a reacción das persoas ante as súas narrativas xera estados de ánimo susceptibles de virar cara a unha inestable sincronía con outras persoas. Desa variabilidade é consciente todo adulto, cando chama “experiencia” ás súas historias de proba e erro, é dicir, ás indeterminacións almacenadas despois de multitude de cambios no modo de ver que acontece. A ansiedade polo “continuará” dos TBOs derivaba de aí, e ese tirón , que tanto apreciamos nas novelas e series televisivas, é a base de informacións dosificadas para sacarlle rendibilidade aos sentimentos con que se envolven.
Ese é , igualmente, o
obxectivo ao que mecanicamente se prestan os algoritmos pensados para
densificar, lembrar, insistir e persuadir. A confluencia de tantos asuntos
conflitivos -con impredicibles historias- fai que a visita do papa neste
momento desencadee referencias experienciais e plurais estados de ánimo. O gran
catalizador desta acumulación informativa foi a precisión con que se escolleu o
momento apropiado do cronograma para mostrar indicios de culpabilidade do
expresidente Zapatero. A rapidez con que a policía acelerou as pescudas dunha
documentación crecentemente sospeitosa, deu pé a moito opinadores para adiantar
o clímax narrativo, e o “amarelismo” interpretativo con que adornan
primeiras páxinas deu a entender que é importante deixar fóra de xogo a
alguén que era recoñecido habitualmente polo seu talante conciliador e
progresista. Se de paso levan por diante canto estea asociado a ese símbolo prezado
da esquerda, estes adxectivos inducen a preguntarse pola causa de tan atarefado
activismo, cando a lentitude administrativista amorteceu no silencio casos moi cargados
de bastas “razóns de Estado”.
Coma se dunha caza de
bruxas se tratase, este automatismo , acompañado da grave solemnidade con que
adoita revestirse a elocuencia tramposa, no seu parecido cun proceso de
autodestrución viría confirmar a experiencia que atesoura un vello refrán
galego, alusivo aos danos que as cabras, enviciadas, se autoinflixen cos seus
cornos; a súa orixe rural, propio de economías de subsistencia, non impide ver que
o ben e o mal afán confluír cara á nada. Desde un mundo aparentemente tan
distante como o da política actual, lembra a Kavafis dicindo nun poema de 1904:
“Hoxe chegan os bárbaros”, pero cando a
multitude baleiraba as rúas, porque non chegaban, insistía: “E que será
agora de nós sen bárbaros? Quizá eles fosen a salvación despois de todo”. O
de Zapatero, como tópico xeremíaco dun eterno descontento, non alcanza a
categoría de barbarie, pero -coma se dun xuízo sumario se tratase- cumpre os
canons para converterse, sen garantía probatoria, en papel volandeiro de
coplas como as que os cegos vendían e cantaban en feiras e suburbios. (Poden
verse en Urueña, onde Joaquín Díaz reuniu unha boa colección).
A arquitectura interna
do sistema político deveu en procuras apaixonadas de sensacionalismo virtuoso. Menos mal
que vén o papa, pero non hai garantía algunha de que o entusiasmo que aparentan
as autoridades alfombrándole a xeografía hispana, clarifique os males que afectan
á democracia española por falta de rigor interno nos partidos. Cando se nuble a
demostración de “aconfesionalismo”, volveremos ao Feijóo que, coma se falase doutra
película, xa dixo que era “unha mágoa” que, mentres Sánchez visitaba a León XIV
no Vaticano, os españois “teñan que vivir con esta laxa de indecencia e
indignidade”; achegouse ao papa sen lembrar “o sétimo mandamento, non roubarás,
e o oitavo mandamento: non mentirás”; os españois non deben crer que “os
políticos son así”; con Sánchez, Zapatero e 11 sumarios de corrupción, vivimos unha
situación “patética”: “demos voz aos españois”.
Sobreactuaciones e
dualizacións
Este reproche -semellante
ao “abatemento” de Caín ante Yahvé pola súa preferencia por Abel (Xene.4.4)-,
alleo ás mensaxes da encíclica papal sobre a convivencia dos humanos, augura
que boa parte da narrativa desta viaxe papal os sublimará de modo que non se
dubide da “PRIORIDADE NACIONAL” do PP e Vox en diversas Comunidades, nin nas
dilacións de Ayuso para protexer a 110 menas. Por tácticas de fóra de xogo
non vai quedar. Esta é, de todos os xeitos, unha ocasión feliz para contrastar
a fiabilidade do que Foucault dicía en O nacemento da biopolítica (2012)
acerca de como o poder se apropia dos individuos, os seus corpos, xestos e
actitudes, inseríndose ata a estupidez nos discursos, a aprendizaxe e a vida diaria.
Quen teña “experiencia” poderán avaliar, ademais, o percorrido que tivesen as
súas esperanzas de cando eran novas e dicíanlles que eran libres: lograr o que
desexasen era cuestión de propósito e esforzo. Menos crédulos agora, poida que sentan
refugables, e é probable que esta presenza vaticana lles faga sentir que o seu
tempo pasou, que non son nada despois de loitar polo non alcanzado.
Sexa o que fose, en toda
pugna da xente do montón por unha vida que teña sentido, sempre hai que
“volver empezar”. Dicíao C. E. Ferreiro en Longa noite de pedra e é aplicable a canto di e non di a ençíclica Magnifica
Humanitas, dilixente en falar da IA e as súas connotacións. Tería máis
credibilidade se non pasase páxina sobre unha “res vetusta” como o papel da
súa Igrexa na España imposta en abril de 1939. Os encontróns de León XIV co
autoritarismo trumpista por “as mensaxes do Evanxeo”, non presupoñen nada.
Agora ben, as ideas da súa carta sobre o “ben común”, marxinados e pobres -á
parte da pulsión que teñan para católicos-, propician unha conversación
democrática. A que provocan sinalados políticos/as con puritanismos falaces
fai pensar que, nin cando teñan votos, mudará a agresiva torpeza dos seus
xestos regresivos. Non todo é un dejá vu!
TEMAS.- Encíclica Magnifica
Humanitas.- Exemplaridade e retórica.- Sobreactuacións dos políticos.-
Xustiza/Política.- Dualización socio-política.
MMC (Madrid:
29.05.2026).

No hay comentarios:
Publicar un comentario