A opinión dos docentes...non conta?

30 oct 2026

Este presente cambiante, ten cada día novidades moi sorpresivas

Neste cambio de lexislatura, o afán diario tende a ser mediatizado por escándalos en que o incerto e o probable xogan á ruleta.

(A Marisa Manchado Torres, “desaparecida” o 28.10.2026, entre quen merecía máis tempo para seguir creando vida na súa contorna).

O que sucede cada día, eclipsado polo seguinte, fai parecer que non existise. Non impide, con todo, que se acumulen contratempos e desgrazas que van xerando unha sensación de caos, en que se clame pola orde e tranquilidade. O continuado sobresalto dos sentimentos e as mentes, difícil resistir, afai o ánimo cara a quen vende unha compacta seguridade de futuro, de modo que o choque dun tren AVE contra outro o día 28 en Urda (Toledo), produciu o prodixioso efecto de ocultar que existisen os días anteriores violentas concentracións de mozas e menores en Barcelona e Bilbao e as que se preparaban para “queimar” Valencia o vindeiro sábado, 28 de outubro, coordinadas desde a plataforma BLOCUS. Estas algaradas, distribuídas principalmente en Instagram e WhatsAap, deron consignas para romper escaparates e saquear tendas de luxo a quen asistise a puntos urbanos céntricos vestidos con roupa negra e pasamontañas, dispostos a pelexar coa policía e incendiar o amoblamento da rúa. Non é a primeira vez que, nestes anos, aglomeracións dispostas á liorta romperon actos de simbolismo relevante e actuaron onde adiviñaban que podían insultar e provocar. Momentos futbolísticos, a rúa Ferraz en Madrid, e diversas convocatorias noutros puntos de España, foron ocasión para fachendas e lucimento de insignias de dubidosa españolidade, xerando conflitos en nome dunha falsa liberdade de expresión. Vito Quiles, activista recoñecido pola súa actividade extremista en redes con trolas odiosas e denigrantes é un bo exemplar deste xénero contestatario. Os 69 mortos contabilizados ata o de agora en Urda -despois doutro accidente mortífero similar en Ademuz o 18.01.2026- serviron para eclipsar estas situacións de rúa conflitivas que, á súa vez, ocultaban as tranquilas protestas sociais ao redor da Vivenda, a Educación ou a carestía de vida a que apunta a FOLGA do día 11.

Apunte de obradoiro. Xosé Manuel Vidal Souto, anos 90.

Este tráxico desastre xera desconfianza en quen se afixo, desde 1992, a viaxar cunha rapidez, comodidade e puntualidade que non tiña a Renfe anterior á EXPO de Sevilla. Os brillantes vagóns de ferrocarril esnaquizados no campo manchego rompen a simboloxía dunha España moderna e provocan que a atención do votante se oriente cara á mala gobernanza. Nun país que se afixo a que a AVE, co turismo, fóra parte do seu esencialismo, este sistema de transporte situouse en mínimos insufribles. O respecto aos mortos -salvo  a VOX , ao que o loito o animou a recrecer as súas arengas culpabilizadoras-, non impediu que aflorasen pronto as cuestións de responsabilidadad política. A xestión das técnicas e protocolos reguladores do movemento de trens levaron o foco á distribución dos recursos económicos adecuados á modernización punteira dos sistemas de control, que mostraron motivos disfuncionais de pés de barro nos seus compoñentes técnicos e humanos.

“Frivolidade” explicativa?

Desde finais de xullo, a secuencia evenemencial ata hoxe permite ver un guión cuxo relato -seguido de contrarrelato -, foise ordenado para un momento en que interaccións de intereses sociais e políticos superasen as fronteiras. Americanos e israelís, arxentinos, italianos e franceses, rusos, ucraínos e marroquís, alxerinos, iranianos e arxentinos, pugnarían por ver estes días quen se leva a primacía de sentido tamén aquí o 29-N. As reviravoltas do acontecido descubriranos algún día quen teña acceso á documentación que, en silencio, circula entre espías e contraespías do CNI e outras axencias de intelixencia. A potencia informativa que as escenas mortais ofrecen está servida, e nas palabras que cada cal pon para contalas está por ver quen gañará a partida. Pero para captar a atención electoral, as enquisas de opinión sobre tendencias non son tan determinantes como feitos causantes de medo e terror, cuxo valor é decisivo para inclinar o voto cara á seguridade que os gardiáns eternos da orde prometen.

Para o Goberno, recuperar confianza complícaselle. Rechamante foi, por exemplo, que o primeiro relato do ministro Puente sobre o acontecido, cunha síntese centrada en que a catástrofe de Urda, desde a caída do sistema informático daba relevo a unhas equívocas ordes dos encargados do control operativo en Atocha, non convenceron. Pronto o fixo notar Feijóo que, no seu papel electoral e disposto a endurecer as súas palabras, esqueceuse da curva santiaguesa de Angrois  e das súas explicacións ante o desbordamento da dina en outubro de 2024, en Picassent. A xestión do ferrocarril, e a súa hipotética modernidade, quedou no disparadeiro ata o 29-N. Este accidente evidencia unha multiplicidade de fallos que a fan máis aparente que real; a liberal entrada de empresas como Yrio e Ouigo no uso da rede ferroviaria, multiplicou a súa tensión e a urxencia dunha  renovación e control máis esixentes.

Nas carencias que xera o uso abusivo destas infraestruturas, abundan contratempos de diverso risco para os usuarios, moi parecidos aos que acontecen  en Educación, onde quen traballa nas aulas saben mellor que os xestores da Administración, que cando priman recortes e aparencias, a convivencia entre intereses privados e públicos, ao xuntar a dirección de colexios concertados con bolsas e axudas, fan que o interese xeral, sen recursos e prestixio, adoeza de rutinas frustrantes. Por demais, a suposta disposición desta secuencia de acontecementos para que os votantes desconfíen do “progresismo”, obriga a lembrar o incendio do Parlamento de Berlín o 27.02.1933; a restauración que Foster fixo do edificio facilita ver como aquel episodio puxo fin aos dereitos constitucionais e, ao día seguinte, deu paso a un Hitler supostamente salvador da limitada República de Weimar. O pasado é pródigo en momentos históricos similares en que, en nome do ben, xustificáronse atropelos como a morte de Hipatia en marzo do 415 d.C. A brillante filósofa alexandrina, a Biblioteca da súa cidade e o extraordinario templo clásico -o Serapeum- foron varridos por unha banda de parabelani ao servizo do reaccionarismo. Está por ver se foi un adianto das desconfianzas que cruzan este presente.

 

TEMAS: Accidentes do AVE.- Culpabilidades políticas.- Aparencias e modernidades reais.- Eleccións xerais.- Confianza política.

MMC (Madrid, 30.10.2026).

No hay comentarios:

Publicar un comentario