A opinión dos docentes...non conta?

4 may 2023

Urbanidade preelectoral

A falta de modais enturba a convivencia. Os artificios da rudeza e a liorta non melloran a realidade; máis ben indican que os outros estorban.

A vida xa é bastante bronca por si mesma. A inestabilidade laboral, a xentrificación, a inflación e as hipotecas, máis outros mil problemas familiares, que os contratos de miseria agrandan, xeran inestabilidade de proxectos de vida e sensacións de exclusión que, á vista da publicidade dominante nas Redes, en valos publicitarios e medios, producen, tensións, frustración e outros efectos daniños na mente, no corpo e nas relacións cos demais. E hai moitas outras variables aínda contribuíndo, a diario, a que a pobreza e a exclusión circulen a diario polas rúas cargando sobre os ombreiros dos que se  senten fóra, abandonados. Non é imprescindible ir a barrios periféricos para ver como a exclusión acampa ao redor, e menos fai falta facer turismo exótico a países que chamabamos “subdesenvolvidos” para velo. A propia tele deixou de frecuentar ese universo de marxinación á hora en que comemos; para que os televidentes crean que viven nun mundo feliz, sóbralles coa Guerra de Ucraína, onde un número impreciso de mísiles e drons voando dá paso a destrucións e malferidos suficientes para que se sentan dentro dunha burbulla que mereza a pena. Agradecidos pola tranquilidade, ao final do noticiario, soportan mellor que a seca ameace con encoros medio baleiros a comezos de maio, sen fronte ningún de choivas no horizonte e con fluctuacións meteorolóxicas entre “a Nena” e “o Neno”. Non pasa nada, aínda non estamos en plena intemperie.

A Ínsua Barataria

En pleno estoicismo decatámonos, con todo, que, nun lugar da Mancha de cuxo nome dá igual acordarse, viven moitos fidalgos dos de lanza en estaleiro, adarga antiga, rocín fraco e galgo corredor. Compiten todos por ver quen é máis listo, máis bravo e valedor de persoas infortunadas. E nos seus intres ociosos, deron todos en ler e escribir mensaxes en que admiradores e admiradoras dinlles que son merecedores de maior estima; tantos chíos  (tuits) mensaxeiros magnificaron as grandezas de cada cal, que lles fan perder o xuízo; deixáronse embelesar e, despois de confirmar con asesores e libros de cabalerías o que sisudos adiviños lles avanzan como presaxio de adeptos, non paran de discutir entre eles sobre quen é o máis aguerrido, sen deixar de encerellarse en dilucidar qué antepasado podería comparárselles. Tanto se enfrascaron nestes asuntos que enchéuselles a fantasía de todo o que leran, sobre todo nas mensaxes de clientes. Pasan as noites de claro en claro e os días de turbio en turbio, e do pouco durmir e do moito ler, secóuselles o celebro e case perderon o xuízo. Tanto, que hai achegados imaxinando que sería bo que, para que tanta mensaxe e libro dañador non causase máis tolemia, mellor sería botalos pola xanela e prenderlles lume. Devanceiros lonxanos queimaran a biblioteca de Alexandría para tranquilidade dos posuidores da verdade.

En 1509, contaba Cervantes que algo de todo iso lles pasara a dous personaxes seus; entre accións de Don Quixote, que a Sancho lle parecían disparates, a fortuna fíxolles ir parar ao castelo dunha parella de aristócratas, onde ambos parece que poderían cumprir algúns dos maiores soños que ambicionaban. Nun ambiente apartado do común dos mortais, transcorren algúns dos episodios máis expresivos dos contrastes entre realidade e imaxinación imposible que Cervantes sinala de contino. As diferenzas e distancias entre o mundo irreal que esaxeran uns duques e o que, segundo o relato, viven ou cren vivir os seus invitados. Cervantes vai poñendo o dedo en canto viría ben a todos que acontecese doutro xeito. Sancho chega a crer que é gobernador de Barataria e que vai limpala de todo mal e de cantos folgazáns roldan por alí; demostra sensatez, bo xuízo e ecuanimidade para o “bo goberno”, pero aínda que supera de abondo cantidade de situacións problemáticas, acaba desencantado e déixao. O que ocorre na segunda parte do Enxeñoso Fidalgo Don Quixote da Mancha ben podería lerse como un trasunto do que noutro lugar da Mancha, non moi lonxe do Toboso, vén sucedendo ou debería suceder. Non parece que a sensatez estea a reinar e, a pesar diso, ninguén cre, nin se sente obrigado, a repetir o que confesa Sancho: “ non son bo para gobernar senón é un rabaño de gando, e as riquezas que se gañan nos tales gobernos son á conta de perder o descanso e o sono” (cap. 54). Outro personaxe di nese mesmo capítulo: “Rogo sempre a Deus que me abra os ollos do entendemento, e me dea a coñecer como o teño que servir”.

A Urbanidade

Polo visto o pasado día dous de maio na Real Casa de Correos de Madrid, cando se conmemoraba o que Goya pintara en 1814, despois da liberdade que pregoara a Constitución de Cádiz, parece que o que se honraba era outra cousa. Se os xestores do evento visen e reparasen no que o mesmo Goya pintara e escribira en moitos outros cadros, debuxos e gravados, non darían o mal exemplo que deron. Non moi lonxe, na Real Academia de San Fernando e no Museo do Prado, hai sobrada documentación gráfica sobre o que acontece cando se esquece o que, ao cabo, merece a pena. O Caderno C, en particular, é toda unha alegación en prol dunha racionalidade ilustrada, menos lastrada do rancor prexuizado que gravou a cámara cando puxo o seu obxectivo no que pasaba nas escadas do escenario. O plano secuencia mostrou enseguida a banalidade do acto; cando o obxectivo se demorou nas caras dos que estaban na tarima, os bicos e miradas, máis a ombreira taurina que a presidenta levaba no seu vestido, fixeron lembrar o cadro da familia de Carlos IV, o retrato colectivo que pintara Goya en 1800. O deleznable guión do acto festivo sería moi distinto se os seus mentores se ocupasen do que Erasmo di no seu libro: Da urbanidade nas maneiras dos nenos (De civilitate morum puerilium), onde en 1530 explicou como a cortesía e as boas maneiras, ademais de expresar a dignidade que un teña, falan do valor e estima que lles dá aos outros, cuestión fundamental para a vida sa de calquera comunidade. Case ao final, di que “a quen lles tocou en sorte ser de bo berce, deshonroso élles non responder a súa liñaxe coas súas maneiras”; se non, máis empeño han poñer en compensalo “coa elegancia das boas maneiras”. Sexan ou non correctos os protocolos que se seguiron este dous de maio -cuestión moi discutible-, a falta de modais foi un tratado de urbanidade especialmente antidemocrática en vésperas electorais.

TEMAS: Mensaxes preelectorais.- Convivencia democrática.- Modais de convivencia.- Desencanto e problemas.- Pobres e excluídos.

MMC (04.04.2023)

No hay comentarios:

Publicar un comentario