A opinión dos docentes...non conta?

4 sept 2014

A paradoxal felicidade de empezar o curso outra vez


2014-2015 aventúrase un curso particularmente difícil. Para uns é un tempo feliz, porque se inicia por fin a súa reforma. Para outros, conflictivo porque as políticas educativas igualitarias terán máis obstáculos aínda.

A volta ao cole sempre tivo máis de amargo que de feliz; como moito, algunha vez foi agredoce. Só din “feliz volta ao cole” as grandes superficies comerciais e algún que outro pai ou nai tensos pola maior intensidade de proximidade familiar no verán. Pero, en xeral, os nenos e os profes -e outra parte sensible da poboación, á que tratou de dar voz Andrew J. Smart, con El arte y la ciencia de  no hacer nada (Clave Intelectual, 2014)- adoitan ver este retorno como algo irreversible: sucédelles un ano máis e, non infrecuentemente, sen sentido nin razón, de xeito ata insoportable e, cando menos, tedioso. Para todos estes, o inicio do curso 2014-2015 pode serlles máis penoso que de ordinario, e para ninguén será indiferente: iníciase a aplicación da LOMCE, esa lei en cuxa formulación e desenvolvemento entretivéronse tanto os seus promotores que nin tempo tiveron para debatela cun mínimo de coherencia científica e democrática, do convencidos que están das súas bondades.

Ás dificultades ordinarias de convivencia, de fondas raíces históricas, ha de engadirse o escepticismo que crea este tecer e destecer constante que temos nos asuntos educativos que nos incumben a todos. Este continuo “MELLORAR” o sistema educativo nos papeis normativos sen mirar á realidade experimental das aulas e as súas auténticas necesidades, lévanos a pensar que temos a grave síndrome de Penélope, a da Odisea. Isto de “mellorar”, sen contrastar contemplar as duras urxencias educativas da poboación, só induce a pensar en que cada novo intento -e xa van demasiados- só pretende reafirmar o orgullo persoal duns poucos privilexiados, que verán como o seu nome loce no BOE, pero que non pasará de tinglado convenientemente estéril se non prexudicial. Cando “mellorar” equivale a empeorar as prestaciones e que as disfuncións que poidan existir no servizo son pretexto para machacar mellor a cantos teñen maior necesidade delas, trae a conto a estrataxema de Penélope, ao pretender enganar aos seus pretendentes: “pasaba o día labrando a gran tea, e pola noite, tan logo como se alumaba coas antorchas, desfacía o tecido” e así transcorreron tres anos, ata que, como di Homero no Canto II, “sorprendérona cando destecía a espléndida tea”.  Como  se dunha parábola do que acontece co sistema educativo que tiñamos se tratase, deberiamos contar con algo que, no Canto I, puxera Homero en boca da mismísima Atenea, para que Telémaco cortase o oneroso dispendio cotián que os pretendentes da súa nai inflixían ao común patrimonio: “Non nos achamos evidentemente nun festín a escote. Paréceme que os que comen no palacio con tal arrogancia ultraxan a alguén, pois calquera home sensato indignaríase das súas moitas torpezas” (Odisea. Tradución de Luís Segalá y Estalella ao castelán para Austral, 1951).

Esta “arrogancia” homérica é constatable, neste comezo do curso 2014-2015, na minguante riqueza dispoñible para atender o servizo público do coñecemento á poboación. Se os orzamentos destes últimos anos xa foron baixando sistemáticamente, o do curso entrante -razoa Miguel Recio- “caracterízase pola consolidación e profundización dunha situación de recortes en educación -especialmente na educación pública-, facéndoa pagana dunha crise  económica producida, en boa medida, pola falta de cualificación dos postos de traballo”. Todo indica, á luz da proposta de Rajoy ao ECOFIN, que imos camiño de volver a 1987 no que a proporción do investimento educativo refírese dentro do PIB: un 4,01%, que, para o ano 2015, rebaixarase aínda máis. Coa agravante de que, mentres o orzamento educativo xeral baixa, o apoio á educación privada sobe en similar proporción. É dicir, que a pretensión de igualdade de oportunidades salta polo aire e vese crecentemente desmentida xusto cando a crise está levando máis alumnos ao ensino público, os profesores que a atenden ven reducido o seu número e condicións óptimas de traballo e, ademais, as bolsas  e taxas -aspecto máis rechamante, pero non único, nos estudos universitarios- aumentan a contradición normativa e o conflito de intereses en xogo.
A harmonía destas coordenadas coas máis estrictamente políticas añade máis dificultade á improbable felicidade dun comezo optimista de curso. Rajoy díxolle á Merkel, na súa recente visita a Santiago, que está por proseguir con “as reformas estructurais"  (http://www.eldiario.es/politica/Merkel-economica-Espana-reformas-Rajoy_0_296070542.html). Ese mantra seguirá alimentando as decisións deste Goberno na súa liña de “recuperación firme”, mentres segue reducindo os medios para unha educación democraticamente mellor para todos e, de paso, calquera iniciativa que redunde nunha modernización acorde coas necesidades da gran maioría cidadá. O guión para a mellora que propugnan -e os moi predicibles desaxustes sociais e cognitivos que acrecentará-, rexe xa na aplicación inminente da LOMCE. Verano mellor os que teñan que verse dentro duns días cos currículos de 1º, 3º e 5º de Primaria, máis o primeiro ciclo de Formación Profesional Básica. Pero, indirectamente -e de xeito non menos problemático-, tamén o resto de estudantes e profesores que empezan o curso académico o próximo día 15 de setembro. Pronto poderán constatar a que conduce o cambio das regras da educación e a crecente desigualdade das mesmas, pois as relativas á organización interna dos centros son particularmente significativas: en canto á dirección e á súa xerarquización cos profesores; o papel real que se lles esixirá a estes respecto das súas capacidades profesionais; a súa avaliación ao servizo de proxectos educativos difíciles de compartir; ou en canto ás propostas de calidade educativa que se manexen; as metodoloxías de traballo que se propugnen e o tipo de alumnos que se queiran atender. E igualmente  serán moi importantes as medidas que se vaian adoptando respecto da participación dos distintos compoñentes da comunidade educativa na vida dos centros, as preferencias de atención-financiamento á privada ou á pública, ou as subvencións a centros que diversifiquen por xénero ou outra razón? Todo un panorama para que cunda o desconcerto ou a “preocupación” en moitos pais (Ver:http://www.20minutos.es/noticia/2228283/0/comunidad-educativa/preocupada-aplicacion/lomce-valencia/)
, especialmente en cantos quererían que estes anos dos seus fillos non fosen para a súa mera clasificación sociolaboral e para algo máis que a constatación temperá da existencia de ganadores e perdedores sociais. Ou tan só para que non se lles adoutrinase co medo e a inseguridade. E aínda pode aumentar máis esta desconfianza, pouco propicia á felicidade compartida. É moi inquietante, de fondo, o servilismo de moitos dos nosos responsables de asuntos educativos ante as directrices que emanan da OCDE e da propia Comisión Europea, instancias esforzadas en propugnar unha concepción utilitarista e meramente reprodutiva das clasificacións sociais, por encima de calquera outra concepción humanista.Vexan, se non, a presteza que se deron para dar canle normativo ao canon bibliotecario (0.20 euros por libro, en bibliotecas públicas de localidades maiores de 5.000 habitantes), un paradigma do moito que aprecian a lectura, nun país xa por si tan lector e, ademais, con gran maioría de centros docentes sen orzamento ningún para esta actividade primordial en calquera sistema educativo. (http://www.eldiario.es/clm/gobierno-aprueba-pago-prestamo-bibliotecas_0_290121236.html).


 
Sempre hai quen se alegra por estas decisións xeniais e expeditivas: se non, non se tomarían. O estúpido é crernos cos ollos pechados as explicacións que as acompañan, cando o que evidencia tal xestión política irresponsable é crer que a educación e a cultura non son unha obrigación pública. Pero, volvendo ao principio, a volta ao cole nin é feliz nin infeliz: o da felicidade sempre foi un bo mito para engatusar a credulidade, como testemuña toda a historia da Filosofía, a da Política, a da propia Historia e as inauguracións oficiais de curso, ademais da maioría dos contos e a propaganda,  tan propicios como maleables para a exemplaridade da orde instituida de cada época. A paradoxal felicidade que nos depare o inicio deste curso, aínda que servirá para o exhibicionismo satisfeito dalgúns, difícilmente non xeará o sorriso de case todos cando constatemos que será aproveitado para enraizar máis a mediocridade do pensamento e da sa convivencia. No caso de Ulises, a volta a Ítaca  durou dez anos, sobrados para constatar  o orgulloso proceder duns poucos, ocupados en “devorar os seus bens e ultraxar á muller dun varón eximio  que xa se figuraban que non ía volver” (Canto XXIV). Este curso 2014-2015 porá en evidencia ata que punto queremos que a situación de expolio do ensino público culmine ou se ansiamos que se fortalezan con algunha seriedade os recursos culturais e pedagóxicos a disposición de todos.



Manuel Menor Currás
Madrid, 03/09/2014

TEMAS: Inicio de curso, LOMCE, Felicidade pública, Educación pública, Canon bibliotecario, Orzamento, PIB educativo, ECOFIN, Odisea, "Mellora educativa democrática", Síndrome de Penélope

No hay comentarios:

Publicar un comentario