A opinión dos docentes...non conta?

1 ago 2014

María Antonia Iglesias e a memoria educativa da IIª República



Acaba de falecer en Nigrán esta xornalista de ascendente ourensán que, entre os seus libros, deixounos unha boa aproximación ao quefacer dos mestres da República.

A morte adoita suscitar consensos inesperados e silencios elocuentes. Moito máis se se morre relativamente cedo e tras unha sobresaliente presenza nos informativos de TVE e en medios moi destacados ou por ter tido rifas soadas por tales razóns. Glosas suficientes xerará esta xornalista, nacida en 1945 en Madrid, que seguramente confirmarán este principio. Tan só quixera recordar -como docente- un dos libros que, durante un tempo, levouna por diversos puntos de España, incluídas algunhas Facultades de Pedagoxía, para difundir o coñecemento de algo insuficientemente valorado nos medios e, tamén, en bastantes círculos de poder. Era 2006 e, baixo o título Maestros de la República: los otros santos, los otros mártires, Mª Antonia facía públicas 10 historias “heroicas” de mestres de diversos pobos de España. Co formato de entrevista, cada unha destas vidas perdedoras emerxía a través do testemuño dos que os trataron de cerca: amigos, descendentes e, sobre todo, alumnos. As reconstrucións a partir das vivencias dos achegados deixaban unha sensación mixta, de perda e gratitude, que, logo de tantos anos transcorridos desde a guerra, soaban a homenaxe e reivindicación. E a diferenza cos outros mortos españois daquel tráxico acontecemento, tan homenaxeados: “Quen canonizaría algún día a estes outros santos, a estes outros mártires, que foron os mestres republicanos e que nunca entrarán no santoral nin na memoria da Igrexa? Quen falaría deles? Quen lles recoñecería o labor xeneroso e exemplar que levaron a cabo con tanto esforzo e sacrificio?” -preguntábase a autora.

O libro introducía cada capítulo con prólogos de persoas relevantes a modo de aval, aínda que o libro non o necesitase, pois se sostiña por si mesmo. José María Maravall, Xosé Manuel Beiras, Luís Mateo Díez, Manuel Vicent, Javier Cercas e Luís García Montero, entre outros, dábanlle á autora máis autoridade para cualificar como «xusta e fermosa» a traxectoria destes “santos e mártires” que soportaran a calumnia, a persecución e ata a morte, por empeñar as súas vidas en achegar luz e liberdade aos que naceran para a sumisa ignorancia. Merece a pena transcribir unha pequena parte do que, no seu, dicía o que fora ministro de Educación entre 1982 e 1988, J. Mª. Maravall: “O obxectivo de acabar co progreso educativo e cultural foi fundamental na insurrección do 18 de xullo de 1936 [...] No caso das matanzas sistemáticas de mestres ao desencadearse a Guerra Civil española, razóns políticas guiaron as crueldades persoais. Por detrás dos asasinatos, da crueldade, a dor e o medo, existía a política do franquismo: unha campaña sistemática de erradicación da política educativa e cultural da República. En 1937, José Pemartín, xefe do Servizo de Ensino Superior e Medio, declaraba o seguinte: «Talvez un 75 por cento do persoal oficial ensinante traizoou -uns abiertamente, outros solapadamente, que son os máis perigosos- a causa nacional (...). Unha depuración inevitable vai diminuír considerablemente, sen dúbida, a cantidade de persoas do ensino oficial». En nove provincias das que existen datos sistemáticos, foron executados en torno a 250 mestres. E 54 institutos públicos de ensino secundario creados pola República foron pechados. Por riba, en torno a un 25 por cento dos mestres sufriron algún tipo de represión e un 10 por cento foron inhabilitados para sempre. En Euskadi e Cataluña, todos os mestres do ensino público foron dados de baixa e tiveron que solicitar a súa readmisión a través dun custoso proceso. A abafadora maioría das execucións de mestres ten lugar ao comezo da Guerra Civil, entre xullo e outubro de 1936. Todos os episodios son desapiadados”. Non só o citado por Maravall -autor de Que es lo nuevo (1938)-, senón outros moitos entre os que cabo destacar a Romualdo de Toledo, Pedro Sáinz, Enrique Suñer, Alfonso Iniesta ou Enrique Herrera Oria instigaron a traumática persecución cos seus escritos, a súa influencia e os seus cargos.

Mª Antonia non inventaba nada
: cando ela escribiu o seu libro, o sistema educativo republicano xa fora sacado do desdén desmemoriado. En 1999, por exemplo, a película de Luís Cuerda, A lingua das bolboretas, con guión de Azcona e Manolo Rivas -autor dos contos que serviron de base- divulgouno amplamente. De xeito moi rigoroso, publicáronse, igualmente, abundantes testemuños documentais sobre a educación pública que a Constitución da IIª República quixera construír. Merece a pena acordarse dalgúns deles, especialmente do estudo de Mariano Pérez Galán, pionero, en 1975, en recuperar -logo de 40 anos de esquecemento institucional- o legado pedagóxico daqueles breves anos: La enseñanza de la Segunda República. Tamén, algo máis tarde, xa en 1984, o de Alicia Alted Vigil, Política del nuevo Estado sobre el Patrimonio cultural y la Educación durante la Guerra civil española, onde podía verse moi explícito o traballo que se tomarían os golpistas, desde o inicio da súa “cruzada”, para modificar radicalmente o panorama educativo español. A conciencia crítica en torno ao que nos ensinaron nese tempo do franquismo, viña tendo, de tempo atrás, canles levemente entornados a través de “Cuadernos para el Diálogo”, tanto no seu formato de revista como a través dalgúns libros que foron publicando baixo a protección aperturista de Joaquín Ruíz-Jiménez, mentres os sindicatos empezaron a mobilizarse xunto aos MRPs, líderes na recuperación da memoria cos seus cursos de verán. A tese de Tamar Groves en 2009, El Movimiento de Enseñantes durante el Tardofranquismo y la Transición a la Democracia 1970-1983, é moi valiosa respecto diso, igual que a documentación dos Colexios de Doutores e Licenciados, coa súa “Alternativa por una reforma democrática de la enseñanza”.

No circuíto universitario, anterior ao libro de María Antonia, Viñao Frago xa viña estudando, desde 1988, a “modernización” a través da escola (para todos). Alejandro Tiana investigara boa parte dos antecedentes en que se inspirou a política educativa da República: a súa tese doctoral (publicada en 1992) viraría en torno a estas cuestións. Manuel Puelles, pola súa banda, gran especialista en políticas educativas e autor de Educación e ideología en laEspaña Contemporánea (1991), volvería presentarnos en 2009 os valores diferenciais de ambas etapas -a repúblicana e a franquista- en: Modernidad, Republicanismo y Democracia. Una historia de la educación en España (1898-2008), prestando particular atención á secuencia lexislativa ata agora mesmo. Da explícita represión exercida sobre os mestres e profesores, non só tiñamos referencias literarias a través de Josefina Aldecoa ou Xullo Llamazares, senón tamén desde o descubrimento, nun Instituto de Burgos, de documentación que detallaba a represalia levada a cabo naquela provincia: Jesús Crespo e outros compañeiros lograran dar á imprenta, en 1987, Purga de maestros en la Guerra civil: la depuración del magisterio nacional de la provincia de Burgos. Logo, en 2001, apareceu o detalle do sucedido en Málaga, nun libro de Mª del Campo Pozo, La depuración del magisterio nacional enla ciudad de Málaga (1936-1942). En 2004, Carlos de Dueñas e Lola Grimau publicarían La represión franquista de la enseñanza en Segovia. Pola súa banda, Francisco de Luís Martín, ao estudar a Historia da FETE-UGT -sobre todo no período 36-39-, deixara constancia (2002) de como algúns dos seus líderes sindicais fundadores foran perseguidos ou mortos tan só por selo. E, por estes mesmos anos, anteriores ao libro da xornalista falecida, xa apareceran dous grandes traballos, de conclusións prácticamente definitivas. No de Francisco Morente Valero, de 1997, La escuela y el Estada Nuevo: La depuración del magisterio nacional (1936-1943), facíase visible o metódico aparello normativo e estratéxico creado para desprestixiar, castigar ou eliminar de raíz canto soase a escola republicana, xunto ao exhaustivo reconto do acontecido ao total do magisterio público deses anos, coas penas e castigos inflixidos aos pillados fóra do xogo dos golpistas (desde antes da guerra). De igual cariz, pero referido á Universidade, era o que, en 2005, mostraba a tese doctoral de Jaume Claret, La represión franquista en la universidad española, en que se basearía o seu libro: El gran desmoche, en Crítica. Baste sinalar, como exemplo do desastre que este estudo certificaba, que, de 600 catedráticos que había en 1936, en 1940 quedaban tan só 380.

O libro de Mª Antonia Iglesias, con todo, ademais de poñer en linguaxe xornalística divulgativa este atropelo sistemático e de gravísimas consecuencias para o noso pobo, tiña outras virtudes. Puxo de relevo que non todas as políticas educativas eran iguais, permitindo ver como un sistema de boa educación democrática require esforzo e investimento continuados. Que non vale calquera cousa, por moita verbalidade que se empregue para aparentar o que non hai: ao poñer o acento nas personalidades dos seus entrevistados puxo en primeiro plano -de xeito moi vivo- as calidades indispensables que han de ter os que decidiron dedicarse a este duro e esixente traballo, e tamén deixou patente que con levitacións políticas institucionalizadas, pero descomprometidas coa cidadanía, non se chegaba moi lonxe. Agora que nos atopamos nunha etapa de xogos mediáticos en torno á “calidade” educativa -e cunha nova lei que se atreve a autoxustificarse con esta pretensión- non estará de máis telo en conta na circunstancia deste óbito. Neste terreo da educación todo está cargado de sentido. Incluso unha cousa tan aparentemente inocente como os libros de texto escolares -estudados por algúns dos autores mencionados- son máis que o que o Florido pensil, de Andrés Sopeña, mostrou con humor en 1994. Esa forma intelixente de mirar procedía dunha ardua tese onde quedaba explícito o uso perverso da escola. Anos máis tarde -e por cinguirnos tan só a un dos campos máis significativos dos libros escolares-, Emilio Castillejo mostraríanos explícitamente a mitificación, lexitimación e violencia simbólica que rezumaban os manuais de historia na etapa franquista. A pegada carencial que o franquismo xerou ao privarnos dos mestres e profesores que pretendía xeralizar a República, abarca varias xeracións de alumnos e profesores, en diversas frontes.

Outro libro recente (SÁNCHEZ, Elena e outras, 2012) -potenciado por un documental homónimo de Pilar Solano en 2013-, con título máis delimitado en torno Las maestras de la República, tratou de fixar a nosa atención na transformación social que, desde a educación, trataron de levar a cabo as nosas mulleres; a igualdade pola que arriscaron as súas vidas no traballo docente. O compromiso comunitario, a que tamén este traballo último remite, non debería seguir sendo excepcional na España democrática. Cando entón o normal se transmuta en especial, é que os nosos dereitos e liberdades democráticas están en risco. Doutra banda, o recordo do libro de Mª Antonia, non pode obviar que, nos anos 77 a 79, os mestres perseguidos durante o franquismo tiveron algunha presenza no noso parlamento cando iniciabamos a democracia, (como pode verse en: http://www.forodeeducacion.com/numero9/011.pdf .), nin tampouco que, desde entón, quedaron aínda pendentes demasiados asuntos a reconciliar no recordo colectivo, en educación e noutros ámbitos do público. En tal contexto, se o valor da investigación histórica -e o que poida achegar o libro desta xornalista agora añorada- servisen para algo, o recordo dos esforzos que tantos fixeron para que este país fose mellor, debería guiarnos para deixar ao carón teimas prepotentes que só nos distraen. Centrarnos en que facer para lograr unha boa educación para todos, dentro dun contexto cultural democrático esixente, podería ser a mellor tradución do noso recoñecemento. Grazas, en todo caso.

TEMAS: Mª Antonia Iglesias, Mestres da República, Depuración de profesores, Represión franquista, Historia da educación, Educación e ideoloxía, Políticas educativas.

Manuel Menor Currás
Madrid, 30/07/2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario