A opinión dos docentes...non conta?

12 ago 2014

Os concertos de órgano de Xunqueira de Ambía cumpren 25 anos este agosto

É extraordinario que a crise non impida a celebración, un ano máis, do Ciclo de Órgano da Real Colexiata de Santa María a Real de Xunqueira. Son unha excepción cultural.

Hai moitos xeitos de medir o tempo, esa condición volátil das cousas que nunca deixa de ter un compoñente subxectivo en quen pretende atrapalo para mirar o seu alcance nas nosas vidas. 25 anos veñen representar unha xeración, unidade de medida que permite botar a vista atrás con certa capacidade para observar pautas e outear cambios ineludibles ou repeticións cansinas. Adoitan usar moito este concepto os tratadistas da literatura, a arte e a filosofía, máis que outros especialistas -en Historia, por exemplo- para os que o tempo ten escalas moi diferentes, segundo o asunto concreto cuxa traxectoria queren pescudar. Na celebración do “XXV Ciclo de Órgano e Música Antiga”, que terá lugar os próximos 17, 24 e 31 de agosto, na Colexiata de Xunqueira de Ambía, é posible empregar esa mestura de puntos de vista sobre o cronolóxico.

Pertencen ao tempo longo o pobo e a súa Colexiata -ou ao revés, pois moi probablemente foi primeiro esta-, cuxas orixes cabe remontar ao século IV. Ten a súa importancia -.para as distintas evolucións do tempo- a ubicación deste poboamento, a uns 6 kms. ao leste de Allariz, poboación coa que comparte o río Arnoia, pero de diferente vitalidade nestes tempos. Na contorna da vila alaricana, con todo -en Santa Mariña de Augas Santas-, existe un templo co que a Colexiata de Xunqueira ten especial afinidade. As trazasas construtivas da igrexa deste pobo, as súas tres naves, ábsidas, rosetóns, canzorros e triforio, comparten románico do século XII -con referencias importantes á Catedral de Santiago- e, tamén, posibles monxes construtores; e entre outros trazos, unha evolución construtiva, cara ao gótico primeramente, ou que logo se viron condicionadas polos avatares económicos das ordes relixiosas á que estiveron confiados ambos templos. As fachadas destas construcións -con torre e estilos eclécticos moi posteriores- marcan un longo período de distancia respecto ao esplendor primeiro mentres, pola súa banda, o claustro gótico de Xunqueira, con decoración flamíxera, delata unha maior continuidade de recursos na baixa Idade Media e, xa que logo, de maior control sobre a súa área de influencia. En todo caso, esta Colexiata de Xunqueira, monumento histórico artístico desde 1931, é bastante máis que o centro do pobo. É case toda a historia desta poboación e onde pode verse a mellor herdanza artística da comarca, non só pola fábrica do templo e o seu claustro, senón polo conxunto de escultura relixiosa que alberga. Foi colexio de mercedarios aínda non hai moito tempo, cando estudar estaba pouco xeralizado. É, ademais, a igrexa parroquial é, durante o mes de agosto dos últimos 25 anos, o espazo en que teñen lugar os concertos de órgano.

No tempo dunha xeración non caben os cambios que a zona experimentou: hai que ir algo máis atrás de 25 anos para entender qué estivo pasando ata agora nesta comarca. Nos anos cincuenta, aínda era unha zona con densidade de poboación bastante alta, as escolas cheas de nenos e o colexio mercedario tiña abundantes estudantes; e só dous ou tres tendeiros-comerciantes e muiñeiros marcaban a diferenza respecto dunha inmensa maioría de agricultores minifundistas. Os fluxos dos anos sesenta fixeron variar substantivamente a súa traxectoria, similarmente a moitos outros pobos ourensáns. E mentres, a Colegiata e o seu claustro seguen aí, como testemuña aparentemente inmutable ao paso dos anos ou, polo menos, dos nosos anos. Dentro do fermoso edificio e, por riba do segundo arco que separa a nave da epístola da nave central, está o órgano, un magnífico exemplar como instrumento e como moble. Trátase do terceiro que se construíu para os monxes que habitaron este edificio. Hai constancia do primeiro en 1536, o segundo faríase no s. XVII e este último dataría de 1759. Dalgún modo, estas datas falan dun tempo en que había algo que celebrar e recursos sobrados para iso: o problema que ten este órgano agora é que, aínda que soa magníficamente, necesita unha restauración desde hai máis de 25 anos. Como instrumento, pertence á época en que esta música -sobre todo, relixiosa, aínda que non só- tivo gran desenvolvemento e gran aceptación en España, especialmente en composicións nas que se buscaba gran espectacularidade con son pleno e a modo de estrondo vitorioso. O construtor dos seus dous teclados de 45 notas, rexistros e sistema sonoro, foi Manuel González Maldonado, de Santiago de Compostela, o centro -dentro de Galicia- de máis rango musical destas características. Como moble, a caixa exterior deste órgano de Xunqueira é obra de Xan de San Martín quen, ao parecer, era discípulo dun entallador oriundo de Valderas (León), Francisco Castro Canseco, que traballara na Catedral de Tui e na de Ourense, así como en diversas igrexas principais desta cidade, Celanova e Ribadavia. O resultado é unha peza prácticamente única, moi agradable de ver e, sobre todo, de oír.

A orixe dos ciclos de órgano e música antiga que se veñen celebrandoe nesta Colexiata e en torno a este instrumento, remóntase a 1989. Por entón, Canco López -apaixonado da música antiga e a composición, hoxe residente en Madrid- , que estudara nos Mercedarios de Sarria e terminara a súa carreira de música no Conservatorio madrileño, interesouse por el. Ía continuar estudando dirección de orquesta en EEUU, pero os vaivéns administrativos das bolsas de estudo galegas, máis as súas preocupacións pola música antiga -en conxunción con outra serie de circunstancias azarosas- fixeron que recalase en Xunqueira e que ocupase unha boa parte da súa atención con este órgano, de modo que, en torno a el, durante os nove anos seguintes, houbo un auténtico festival de música antiga: bos intérpretes, orquestras coñecidas, programas ambiciosos e sempre en agosto. Xunqueira incorporábase a unha onda que viña de algo máis lonxe. Para entón, en Castela e, sobre todo en Valladolid, xa naceran organizacións de amigos do órgano -como a que puxo en marcha a organista Lucía Riaño- que, ademais, pronto catalogaron os que ameazaban ruína ou, ata, o latrocinio, como denunciaban que sucedera con motivo da restauración dalgún moi notable. Doutra banda, empezaban a florecer, por impulso de personalidades da música ou doutras artes, un xénero de ciclos de concertos estivais en pobos máis ou menos pequenos, aproveitando as vinculacións familiares lonxe das grandes cidades. O simpático formato, que ás veces empezara pouco máis que como reunión de amigos, tomaba en Xunqueira como pretexto o órgano e a necesidade da súa urxente reparación. Un orzamento de entón cifraba en 22 os millóns de pesetas necesarios para facer un traballo ben feito, non de renovación senón de restauración.
           
No tempo curto destes últimos anos, foi parte importante na continuidade destes ciclos de música e nas demandas do arranxo do órgano que os suscita, unha asociación de amigos da música e deste instrumento denominada Un rato non tubo: un nome esclarecedor da necesidade, á vez que rechamante, na intención de que as autoridades -municipais e autonómicas con competencias culturais- se interesasen de xeito máis eficiente que o das boas palabras por este ben excepcional, pois cada ano que pasa corre máis risco de enmudecer para sempre, corroído polo descoido. A persoa que actualmente preside esta asociación e este ciclo de concertos, Marisol Mendive, é profesora desta especialidade musical no Conservatorio de Ourense -única en Galicia- e, ademais de ter algunhas gravacións, é habitual en ciclos de concertos con este instrumento en diversos puntos de España e Portugal. O máis evenemencial do tempo do órgano de Xunqueira e os ciclos que suscitou en torno seu ten lugar este mes de agosto. Para conmemorar os 25 anos transcorridos neste empeño de que sexa tratado coa debida atención, xa houbo unha ou dúas conferencias e, para os que se acheguen a Xunqueira nos tres domingos de agosto indicados, programaron, ás 20.00 hs., que escoiten boa música de órgano, a cargo de acreditados profesores. Hai, ata, unha obra conmemorativa do percorrido destes 25 anos, escrita por Canco López e que tocará el mesmo. En paralelo -e coa mesma finalidade festiva-, Baldomero Moreiras, pintor que vive nunha aldea próxima e membro da asociación promotora, solicitou doutros artistas principalmente ourensáns, pintores, escultores e fotógrafos, obra que, dalgún modo, aluda ou recorde o mundo da música. É unha destacable mostra artística a destes 25 autores reunidos -cifra case cabalística-, da que o visitante da sala de exposicións do Concello de Xunqueira non quedará defraudado. Unhas e outras propostas queren ser un eco ou resonancia indirecta do benestar que é capaz de xerar a música de calidade; pero un xeito, tamén, de chamar a atención sobre un ben que, contraditoriamente,  nos interpela polo risco de desaparecer que ten.

Construír un futuro posible é o reto de toda xeración responsable. A nostalxia e o mero historicismo non valen de nada se non nos impulsan a construír un presente esperanzador. A cuestión principal, en todo caso, céntrase en torno a se un órgano pode e debe, ou non, polarizar, no momento actual, as enerxías dos distintos actores implicados. E, nun plano non menos significativo -de turismo cultural, se se quere-, en que medida a colaboración informativa e económica duns e outros concellos ourensán ou galegos é capaz de exceder intereses estritamente locais. Se isto último costa -e é invisible en demasía-, non menos difícil é delimitar a preferencia de uso do diñeiro indispensable para unha restauración como a que en Xunqueira se precisa. Se somos carenciales en tantas outras cousas, debemos restaurar un ben de características indiscutibles como este, pero cuxo custo é relativamente alto? Pero, doutra banda, cando se malgasta ou se malgastou diñeiro público en bens ou servizos moito máis perecedeiros e moi dispensables -ou simplemente no culto a modas pasaxeiras, non sería de considerar a importancia e coidado que se merece o noso patrimonio artístico? É un dilema importante a ter en conta, nada fácil de resolver, e que excede amplamente o caso concreto deste órgano de Xunqueira, síntoma, con todo, dun proceder constitutivo da calidade de vida democrática. Entre outras razóns, porque encobre carencias culturais de longo percorrido. Por exemplo, que grado de estima  se cultiva entre os cidadáns -sen que sexa unha exclusiva dos deste concello concreto- por bens como este. Nese sentido, sería moi relevante de cara ao futuro que ninguén tivese que facer un periplo migratorio polo mundo para empezar a valorar o que ten á beira cando nace. É fundamental, pois, a preocupación educativa que se desenvolve para que apreciemos o noso patrimonio artístico, función non só da escola, senón tamén de canto aprendemos na contorna cotiá, froito do quefacer duns e outros, pero non menos das autoridades dos distintos niveis administrativos: a desidia e o desprezo comparativos non son bos conselleiros. Así mesmo, axudaría moito que a variedade de actores implicados -políticos e sociedade civil-, fósemos capaces de darlle suficiente vida a estes bens de todos, pois pola contra será difícil que poidan ser vistos como un ben. O risco máis grande que sempre ha ter -e segue tendo o patrimonio artístico entre nós- é non ser apreciado polos seus máis próximos, indispostos ou reacios a valorar o beneficio social que leva o telo e coidalo. Moitas veces foille negado ao común da xente o seu goce, o que axudou a incrementar a insensibilidade -e que moitos destes bens pasen a propiedade privada ou a mans estranxeiras-, pero a estas alturas da historia é de moi pouca modernidade e prestixio que tal forma de proceder poida seguir sucedendo como algo “normal”. Estes ciclos de música que promoven os asociados de Un rato no tubo son un paso importante na boa dirección. ¡Oxalá que a riqueza que atesouran e a determinación con que foron programados non se esgote no medio da excepcionalidade que xa neste momento representan!


TEMAS: Xunqueira de Ambía, Ciclos de música antiga, Órganos históricos, Patrimonio artístico, Bens culturais.

Manuel Menor Currás

Ourense, 12/08/2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario