A opinión dos docentes...non conta?

10 ago 2014

O kafkiano destino dos profesores galegos

Os docentes que participaron no concurso de traslados tomarán posesión dun posto de traballo que lles pode durar meses á espera dun proceso xudicial

Nunca un proceso tan común e ordinario como un concurso de traslados autonómico entre profesores deu tanto que falar. Comezou como un pequeno copo de neve, a bóla xa ten considerables dimensións, e pode crecer aínda ata converterse nun alude que implica a miles de profesionais da educación.
¿Cal é o desencadenamento da polémica?
O ano pasado a Xunta convocou un novo concurso para os docentes das etapas non universitarias. Nel introduciuse un cambio xustificado en base a unha directiva europea que reza que non pode discriminarse a un traballador temporal respecto dun fixo. Por iso é polo que por primeira vez, e converténdose Galicia na única comunidade en facelo, os anos traballados antes de lograr a praza fixa comezaron a puntuar no traslado, e en tres apartados diferentes. Esta disparidade de criterio en se deben puntuar ou non nos traslados os anos previos a converterse en funcionario de carreira non só ocorre na comunidade galega, e de feito Estremadura, ante a dúbida, decidiu que non convocaría concurso de traslados. Pola súa banda, o Ministerio de Educación, que no 2015 vai realizar un concurso estatal, tampouco terá en conta as interinidades.
¿A quen beneficiou o cambio de criterio?
Todo o colectivo de profesorado, afectado positiva ou negativamente polo novo baremo, insiste en que non se trata dunha batalla entre profesores nin de prexudicar a ninguén, senón contra un cambio de criterio que consideran inxusto e precipitado. Pero obxectivamente os prexudicados son aqueles profesores que lograron unha praza fixa hai anos e fixérono directamente, sen ter pasado anos realizando substitucións e con interinidades. Os máis beneficiados, polo tanto, docentes con moitos anos de traballo acumulados, pero que sacaron a praza recentemente.
¿Que medidas tomaron os docentes que se sentiron prexudicados?
A polémico non tardou. Centos de profesores con anos de antigüidade como funcionarios de carreira vían como as súas opcións se debilitaban. Presentaron queixas ao Valedor, no Rexistro da Xunta e chegaron aos xulgados. E alertaron: paralizar o concurso de traslados sería a mellor opción para todos, afectados e non afectados. É dicir, todos nos seus postos actuais ata que os xuíces desen a última palabra. Hai que recordar que o concurso de traslados realízase entre profesores con praza fixa, é dicir, que ningún está en paro ou en expectativa de lograr traballo.
¿Por que declarou ilegal o xuíz parte do concurso de traslados?
A Xunta decidiu seguir adiante con todo o proceso a pesar dos recursos presentados. De feito o principal motivo que alegou a Consellería de Educación para cambiar o baremo sempre foi a inseguridade xurídica que provocaría non facelo. En abril fíxose oficial a resolución cos novos destinos, pero a finais de xuño chegou a noticia. Tres sentenzas dun xulgado compostelán declararon ilegal o baremo, é dicir, a forma de puntuar. O xuíz alude a unha recente sentenza do Supremo -do 9 de xuño- na que se asegura que as situacións de interinidade e de funcionario de carreira non son comparables, polo que existen razóns obxectivas para que só se puntúe a antigüidade como funcionario con praza fixa. Conclusión, o xuíz obriga a rebaremar aos docentes e a que non se lles teña en conta a antigüidade nos tres apartados nos que se valoraba a interinidade.
¿A cantos profesores afecta a sentenza?
No concurso participaron uns 8.000. Só 1.673 decidiron finalmente cambiar de destino, e deles sostén a Xunta que un 20 %, é dicir, uns 350, veranse afectados polo rebaremo. ¿Pero que ocorre se un profesor que decidiu non cambiar de posto, coas novas condicións atopa un destino ao que antes non podía acceder? ¿E viceversa? É dicir, que o número de afectados é difícil de cuantificar.
¿Aplica a Xunta o fallo xudicial en setembro?
Non. A Consellería de Educación podía recorrer o fallo, pero decidiu non facelo, acatalo e rebaremar aos profesores de cara ao 1 de setembro. Pero outros profesores afectados si recorreron, e aínda que a Xunta solicitou unha execución provisional da sentenza, chegou agosto, mes inhábil xudicialmente, e setembro achégase sen que poida executarse o fallo ao non ser firme. Cabería a posibilidade de paralizar o concurso e que cada profesor mantivese o seu posto actual ata que o proceso xudicial finalice -o que parecería unha opción lóxica e que desde un principio pediron os afectados-, pero a Administración decidiu que mentres non hai sentenza firme, cada profesor tomará posesión do destino que obtivo en abril, é dicir, co baremo que un xuíz anulou.
¿Que pode ocorrer o próximo curso?
Se o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acepta os recursos e declara válido o baremo, os docentes quedarán nos postos que asuman o 1 de setembro. Se dá a razón ao xulgado compostelán habería que rebaremar, os profesores afectados terían que dar marcha atrás, volver aos seus destinos anteriores ou aos que lles outorgue o rebaremo. É dicir, presúmese un proceso moi longo e complicado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario