A opinión dos docentes...non conta?

23 may 2026

Tempos escuros para dilucidar a cuadratura do círculo


Se é ou non é o que se di que pode ser algún asunto, case sempre ten moito que ver cos anteollos que use quen o di.

A precisión e rapidez con que a investigación xudicial do expresidente Zapatero interrompe a dinámica en que andaba o teatro político é tan asombrosa que parece seguir un guión dunha serie deseñada para ocupar o persoal. Coa Xustiza nunca se sabe; tan ben vai “pa diante” con gran rapidez, como se estanca e move a prospección investigadora con tal lentitude que, ao que se ve en capítulos recentes de series similares, pode estancarse durante 12 ou 13 anos, senón máis: O “caso Gürtel” empezou en novembro de 2007. Esta capacidade para elixir o momento máis apropiado para introducir na rutina diaria un asunto ideal para a murmuración, só ten parangón coa capacidade que teñen algúns políticos para situar en franxas horarias de máxima audiencia palabras dignas dun titular sorprendente e rechamante ata o clímax, polo valor duro e atrevido das palabras. Deste xeito -case poético-, pasamos, nun airiño, do “Bambi” que suscitaba sorrisos polo “talante” das súas propostas para arranxar, as duras disputas con ETA, á dun taimado listiño que -segundo a estimación que suxire o auto do Xuíz Calama- aproveitouse do cargo para levarse pasta ilegal ás súas contas correntes. Esta enxeñería creativa, tan apropiada para armar a estrutura dunha novela negra, ten ao seu favor a policías que “se dan présa para investigar” se canto suxire o auto ten probas reais, obxectivas, capaces de ir máis aló de canto afirma e “imputar” a un personaxe político -ata o de agora visto como “honrado”, en cuxo currículo político está o ser capaz de sacar adiante asuntos e leis sociais complicadas.



Por esta simple razón, hai quen o ve como “indesexable” porque, ademais, veno como o gran inspirador do “Sanchismo” de Pedro Sánchez, causante de insospeitadas corrupcións e corruptelas das que non libra á súa propia familia. Dentro do esquema narrativo do conservadurismo e do ultraconservadurismo -tan próximos en creatividade do insulto vergonzante contra canto non lles gusta ou lles destata as súas vergoñas-, é un achado. Feijóo e os seus conselleiros non tiñan xa argumentos para reclamar a súa vez na Moncloa, unha vez máis. Esta reivindicación xudicial -á que se adheriu “Mans limpas” despois dunha denuncia de Francia e Suíza por branquexo cartos- é digna dun premio que debería concederse na rúa Xénova con boato solemne. Conta co aval de EEUU, moi ocupado en canto roce Venezuela, e nada esquecedizo de desplantes que poidan interpretarse como indeterminación de vasalaxe. Que Zapatero retirase de Iraq, en abril de 2004, tropas que Aznar concertara o ano anterior nas Azores con Tony Blair e Bush, non o esqueceron. Tampouco, a pouca unción mostrada ante o paso da bandeira americana no desfile militar o 12 de outubro daquel ano.

Esta nova incursión da Xustiza na vida cotiá dos españois, en xeral, e nas de quen os representa no seu Parlamento, sorprendeu, escandalizou e paralizou a cantos din ter ideas de carácter máis ben progresista que propiamente de esquerdas, especie esta que, de tanta pluralidade como mostra no escenario, é de múltiple tipoloxía estrutural e organizativa. “Shock”, “Salto inesperado”,”Trauma”, “Incredulidade” e “Tristeza” compoñen xa unha salmodia de exclamacións que non deixaron de oírse desde o inicio do primeiro episodio: a dispoñibilidade de das 88 páxinas do argumento completo que propón o xuíz, ás poucas horas do seu anuncio, desvela ao lelo amodo unha narrativa de gran precisión ao conectar unha posible trama delituosa, planificada para delinquir co tráfico de influencias. Esta figura xurídica esixe coacción ou imposición a funcionarios, e este auto encadea -con ansiedade detallista, e uso suxestivo das sospeitas-, unha secuencia de puntos estratéxicos, escoitas, persoas e diñeiros que roldan a Zapatero, e ver se se valeu da súa prestancia para que a axuda a unha compañía en apuros, Plus ultra, sexa un fío de múltiples corrupcións, como vén contando MUNDIARIO. Máis aló, segundo as regras deste  xogo ao agocho, hase de esperar a que , nos capítulos seguintes, se desvelen  as partes do sumario que permanecen secretas e os informes sobre as pescudas documentais en despachos implicados, onde as cámaras puxeron gran atención.

Reputación e democracia

Aínda que todo quedase en aparencia de delito, o dano á reputación de Zapatero e a súa familia xa está feito. Desde o inicio da democracia ten habido historias parecidas, ben como traizón dun mal amigo ou, máis ben, como método tramposo para quitar do medio a alguén que estorba. Tamén se dana ao PSOE, quitan un dos seus referentes e, de paso, posibles votantes aos que agradase. E en terceiro lugar -pero que ao que importa é primeiro-, inxéctase no sistema democrático unha forte dose de desconfianza, propicia a que instancias estrañas aos intereses colectivos se fagan co control da fraxilidade cívica. Quen emenda este dano e onde se reclama se, ao final, todo é unha farsa indecente? E se non o é, porque hai comprobacións rigorosas, caben aínda serias dúbidas sobre pautas seguidas por altos dirixentes políticos, que nunca transgreden esa débilliña -tan imprecisa xuridicamente- cando actúan como lobbys  de grandes  empresas abrindo “portas xiratorias” ben engraxadas con diñeiro Ao abandonar os seus cargos políticos, esquecéronse das súas axendas e relacións anteriores? Doutra banda, por que falan do que ven na cabeza allea, tapando o ollo do que pasa na propia?

 Cantos rachan as súas vestiduras deberían dar exemplo eliminando a “lei do embude”, pois hai constancia de negocios similares, en beneficio propio ou das súas familias. A corrupción en España ten longa historia, como demostraba José Varela Ortega en 2001, en: Os amigos políticos (1875-1900)  Oxalá non sexa o caso de Zapatero! Con todo, nos tempos que corren todo demócrata -do signo que sexa- debería guiarse polo que Lars Gustafson (Morte dun apicultor, 1978)   poñía en boca dun profesor -case tan desesperado como moitos que estes días fan folga- : “Volver empezar”.

TEMAS: Corrupción política.- Tráfico de influencias.-  Lobbys.- “Portas xiratorias”.- Saúde democrática.

MMC (Madrid: 23.05.2026).

No hay comentarios:

Publicar un comentario