A opinión dos docentes...non conta?

10 sept 2014

No inicio do curso 2014-2015 hai un inusitado regusto polo aforro escolar


O comezo do curso académico deste ano, co acento posto nas contías de investimento educativo, está servindo xa para unha marcada toma de posición ante o que se aventura un ano máis complicado do desexable en educación.


Ao Goberno, seguramente lle viría ben un pacto cos axentes sociais en este e outros terreos, por limitado que fora, para afrontalo con máis galanura, e probablemente o está intentando logo de tres anos moi conflitivos: as eleccións municipais e autonómicas están a caer. De momento, só pode poñer da súa parte mornos apoios, caracterizados por unha ambigüidade vergonzante: non é fácil quedarse practicamente sos nun territorio en que a xusta racionalidade distributiva do coñecemento está en xogo, e nun momento de escaseza como este en que os máis agraviados poderían rebelarse. Nesa balanza pouco máis teñen que os guións periódicos da OCDE, sempre alertando de que as reformas emprendidas son cruciais para “reforzar o incipiente crecemento”; onte mesmo preconizaban a subida do IVA e, entre outras moitas pautas, un impulso á innovación e ás universidades que pasase por unha selección moito maior de proxectos e unha vinculación crecente coa súa rendibilidade
(Ver: http://economia.elpais.com/economia/2014/09/08/actualidad/1410167739_909624.html ), o que sen dúbida servirá de inspiración ao equipo Wert-Gomendio para que ninguén lles distraia do afán reformador que os distingue.

Para despistar, e como complemento do que vén sendo a procura de cómplices desde hai meses, as escaramuzas destes días en que se inicia o curso estanse librando, ante todo, non propiamente en torno á entrada en vigor da LOMCE -un campo minado-, senón na trincheira da economía da educación. foi suficiente con que o novo líder do PSOE suxerise a subida do orzamento educativo ata un 7% do PIB no transcurso de dúas lexislaturas -a oito anos vista-, para que saísen a escena presuntos expertos, dispostos a iluminar as erráticas mentes dos que puidesen adherirse inocentemente a tal artimaña socialdemócrata. Xa nolo viñan dicindo estes anos últimos os prestixiosos autores desta sétima lei educadora, sempre desde a lonxanía dalgún aliñado debate e nunca en diálogo leal cos cidadáns. E agora collen a substitución variados mensaxeiros da boa nova, coma se amentar o diñeiro en educación fose asunto de pedichóns maleducados. Ben saben eles que estamos no camiño correcto ao baixar cada vez máis o noso investimento neste campo -aínda que nunca cheguemos á media dos países da nosa contorna europea-, e que nos van a dar a medalla olímpica neste xogo, pois este ano -como xa lle indicou o Gobieno ao ECOFIN- rebaixaremos aínda un pouco máis o orzamento, ata máis abaixo do 4%. Sabido é -recórdannos- que non por investir máis hai mellor educación e que hai moitos mozos e mozas que non se esforzan suficiente para merecela. Nada nos din, en cambio, de que esto da educación pública sexa un servizo e un ben que debe prestar o Estado a todos os seus cidadáns, non só a algúns selectos; nin mentan -en paralelo- a vergonza de que haxa aínda 730.000 analfabetos absolutos, ademais dos millóns de funcionales. Ao parecer, nada conta que gran parte se vexa implicada na atroz espiral de que os máis afectados polos recortes xerais destes anos pasados -tamén os de educación- son os fogares da xente humilde, un asunto sobre o que a propia OCDE puxo a alerta porque está crecendo en exceso a distancia entre ricos e pobres: aqueles son cada vez menos e máis ricos, mentres o paro segue en cifras impresentables, e os riscos de fractura social aumentan exponencialmente. Á beira disto, que haxa uns euros máis ou menos en educación debe parecerlles un luxo: as grandes cifras bríndanlles a ambigua ocasión de reiterarnos por terra, mar e aire, o firme que vai a recuperación, e non lles fai falta explicarnos para quen. Como nada disto nos din -talvez por que sería “populista”-, nin prestan atención á inversa proporción do orzamento que toca ás escolas, institutos e universidades públicas, respecto de as de tipo concertado ou máis estrictamente privado. Mellor se quedan no simplismo xenérico de que a boa educación non é cuestión de diñeiro, sen amentarnos por que que as axudas e subvencións a este outro sector do sistema educativo español subiron respecto ao PIB na mesma proporción que lle foi baixada á pública (Ver: http//:www.fe.ccoo.es/ensenanza/Inicio:679444--La_inversion_publica_cae_en_picado ). É probable que algún destes expertos entenda a pobreza -dos demais- como algo de gran valor espiritual, polo que é mellor que non teñan medios para desenvolverse como persoas libres, un pecado gravísimo. Hai esotéricos de toda índole, pero por que impoñen a outros este hábito tan monástico? É mellor volver a “a caridade incerta de persoas privadas” que xa denunciara Hobbes para atender as carencias que deixa no aire a libre concorrencia? Con que cara poden soster que o aumento do orzamento educativo non ten unha proporcional mellora de resultados? En todo caso, con esta teoría do aforro inversor - de “custos”, din- non se entende ben por que con sete mil millóns menos “pola crise” -máis alumnos que antes , máis alumnos por clase, menos profesores e menos recursos-, o ensino público ten que ser mellor que nunca e máis excelente. E doutra banda, como comentaban en El País o pasado dous de xuño, “se somos o segundo país de Europa con máis alumnos de ensino privado, por que non se lle bota a culpa da mala educación ao ensino privado?”: España figura á cabeza de Europa en privatización da escola.

É a mesma escusa do conto La camisa del hombre feliz: o que tiña camisa non era feliz e o que non a tiña si o era. Probablemente quérennos tanto que non nos decatamos: xa se preocupan eles de que todo vaia ben e libérannos de tan insana preocupación. Pese ao cal, seguimos sen entender de qué se fala con esta argucia dos prescindibles investimentos en educación e do consiguiente aforro en coñecemento. Alguén recorda xa que, na medida que houbo algo de diñeiro para programas de recuperación, apoio individualizado, titorías e diversidade -os programas para os máis necesitados de educación-, diminuíu o fracaso escolar? Era malo? sopesaron que un dos mellores logros da transición democrática ata hoxe foi a socialización e universalización do ensino, incluído o acceso a unha universidade non elitista? E nesta mesma orde, é que a disminución da investigación, da educación e da lectura, é agora o camiño para aumentar a nosa solvencia e soberanía como país? Por moita satisfacción da opinión pública que tivese esta formulación, pódese soster sen rubor neste momento que é máis barata -e máis eficiente, claro- a ramplona ignorancia e que, se os máis afectados son os máis pobres, mellor? É co recurso aos empregos mal cualificados e subempregos de peor remuneración como imos saír desta crise? Pois non crean que son escasos os devotos desta cofradía. Pasen revista ás 225 medidas que, procedentes dunhas e outras Comunidades, pensaron os máis sabios para aforrar agora mesmo, neste curso, custos prescindibles (Ver: http://politica.elpais.com/politica/2014/07/21/actualidad/1405969218_920514.html ). Esta iniciativa, en plan “remuíño de ideas”, non foi promovida polo ecoloxismo -que tamén ten unha guía cuantitativamente similar na Rede- senón por Facenda: no ámbito educativo verán que afectan, entre outras cousas, ao incremento da ratio de profesores por alumno nun 10%, ao cese de docentes interinos durante o periodo non lectivo de verán, ao axuste nas partidas de becas para comedor e libros, disminución de axudas para o mantemento de escolas infantís, etc.


Pronto saberemos se, ao longo deste curso académico, prosegue a marcha descendente do PIB educativo e se se dá máis cancha a este conxunto de medidas de aforro discriminatorias que, para aliviar o déficit, están sendo sopesadas desde Facenda co consentimento de Educación e Cultura. Este entusiasmo só se lles freará un pouco se intúen que, coas eleccións cruzando o meridiano do ano, pode crecer a desorientación dos electores cara a onde non deben, indignados por decatarse de que se lle seguisen diminuíndo aos seus fillos dereitos sustantivos. Pensando ben, poida que todo o mundo sexa bo e marabilloso e que a política económica da educación deba seguir o seu beatífico canle natural sen poñerlle ningunha tacha, pero que se apostan a que crecen de aquí a maio os entusiastas mensaxeiros da boa nova do aforro nos asuntos educativos que afectan a todos?Acordarase alguén, en todo caso, de que é un xeito moi eficiente de volver ao século XIX pola vía rápida?
Porque non é nada novo ese evanxeo redentor. Non fai falta moita paciencia para descubrir na lexislación dese século -e na da primeira metade do pasado-, regras “educadoras” similares. Non tiñamos en España nin soldos base, nin horarios laborais, nin seguros sociais, e á escola ían moi poucos, pero xa desde 1880 se inculcaba por lei aos nenos máis pobres -os outros non son mencionados- a necesaria virtude do aforro. Ata a Real Academia de Ciencias Morais e Políticas interesouse por este procedemento didáctico e, de 1871 a 1881, convocou varios concursos públicos de libros en que se difundise a idea do benéfico do aforro para “mellorar as condicións do obreiro” e, de paso, refutar as propostas sociais marxistas (Ver: MENÉNDEZ DE LA POLA, José, Breve refutación de los principios económicos de la Internacional, Madrid, 1874). O procedemento didáctico viña de Bélxica, do Dr. Laurent, e en España deu lugar á sanitaria estratexia do “aforro escolar”, para propagar mellor a difusión dunha moral precavida e aburguesada -incontaminada do vicio e despilfarro que tanto se lle achacaba á xente traballadora-, facéndolle ver a utilidade das Caixas de Aforros. Don Braulio Antón Ramírez foi o principal adaíl desta pedagoxía social tan pragmática nas escolas. Pode seguirse ben, con todo, o seu decrecente entusiasmo, na conta e razón que tivo que deu da súa xestión á fronte do Monte de Piedad Caja de Ahorros de Madrid, nas obrigadas memorias anuais dos anos 1874 e 1891, e tamén nos libros que publicou sobre “o benéfico” que era este aforro: ata que se deu conta das dificultades estruturais que abordelaban os fogares daqueles nenos. Para unha primeira aproximación a este asunto, pode irse ao Diccionario de Educación y Métodos de Enseñanza, que D. Mariano Carderera escribiu en 1854. E pódese mirar, así mesmo, o estatuto fundacional do INP (Instituto Nacional de Previsión), en 1908, en que se poderá comprobar que a súa primordial función inicial foi pedagóxica: ensinar a aforrar e ser previsor, para ter na ancianidade unha xubilación ou “retiro” que evitase ter que mendigar (Art. 1, Lei de 27/02/1908 e R.D. de 07/08/1911 e R.D. de 20/09/1919). De aí a cantidade de iniciativas “pedagógicas” que, desde esa institución -matriz afastada da Seguridade Social-, se fixeron para continuar o labor educativo das escolas en prol do aforro durante moitos anos do século pasado (Ver: Genealogía de un sueño: el “benéfico” ahorro de los asalariados, Madrid, Endymion, 2008, páxs. 473-516), entre os que destaca como paradigmático o libro escolar de Don Ezequiel Solana: Vida y Fortuna o El Arte de Bien Vivir.


As cartillas infantís de aforro proseguiron aquela breve tradición. Sucede que, entón e agora, os que se vían cominados ao aforro e os que o predicaban ou predican, pouco tiñan e teñen que ver entre si. Sobre todo, porque estes últimos non o necesitaban nin necesitan: nin estaban nin están cominados polas circunstancias e as crises diversas a realizar tan restritiva prescripción vital. O Estado -entón- era xestionado como unha leira particular duns poucos e aínda parece haber quen desexaría que o seguise sendo. Por iso, o construto do aforro -parello ao do esforzo, tan en boga- acábase revelando sempre como un discurso ideolóxico que, na medida que crece, só serve para xustificar que a “igualdade de oportunidades” non a “envexa igualitaria”, que traducen algúns se está quedando en papel mollado, mentres o pacto do Estado de Benestar vese reducido progresivamente á nada. Algunha outra vez recordei que o perspicaz novelista Palacio Valdés deixou escrita unha escena moi expresiva desta desigual situación constituínte de partida que, con leves modificacións ambientais, valería para agora mesmo. O protagonista da Espuma (1890), dono dunhas minas, leva a unhas amigas a ver a explotación; a máis sensible dáse conta das desgrazas que aflixen a aqueles asalariados e quéixase mentres o amo achaca a deplorable situación a que non aforran: - “En Riosa -di- descoñécese por completo o aforro”:¡o aforro!, sen o cal non é posible o benestar nin a prosperidad dun país. Pero a explicación non impediu que a impaciente invitada se atrevese a replicarlle: -”Pero como quere vostede que aforren cunha ou dúas pesetas de jornal?” (PALACIO VALDÉS, Armando, La Espuma, Madrid, Fax, 1947, páx. 245).
Os que xustifican o aforro en educación -coñecendo as condicións de como se está sendo recortada en España-, no canto de empregarse en epatar a posibles lectores das súas opinións nada singulares deberían ler a Oscar Wilde, quen, seguramente non leu ao escritor asturiano, pero tamén deixou escrito que “recomendar o aforro ao pobre é tan grotesco como ofensivo. É como aconsellar ao que se está morrendo de fame que coma menos” (El alma del hombre, 1891).

Temas: Aforro escolar, Investimento educativo, Educación e orzamentos diferenciados, Educación pública, Calidade educativa, Pobreza, riqueza, Fracaso escolar, Historia do aforro, Pedagoxía social mediante o aforro, LOMCE, OCDE, ECOFIN.

Manuel Menor Currás
Madrid, 09/09/201

No hay comentarios:

Publicar un comentario