A opinión dos docentes...non conta?

10 sept 2014

O paripé da visita turística dos reis ao Pereiro

David Rubín
Publicado por La Voz de Galicia (07.09.2014)


Setembro sentou os seus reais co anuncio da visita da realeza aos predios ourensáns. O día 2 contaba La Voz que os reis de España «inaugurarán» o curso escolar 2014-2015 no colexio Ben-Cho-Shey do Pereiro cunha semana de atraso. Todo un paripé para iniciar outro curso, o político. O 16 mobilizaranse centenares de persoas pagadas con fondos públicos (axentes da orde, políticos, funcionarios, para que Ourense teña uns segundos nalgún telexornal e unha foto no Hola. A presenza real é unha mera viaxe turística. Aos reis tráenos á última provincia de España para que reciban unha dose de aplausos entregados e afastalos do ruído mediático que xeraría a súa presenza noutras provincias que non é mester sinalar.

Os que programaron a viaxe demostran descoñecer moitas cousas do Pereiro de Aguiar. Desde a anecdótica de que o director do centro, Antón Gómez, (exedil do BNG en Ourense e sindicalista da CIG) é un republicano recalcitrante, ata a de máis fondura ideolóxica de elixir o colexio ao que dá nome Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey, un inspector de ensino ourensán represaliado e expulsado da súa terra por republicano e galeguista. Os que traen aos reis tamén descoñecen ese devandito («xente do Pereiro, tropa do carallo») que os nativos levamos con orgullo e a sorna que brota a beiras do encoro de Cachamuíña e que se resume nesta conversación entre xubilados: «¿Sabes que van traer ó Felipe e á Leticia ó Pereiro?» / «Vaia ou, paréceme mal que leven ó Pereiro a istes que inda empezaron onte e non ós que levan anos facendo falcatruadas». O acto montado para o 16 en Ourense non axuda a consolidar a idea de que a monarquía do século XXI serve para algo máis que para pousados fotográficos e inauguracións ficticias. Din que os reis querían visitar un colexio rural e elíxenlle ao que, coas súas decenas de empresas (entre elas Lonia Téxtil, Eurostyle ou Galmédica) e os seus 6.326 veciños (ademais dos máis de 500 que viven na prisión provincial), contrasta coa maioría que están inmersos nunha progresiva desertización e empobrecemento. Outra cousa habería que escribir se os reis viaxasen a calquera dos múltiples concellos de menos de mil habitantes que se morren pola súa natalidade nula e a fuxida dos seus veciños en procura dun mañá. Mellor sería que os monarcas, en lugar de limitarse a facer carantoñas a uns nenos nun día lectivo,  se deicasen a coñecer a realidade da provincia e impulsasen, coa súa intermediación, un camiño que mudase o papel de Cincenta que ten Ourense no conxunto de España. Témome que isto non ocorrerá e que o paso dos novos monarcas deixe pegadas deste tenor: «Pois Leticia non traía os pantalóns rotos», «Felipe está máis atractivo que cando ceou na Adega», «pois eu  díxenlle a Leticia que estaba moi guapa», «e eu deille a man». A semana de La Voz deixounos este impacto mediático que eclipsou outros (a soidade absoluta do goberno da capital, as refregas para colocarse nas listas ou os fervores marianos) que á luz da presenza turística do Xefe do Estado parecen meras, e cotiás, menudencias...

No hay comentarios:

Publicar un comentario