A opinión dos docentes...non conta?

29 oct 2026

Os Mestres que non tivemos


Unha achega de Manuel Menor ao decorrer da Educación na segunda metade do século XX e unha proposta cara un futuro mellor para a Educación.

 

Manuel Menor, colaborador habitual deste blog, vén de publicar na editorial Morata o seu ensaio sobre o proceso regresivo que veu sufrindo o sistema educativo a partir dos anos cincuenta do século pasado. Partindo das suas experiencias no Seminario de Ourense reconstrúe a memoria persoal e a colectiva daquel nacionalcatolicismo imperante nos centros escolares. Sen caer no risco de facer un relato autobiográfico ou memorialístico, o autor analiza cómo aquel tipo de educación foi influíndo progresivamente nos centros públicos e cómo se van reproducir os métodos baseados na disciplina e na memoria, o esforzó e o sacrificio. Cómo a represión daqueles anos nos privou duns Mestres que non tivemos e que, posiblemente, cambiarían radicalmente a Educación no noso país. As ideas preconizadas pola ILE, serían afastadas de calquera institución educativa e haberían de pasar moitos anos para que algúns docentes puidesen retomar as posibilidades dun ensino igualitario, libre e integrador.



Ao longo de máis de catrocentas cincuenta páxinas, vai urdindo, coa achega de datos, estudos, referencias bibliográficas, literarias, culturais, e mesmo, cinematográficas, un tecido ilustrativo que deita unha clarividente visión do acontecido dende o punto de vista histórico no sistema educativo español. Non en van, Manuel Menor ten estudado as políticas educativas, dende a perspectiva social da Historia da Educación.

A obra estrutúrase en tres partes: a primeira -na que o elemento autobiográfico está máis presente- incide especialmente no paso polo seminario como institución educadora. Cómo a institución foi “modelando” os seus alumnos ao longo do tempo e cómo foi caendo en crise a partir dos anos sesenta. O fenómeno da “desbandada” é, tamén obxecto de análise, coa achega de datos sobre sacerdotes ordenados e secularizados no período. As lecturas presentes neste momento marcan o decorrer de Menor cara unha realidade diferente: Martin Vigil, Ramón J. Sender, Herman Hesse, e especialmente, a novela do seu compañeiro de seminario Carlos Casares, Xoguetes para un tempo prohibido. As referencias a outros autores ourensáns como o poeta Antón Tovar, ou Eduardo Blanco Amor, relacionan os textos coas experiencias vividas polo autor:

“Ao medrar algo pasei a outra sección do Colexio Sueiro na rúa da Liberdade, e no ir e voltar a casa, percepcións ambientais propiciaron a idea de ir ao seminario.(…)Andar a correr polas Burgas e os arredores do cárcere provincial -con longas colas de mulleres de negro e paquetes de comida para os seus parentes- engadía imprecisos rumores sobre presos entre incertidumes e silencios enloitados. Naquel bulicio acumulei información de aparente sinsentido, pero hoxe podo acreditar que grande parte do universo que reflexaría Eduardo Blanco Amor en La catedral y el niño e en A Esmorga, era fiel ao que transmitía o corazón antigo daquela cidade episcopal”. (páx 121)

Experiencias de infancia, ás veces crúas, como as derivadas de expresarse e vivir nunha lingua proscrita no sistema educativo imperante…

“Durante moito tempo sentín que sobraba. O mestre, aínda que era afectuoso, cumpría coa hostilidade oficial ao galego. A UNESCO diría e 1951 que “o emprego da lingua materna do alumno constitúe o mellor método de ensinanza”. A súa riqueza non contaba para nada e tampouco as aprendizaxes asociados a ela; aquela alfabetización -contraria ao valor da oralidade aprendida- levábase por diante afectos e relatos vinculados a estrella, orballo, mazaira, cerdeira…castiñeiro, carballo, xesta, millo, sabuguiño, avelaíña e moitas outras palabras que, fóra da aldea, non tiñan valor.” (páx. 233)

Na segunda parte analiza cómo a Educación vai estar estar trufada daquel nacionalcatolicismo e a represión que sufriron tanto organizacións pedagóxicas (ILE, ATEO, etc) como os Mestres que non tivemos. Tense repetido abondo que a Guerra civil a perderon os mestres e a gañaron os curas. Menor analiza cómo os principios do nacionalcatolicismo foron infiltrando o sistema público de ensino (antes na educación primaria e despois na que se chamou “media”) coa presenza de ministros, moi vinculados cos xesuítas primeiro e co Opus Dei despois, e cómo todas esas medidas represoras nos privaron dos Mestres que non tivemos. De novo as referencias aqueles personaxes como o Balbino das Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas, ou A derradeira lección do mestre, de Castelao representando a Alexandre Bóveda ou as experiencias de Arturo Baltar veñen á memoria do autor, entre outras moitas…Entre elas destaca a obra teatral de Casona Natacha, na que “a protagonista lidera un grupo de docentes que tipificaban gran parte dos ideais de Institución Libre de Ensinanza, indirectamente da burguesía democrática da República: o traballo colaborativo, a afable sinxeleza, o excursionismo, o traballo como reflexión, a coeducación, o teatro, a capacidade crítica, o cosmopolitismo a tolerancia e, entre outras querencias, o aprezo polo patrimonio cultural”.

As depuracións, os expedientes disciplinarios -cando non outras medidas máis drásticas- acabaron por desmar os docentes, purgando do sistema aqueles que puidesen deitar calquera sombra de republicanismo ou democratización.

Resignificar o sistema educativo

Na terceira parte.Manuel Menor evidencia, con datos, cómo aínda despois da Constitución de 1978, segue a haber unha débil formación docente, un minguado dereito á liberdade de conciencia que, xunto con unha aconfesionalidade acordada co Vaticano levan a un sistema (dobre ou triplo) que cos recursos de todos, favorece os beneficios privados (na súa meirande parte en mans de entidades relixiosas). Fronte a isto a alternativa é unha formación coherente para educar, un traballo importante para educar en común, fuxir do que non ten funcionado, procurar a cohesión entre os diversos docentes do sistema escolar, perseverar no seu recoñecemeto social, coidar a tecnificación educativa e contar cos docentes (cousa que non se ten feito nas últimas reiteradas reformas…) e asemade, revisar de contino a “cultura escolar” subxacente.

 

“Os Mestres que non tivemos reclaman “volver a empezar”: a escola que sobrelevaron as xeracións anteriores á Constitución de 1978 prosegue hoxe nos descoidos causantes de ominosas experiencias. Sen se desprender do clasismo segregador, que trata de fagocitala, descoida a diversidade e non xenera “cultura de facer ben as cousas”.

 

Os Mestres que non tivemos constitúe unha obra de lectura obrigada para calquera docente que pretenda achegarse reflexivamente á realidade do sistema educativo español onte e hoxe.

 

Antón Calviño

Ourense 29.10.2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario