A opinión dos docentes...non conta?

28 oct 2012

Alejo Stivel lévalle un video-disco na man á Merkel...Para que se entere!

A acción reivindicativa do ex-líder de Tequila trunfa nas redes

Alejo Stivel, excompoñente de Tequila, gravou un vídeo reivindicativo dedicado á chancelleira alemá Angela Merkel, que está tendo un grande éxito na rede. Tratase de 'Ojalá', unha canción orixinal de Silvio Rodríguez, que se converteu nun himno nas manifestacións del 15-M. Stivel gravou o vídeo en compaña de enfermeiras, mestres e inmigrantes afectados polos recortes e fronte a unha imaxe de Merkel. Viaxou á sede do goberno da chancelleira, onde se celebraba una recepción e fíxolle entrega do vídeo a un asistente da Merkel. “Esta é unha mensaxe da xente de España para a señora Merkel”... 
'Ojalá', curiosamente, é unha canción de desamor e non o típico tema protesta. A súa utilización como mensaxe política ten, en palabras de Stivel, un carácter “poético”.

 Para Ángela, con amor...da nosa parte.

20 oct 2012

Radical Wert

Rosa Enríquez
(Publicado en La Región. 18.10.2012)

Se alguén dixer, nun lugar que non for España, 'Radical Wert', non debería sorprender que se asociase este sintagma adxectivo a un filme americano, como Artificial intelligence, American gigoló ou The quiet man, poño por caso. En principio, pode desconcertar, mais proben a distanciarse, imaxinen que son de Guatemala, por exemplo, e escoitan iso de 'Radical Wert', seguramente pensarían nunha peli cun tal Wert un chisco violento coas persoas e coas cousas. Coas palabras e ideas tamén. Digamos que imaxinarían -penso que non me engano- unha especie de cafre, moi cachas, de escaso entendemento e moita agresividade. Imaxinaríano porque aquí, dicir 'radical' é como dicir violento, excesivo nas manifestacións de contento e descontento. Un desquiciado, vaia. Ou desquiciada, claro. E aí é onde vou: á chave do asunto. Que significa 'radical' realmente? É unha palabra deturpada? Hai manipulación na concepción de radical existente no imaxinario colectivo? Algo debe haber, pois, se ben é certo que se debería emprega para calificar aquilo que 'vén da raíz' (lat. radix-radicis), entendendo raíz como base, cerne, mesmo, se se quer, orixe, non vexo eu por ningunha parte a relación do calificativo de marras con virulencia de ningún tipo. Tendo conta disto, coido que iso de usar 'radical' como sinónimo de 'agresiva' ou, moito peor, 'violento' faise de ben mal gusto, na medida en implica, dalgún modo, mentir. Radical, señor Wert, dise dunha persoa que para solucionar problemas vai sempre á raíz, isto é, á orixe dos mesmos. Daquela, os/as radicais nunca se conforman con explicacións pacatas, superficiais ou demagóxicas. Por esa razón, non aceptan a idea plana que, nalgúns sectores do PP, existe de España. Así é que defenden as linguas minorizadas porque entenden que a base da autoestima dun pobo consiste, entre outras cousas, en saberse dito, nomeado, explicado, non unicamente traducido. Os/as radicais cren na necesidade de erradicar a pobreza en tanto que causa da infelicidade humana e están convencidos/as de que a educación é imprescindibel para que un pobo sexa libre. Eis o sinistro da Lei Wert que, sorprendentemente, elimina bolsas -medio millón de alumnos e alumnas perden axudas para libros de texto-, aumenta a ratio -até 36 alumnos/as pode haber nunha aula de secundaria- e fala de calidade do ensino. Curiosa lei esa que deixa a tantas familias co cu o aire despois de pagar 200 euracillazos en libros de texto por vástago/a. Wert, vostede vai directo ó furacán, búscanos con cada frase lapidaria que pronuncia -'Los estudios de la OCDE dicen que se pierde eficacia solo a partir de grupos de más de 45 o 50 alumnos'-. No fondo 'vaille a marcha'. Gustámoslle e todo! Cousas veredes e oíredes?

13 oct 2012

Entrevista a Mario Bedera en Escuela

Unha vez máis, Manuel Menor nos achega a entrevista que mantivo con Mario Bedera, voceiro do PSOE no Congreso. A entrevista publicouse na revista de ensino Escuela, e trascribimos aquí as súas páxinas porque non ten desperdicio ningún...  

12 oct 2012

O máis por menos da LOMCE

-->


Manuel Menor Currás

Non é de agora a tendencia cara ao menos. A nosa memoria é fraca, pero vén de moi atrás esa obsesión dalgúns por impor a pouquedade sistemática aos demais. Os máis vellos do lugar deben recordar os seus tempos de infancia escuálida, tan de moda entón -tan natural-, cando en moitos pobos do sur hispano lle daban aos nenos unha tosta de pan con aceite e sal, para que bebesen abundante auga e non pedisen logo a cea. A moitos mestres de zonas de Galicia, non tan rurais como puidese suporse, oínlles contar como habitual que moitos críos chegasen á escola pola mañá cheirando a augardente e sen almorzo.

Máis atrás, aínda foi peor. A documentación que nos chegou da vida nas Hurdes ao comezo do século pasado, ou a que nos deixaron os voluntarios das Misións Pedagóxicas son ben ilustrativas. Pode relerse de novo con proveito a Viaxe polas escolas de España que Luís Belo escribiu en 1926-27: a miseria xeralizada de que se revestía o ensino accesible á maioría traducía a obrigada frugalidad de vida. Moitos libros de “Economía doméstica” viñan recomendando intensamente, para remediala, a vía da moralidade individual: o virtuoso aforro como panacea da miseria chegaba ata extremos risibles, como o de aconsellar a inxesta das patacas preferentemente á carne. Nesa mesma orde de remedios, ata El Practicón, de Anxo Muro, razoaba en 1894 que: “desde o punto de vista económico as sobras constitúen un dos negociados máis importantes da facenda culinaria”.


A todo se estendía a restrición do liberalismo censitario en nome dos sacrosantos dereitos da propiedade privada. Memorable é a argumentación que esgrimían os contrarios á regulación do traballo feminino e infantil: “é imposible -dicía en 1892 Juan Sallarés, presidente do gremio de fabricantes de Sabadell-, sen grave trastorno, suprimir ningún dos actuais ingresos, so pena de levar privacións raianas na miseria á maior parte dos fogares obreiros”. Estes vivían ao límite: o que podía gañar un xefe de familia nin sequera chegaba para cubrir os gastos dunha concisa subsistencia. Pero proporcionaba abundantes beneficios aos partidarios de manter ese
status quo carencial: ata 1900 non chegaría aquí a regulación de accidentes de traballo nin, tampouco, a do traballo da muller e os nenos. Son as primeiras leis sociais españolas na práctica. As demais virían tamén parsimoniosamente. Con lentitude desesperante se se compara con países da nosa contorna e con sensibles diferenzas do campo á cidade, como pode verse na secuencia que afecta á evolución do Instituto Nacional de Previsión, desde os seus inicios en 1908 ata agora mesmo. Cando en 1945, na Europa do Plan Marshall, se adota o pacto do “Estado de Benestar” que propuña o inglés Beveridge, tamén aos españois lles tocaría a lentitude e un conxunto de prestacións máis que mediatizada: por pór dous exemplos significativos, habería que esperar practicamente a finais dos oitenta para que a educación e a sanidade puidesen cualificarse como universais.O Estado mínimo foi a tónica entre nós. A pesar de que a Transición tendeu a ampliar o conxunto de dereitos e servizos públicos, nunca logramos a posición que neste terreo lograran outros países da nosa contorna. As forzas proclives a un Estado forte ao servizo de todos sempre foron máis débiles: a cidadanía, en xeral, nunca foi moi soberana; máis ben estivo sempre intervida ou secuestrada por uns poucos. Cando logo da caída do Muro de Berlín en 1989 se puxo de moda o ir recortando aos poucos aquel pacto do Estado de Benestar -xa tocado desde a crise do 73-, a lentitude ou desidia dos nosos dirixentes, a parsimonia timorata de moitos colectivos, máis as urxencias que expuñan perentoriamente os grupos máis influentes en terreos que lles eran máis rendibles, foron deixando incompletos ou moi mediatizados algúns dos nosos indubidables logros nestes últimos 35 anos. Son reconocibles, en todo caso, as transformacións que, as sucesivas políticas foron imprimindo á situación herdada do franquismo; podemos alegrarnos do conseguido, pero cunha satisfacción mediatizada por moitas limitacións que -no caso do ensino- foron situando aspectos exixibles de calidade verdadeiramente equitativa en niveis manifestamente mellorables. Hai que destacalo agora, cando algúns dos camiños iniciados nos últimos anos lograran reducir aquel funesto 32% de “fracaso” -termo tan relativo como escaso-, e cando a propia CEOE, no seu Informe de 2011, congratulábase de que, en tan pouco tempo, lográsemos ser un país cunha distribución bastante equitativa deste ben do ensino... O que agora toca, con todo, é a volta á tradición do máis por menos. Veu “a crise”, unha escusa perfecta para que os actuais responsables políticos insistan nas vías morais do esforzo e en que -como outrora- o urxente din que é que os máis nos restrinxamos e recortemos porque estabamos sendo uns derrochadores. En realidade, actúan como delgados do mercado, que segue mandando e agora é restritivo E, no seu beneficio, empezaron a chover todo tipo de limitacións, austeridades e adelgazamentos. Non son novatos nesta tendencia, senón que reproducen actitudes e posicionamentos conceptuais previos: como outrora; cóntannos que co noso sacrificado aforro preparamos as bases para un futuro mellor.
A moda do estreito e anoréxico alcánzao xa practicamente todo. Os que traballan en centros educativos ou en hospitais públicos non paran de enumerar os capítulos de tratamento redutivo que lles aplicaron ou lles están aplicando. As folgas e manifestacións do curso pasado xa deron boa conta dos pasos progresivos que ía dando este afán terapéutico por cortar, independentemente de se era imprescindible, mostrando constantemente un afán publicitario de que non fose ninguén a pensar que diminuía sensiblemente a calidade dos servizos. Do presunto malgasto anterior, os culpables serían os cidadáns, por querer mellores servizos da conta. Típica política do máis por menos.
O novo neste momento é que se refinou esta técnica. Aos poucos, sen pausa algunha e como mal menor, volvemos rapidamente ao noso pasado máis tradicional. Canto nos axuda a vivir vaise tapizando de estreiteza e limitación, coma se o seu natural fose o estar engurrado. O Parlamento xa non parece lugar para o debate ou para a rendición de contas do que se fai ou se proxecta: nin se comparece nin se dialoga; só se vota o precociñado, moitas veces ben lonxe de España. Se se mira a tele, non se ve nada: as noticias adelgazáronse tanto que xa nin existen; o parecido ao NODO crece desconsoladamente. Se a xente decide expresarse manifestándose na rúa, acúsana de subvertir a orde: propúgnanse as “minorías silenciosas”, modo eufemístico de preferir que fósemos súbditos. A liberdade de expresión e reunión van ser “moduladas”, neoloxismo expresivo da xibarización da nosa débil democracia.
A LOMCE que agora nos queren ditar -que será a 12ª Lei Orgánica desde 1970- nace tamén co signo do máis por menos. Di querer “mellorar” o sistema, a súa calidade e excelencia. Pero de entrada xa restrinxe o artigo 27 da Constitución: prescinde do “pleno desenvolvemento da persoa humana” e, en esencia, redúcese a adaptarse a “a competitividade” do mercado. Nin se expón facilitarlle ao común da xente o acceso a unha boa educación: nace selectiva, incrementando os obstáculos de re-válidas ata niveis superiores aos que rexían antes da Lei Xeral do 70. Na práctica, promulga un elitismo servil ás condicións que marca un sistema económico asimétrico e unha sociedade desigual: nada que ver sequera cos obxectivos que expuña esta Lei do franquismo (nos seus artcs. 3 e 135, por exemplo); e moito menos, cos que tratou de mellorar a Transición democrática. A “eficiencia” de que fala agora a LOMCE -ao ritmo da contracción recesiva do mercado- marca o adelgazamento súbito do sistema calcando miméticamente o panorama dunha economía recesiva. Non sería de estrañar que, os colexios públicos se reduzan a meras academias estruturadas para repetir mecanicamente o que impoñan os cuestionarios PISA. Ao tempo, a educación como servizo público -se sempre tivo entre nós severas restricións- quedará máis limitada aínda e, sen dúbida, será menos democrática. A cantilena moralizadora do “maior esforzo” non pode ocultar que do que se trata é dun estreitamento da xustiza distributiva: como outrora, prolonga e vertebra a desigualdade. Ao que se ve, o da educación -como outros dereitos cívicos- non é un dereito “perfecto”.
Desgraciadamente, esta delgadez sistémica xa é cuantificable no presente con cifras alarmantes de fame e pobreza, con particular repercusión entre os nosos nenos. Tamén como antes, as contundentes cifras de Cáritas e de Cruz Vermella volven falar dun país en branco e negro, tirando a sepia -como para desgusto de benpensantes puña de manifesto o
New York Times a finais de setembro.

Interferencies

Unha reflexión sobre a crise global que pon nome aos responsables. A primeira película de ficción Creative Commons estreada nos cines e en Internet.

7 oct 2012

Maioría silenciosa?



Supoñendo que a maioría sexa toda a xente que non se manifesta nas rúas, basicamente porque non cabe, e supoñendo que sexa silenciosa porque, ao non saír á rúa, é invisible, ¿cómo fai Rajoy para saber a súa opinión? ¿Será que Rajoy é un xenio ou simplemente é pitoniso? Inclínome polo primeiro: logrou modificar no dicionario o concepto silencio e encheuno dunha acepción rajoyiana, coma se en lugar de simple silencio se tratase dun caderno en branco para encher cos ditados do presidente.
Pode ser que a esa suposta maioría silenciosa lle guste o aumento exponencial do paro, a revisión da lei do aborto, o aumento de alumnos por aula, a diminución do control de mamografías, o aumento de número de horas de traballo, a subida do IVE, o enriquecemento desmesurado de certos políticos e o empobrecemento desmesurado de todos os demais. Pode incluso que todas esas cousas lles encanten. Pero mentres a maioría silenciosa non se pronuncie sobre os seus gustos e opinións, nin Rajoy nin o profeta Isaías deberían aventurar unha interpretación sobre o silencio. Porque o silencio é iso, nada. E apelar ao silencio non só non é democrático, senón que lembra perigosamente aos totalitarismos que tanto medo tiveron da expresión en alto da voz libre.

26 sept 2012

Era visto...importa a instrución non a educación.



Estes días de pre-campaña andan conselleiros e ata ministros buscando unha foto nos medios...Que se un paseíño pola escola rural (que non pecharon porque os pais se mobilizaron e buscaron matrícula mesmo traendo xentes de fóra) que se un planciño para retellar as goteiras da catedral, que se me poño na foto das empresas que andan "dinamizando" la lengua etc. O noso conselleiro e candidato número un pola provincia de Ourense non perde a ocasión de buscar os obxectivos das cámaras e é quen de poñerse nas fotos máis insospeitadas; igual aparece comendo pemenos na Arnoia, que bebendo viño na feira de Ribadavia ou na festa da Istoria, que no "Reperkusión" ou a homenaxe ao padre Silva. Quitada a excepción do comezo do curso -no que non quixo "retratarse" como o ano pasado-, no resto, non perdeu ocasión  de "chupar" cámara.

Lástima que os feitos sexan tan teimudos e veñan a "emporcallar" unha vez máis as bonitas fotos que se vén facendo o conselleiro día tras día. Agora o ministro Wert, coa súa recentemente presentada reforma educativa, (que segue ao pé da letra as liñas de austeridade iniciadas na Xunta), acaba de restarlle algúns puntos ao noso "brillante" conselleiro. (Por certo, os actos propagandísticos institucionais deben estar prohibidos pola Xunta Electoral dende que se convocan eleccións, non si?). O ministro Wert coa súa reforma quere facer un sistema educativo que non adoutrine (ha, ha), que non discrimine ( ha, ha...o das reválidas tráenos un saborciño do máis rancio...) e sobre todo que UNIFORMICE (por certo, dámoslles cartos aos centros que ademais de lles poñer garabata os nenos e saia as nenas os separan en aulas diferentes -non sexa o demo-, seguindo o criterio do ministro -e tamén do noso conselleiro- "las niñas con las niñas, los niños con los niños" mesmo en contra da sentenza do Tribunal Supremo).

Agora vemos nesta reforma a eliminación do Bacharelato das Artes Escénicas, Música e Danza...
ERA VISTO! Estabamos condenados. Con este goberno todo o que se saía do cerril esquema cuadriculado da súa miope visión da educación hai que eliminalo. Elimínase a atención á diversidade, elimínanse apoios, elimínanse profesores para programas de apoio, péchanse escolas no rural, péchanse programas como os de preescolar na casa, etc... Todo o que saia dunha educación uniformadora, elitista e segregadora debe ser debilitado, perseguido e, a poder ser, eliminado.

Non somos profetas, pero isto víase vir. Cando pecharon o noso centro, O IES PORTOVELLO, fixemos a predición de que o Bacharelato das Artes corría un serio perigo. O tempo vén dándonos a razón. Non interesa potenciar os talentos e as capacidades duns alumnos que son "excepcionais", interesa que os alumnos sexan normais, a ser posible, pouco críticos...que estean instruídos, -a ser posible todos por igual, estandarizados- pero non que estean educados, e moito menos educados na liberdade e no pensamento crítico. Interesa a instrución, non a educación.

23 sept 2012

Xubilacións sen xúbilo

Manuel Menor Currás 

Antes de que se inicie o inverno, con toda probabilidade estarei xubilado. Non sinto, con todo, o xúbilo que sería de rigor. Nin por deixar atrás as molestias dun longo traballo na aula con adolescentes nin, tampouco, porque considere especialmente relaxada a seguinte etapa de vida. Embárgame, en cambio, certa tristeza: non creo que logre pasar ao esquecemento a deterioración que están producindo moitas políticas nos esforzos destes últimos corenta anos por mellorar a educación recibida. Teño a sensación de abandonar un barco xusto nun momento de máxima inquietude, cando máis falta fariamos todos, pero tamén exactamente cando o crecente malestar laboral que me tocou vivir nos últimos anos, máis me inclina a pensar que me vou porque me botan que porque a perentoriedade dos anos se me impoña. 

Sinceramente, non hai nada que celebrar. Un afíxose á “apertura”. Xa saben, o pouco que, aos poucos, foramos logrando desde finais dos sesenta. E, de súpeto -por mor da crise, pero sen que ela teña nada que ver-, queren devolvernos aos anos da “fechadura”. Todo o tempo intermedio -o que abarca integramente a miña vida laboral- é coma se non existise. Xa é unha etapa extraviada que se quere suprimir do relato -nunha elipse do aprendido-, para aforrar complexidades e retomar o fío narrativo do tempo anterior á democracia. Ata as palabras que nos guiaron nese tránsito están sendo sepultadas ou terxiversadas para impor de novo un vocabulario que criamos arrombado. Xa que logo, neste momento -en que pronto deixarei as clases de Secundaria- non vexo que teña nada que celebrar. Síntome como o inminente emigrante ao que Celso Emilio Ferreiro dicía: 

 Mentras o tempo da patria non chega
 mentras non pasa o tempo que denigra
 deixa ise escuro afán que te atafega 
¡Fuco Buxán, emigra! 

No xogo da oca que se nos antolla ser o percorrido de educadores e educandos por estes anos, a volta inminente ás casas de partida xa está decidida. Non é froito do azar e vén precedida por unha detallada guía de viaxe por onde se quere que transcorra nos próximos anos e, se é posible, de xeito definitivo, “a mellora” do sistema educativo. Como máis dun cento de veces sucedeu na superlexislada educación española desde os seus inicios, a clave do arranxo dos problemas volve encomendarse a unha nova lei que, como primeira reacción inmediata en moitos cidadáns, suscita xa antes de nacer a necesidade urxente doutra nova lei: verémolo no trámite parlamentario, por conciso e rápido que este sexa. Provisional de partida, só é unha gran perda de tempo, e máis nunha época de escaseza de medios como esta, ao continuar esa inútil tendencia de moitos gobernantes á grandilocuencia vacua. Poida que o Sr. Wert crea que co seu proxecto lexislativo arranxará algo e, ademais, democraticamente. Pero de sobras saben os que historiaron as reviravoltas das nosas sucesivas “guerras escolares”, que ao único que conducen os tancredismos neste terreo é a prorrogar o desencontro social e a soster a hexemonía oligárquica duns poucos. E tamén é sabido que nesta, como en moitas outras facetas sensibles da vida colectiva, o que non é diálogo é mera imposición e dominio abusivo. No noso sistema educativo, a pesar do logrado en todos estes anos anteriores -desde antes da Transición-, temos importantes problemas. Claro que si: en que non os temos? A cuestión é que, mentres para as súas alternantes predecesores destes anos no MEC, a educación nunca tivo unha atención sostida como debese, para a xente a quen di representar este Ministro a educación pública é algo subsidiario -doutra categoría e nada igualitaria- respecto da clientela do ensino privado, á que non se dubida en consentir. En realidade, repite en educación o que os seus colegas fan coa débeda soberana: ao socializar perdas e privatizar servizos sabemos case sempre de antemán quen gana e quen perde. E estas posicións de partida non se arranxan cunha lei, por moi orgánica que queira ser. A pesar do cal, sempre -pero máis en tempos como os que corren-, sería máis eficiente para unha substantiva mellora do que nos falta por percorrer en educación -e indirectamente, para o funcionamento real da nosa democracia-, o traballo serio, paciente e constante por conxuntar vontades no diagnóstico certeiro dos problemas e na procura pactada de solucións. Todos os informes empíricos o demostran, incluído o da OCDE último sobre equidade dos sistemas educativos.

 Os destinatarios de moitas reformas adoitan ser, ante todo, os medios de comunicación, que teñen aí un magnífico campo de negocio: o apaixonamento, máis que a información, facilita a liberdade de mercado. A continuación -ou en perfecto ensamblaxe transversal-, o Ministro e os seus asesores encheranse de gloria e parabéns dos seus. Sen gastar un peso -pois segue a tradición de que case ningunha das nosas leis educativas importantes foi acompañada de compromiso económico para executala con dignidade-, tamén nesta ocasión pasaranse unha tempada no “candelabro” tras o máxico pretexto de “mellorar” o sistema. En terceiro lugar, virán os sufridores-executores do proxecto cando este alcance o parabén formal de pasar ao BOE. Alcanzado ese Olimpo, o Ministro deixará o escenario e, aos poucos, reaparecerá a túzara realidade con todo tipo de interrogantes non contestados a tempo; a cantos manterá esta nova Lei no privilexiado limbo onde sempre estiveron? A que alumnos e alumnas llescambiará a vida, perturbaralla profundamente ou os deixará fóra de xogo? Cantos e que profesores se implicarán de verdade nas novidades que arrastre o seu novo deseño organizativo e curricular? Canto custarían as medidas que necesariamente implican diñeiro? Que eficacia de resultados desenvolverá, en que liñas e á conta de quen? Canto tempo de vida, en fin, se lle, poderá auspiciar? A quen se lle reclamarán os moi probables desaguisados que provoque?... 

Todo indica, no entanto, que esta non-nata Lei Orgánica introducirá medidas de gran calado no sistema educativo español. Circula desde o verán unha detallada guía das correccións que imprimirá a canto, segundo entende, vai mal ?(Cfr.: Proposta para o anteproxecto de Lei Orgánica para a mellora da calidade educativa, MCDE, 09/07/12). O Consello de Ministros do pasado 21 de setembro confirmounas e todo suxire que o “órgánico” da mesma está moi próximo a determinadas connotacións do sistema franquista. Pouco importa que ese adxectivo denote o segundo rango lexislativo no noso sistema constitucional. En puridad esa formalidade debe corresponderse cunha consistencia que non vai ter. Non pasará de ser algo provisional, sobre todo porque pretende evitar unha rica experiencia educadora acumulada no transcurso de todos estes anos e, ademais, por non ter en conta -como se de reinventar a educación ex novo se tratase- o amplo arsenal de conceptos e boas prácticas que ten validado o mundo científico máis implicado nos asuntos educativos. Poderán ser dubidosas algunhas conclusións de canto os máis recoñecidos investigadores neste ámbito dan por valioso, pero o que non é de recibo é tratar de coar por imposición lexislativa o que é mero pre-xuízo persoal ou grupal, cando non ignorancia atrevida. Cando, ademais, o que se propón e quere sacar adiante resulta un grave prexuízo -chámese preterición, esquecemento ou desprezo- dunha parte sensible dos destinatarios desta proposición de Lei, non resulte estraño que de inmediato xurdan graves discrepancias, sen que se avanzase nada en resolver de verdade os problemas reais que temos. Como engado de distracción, talvez induza á perplexidade aos xa avisados do absurda que pode ser a estupidez humana.

Este peculiarísimo modo de arranxar o país, e a súa mimética tradución na prosa con que o conta o anteproxecto de Lei, prolongada nun amplísimo espectro de medios. Esta sétima Lei Orgánica desde a Transición, ademais de pillar a moita xente queimada, emprega unha linguaxe en que o que di e como se di, sumado ao deixe dos que falan polo seu conduto, produce cansazo. Xa tomarían nota do que significan “recortes” e “tarteiras”. Sumen o que levan, agora decididamente, “pública-privada”, “reválidas”, “itinerarios temperáns”, “selección”, “segregación”, “discriminación de alumnos” -e alumnas-, valoración e condicións do “profesorado”, “dirección administrativa dos centros” -os residuais que queden-, papel “consultivo” de “pais” –“uns” e “outros pais”- no desenvolvemento dos centros e do sistema, “recentralización curricular” -máis potente aínda que a “autonómica”-, “intolerancia cognitiva”, “metodoloxías” periclitadas..., tempos e medios máis atentos ás formalidades que lle veñen ben á “produtividade económica” que a cantas traten de desenvolver o “crecemento” persoal e “cívico”. Nestes tempos de confusión , en que o que manda é, segundo Juan Carlos Monedero, El gobierno de las palabras (FCE, 2009), estean atentos ás retóricas aparencias de “mellora” e “excelencia” que se lle vén encima ao renqueante sistema educativo que temos e a como se confirma como clásica a tradicional dicotomía do “estudas ou traballas”. Non son o único de cantos optaron por xubilarse con austeridade e sen xúbilo, como non sexa o de non ter que aplicarnos con afán á nova xerga dominante que, por imperativo legal, se nos impón. Volveremos reler -para decatarnos mellor- os libros e traballos de prensa con que, naqueles anos, nos ilustraron Máximo, Forges, o Perich, Summers, Ops-O Roto, e ata Peridis, porque contan -milagrosamente ben- o que está pasando agora mesmo.

 Madrid, 22/ 09/ 2012

13 sept 2012

Escola expandida: un concepto diferente...

A transferencia de coñecemento non sempre se ten que producir dunha maneira lineal vertical. Todas as persoas teñen algo  que ensinar e todos...todos temos moito que aprender...

O documental narra a experiencia vivida no IES  Antonio Domínguez Ortiz (situado no barrio das Tres Mil Vivendas de Sevilla) durante o desenvolvemento dun obradoiro de intercambio de coñecementos. Unha mirada crítica e desafiante ao interior del sistema educativo tradicional, unha pregunta formulada en forma de resposta: a educación pode suceder en calquera momento, en calquera lugar.


6 sept 2012

UN OUTONO RECESIVO: Entre a realidade e a felicidade



Manuel Menor Currás


Estabamos reiniciando o traballo post-estival cando o noso Presidente aparentou empezar a saber de que ía “a realidade”. O portugués mellor pagado de Madrid aseguraba namentres que non era “feliz”. Na Autónoma, a dura realidade arrincaba agres expresións, xusto no momento en que se pretendía cumprir o ritual pacífico da inauguración de curso, con infeliz asombro dos que esperaban un acto-académico- máis aséptico. Pola Rede circulaban, desde había tempo, convocatorias de protesta masiva. Entre a desesperanza e a urxencia de facer algo que puidese cambiar a imperturbable secuencia da “realidade”, ninguén apostaba por un outono tranquilo. De entrada, o inicio de setembro presentábase renqueante e contraditorio.

A realidade” de Rajoy amaga con ser unha entelequia descoñecida, en fase de descubrimento, ante a que se mostra ignorante e irresponsable. O primeiro, porque necesitou nove meses para decatarse: en ningunha das súas promesas electorais figuraba tal coñecemento, como pode deducirse do que logo deu en facer con rudo materialismo conceptual e ningunha mira espiritual. O segundo é patente porque, de paso que parece estarse decatando dos limitados perfís que ten o exercicio de gobernar desde a máis encumbrada posición executiva do Estado -e sen pedir desculpas de nada-, quere transmitirnos que “a realidade” é ingobernable ou que, polo menos, el ben quixera facer as cousas doutro xeito pero que non pode, porque se lle impoñen imponderables cos que non contaba.
Razóns hai, en todo caso, para entender que isto da “realidade” non é un mero recurso retórico, por máis que se trate dun personaxe afeito a saírse pola tanxente en situacións de particular dificultade. Recorden, sen furgar demasiado na hemeroteca, aqueles “finos hilillos de plastilina” cando o Prestige derramaba cru nas costas galegas-, ou como ata hai nada se veu escudando na “herdanza recibida”. Agora que aquela nena modélica con que soñaba ante os seus electores de anos atrás e o da “herdanza” propiamente dita xa non dá para nada -pois xa fai moitos anos que somos un país intervido en moitas das súas decisións fundamentais-, do que se trataría sería de que puidésemos valorar os pretendidos coñecementos e oportunidades que ía xerar a súa mera presenza á fronte do Executivo. Resulta, con todo, que co que nos topamos é con que “a realidade” é un impedimento de difícil ou imposible superación. E aos cidadáns, votantes ou non da súa candidatura, resúltalles altamente insatisfactoria esta oca explicación: nin sequera intenta dicir que sexa nin parece que vaia encomendalo aos filósofos do Partido. Non debe estrañarse, pois, de que o seu Goberno estea perdendo cada día un pouco máis o aprecio cidadán.
As consecuencias desta desafección -extensivas á leal oposición- traspasan os xogos semánticos. Moitos dan en pensar que o que trasloce este repentino apego á “realidade” é que, impotentes para ocultar a radical debilidade de ser uns mandados, só se atreven a aparentar ser fortes ante a débil cidadanía. Como en todo réxime colonial e sen soberanía real para decidir, só quedaría por ver ata onde poden aturar que lles marquen o ritmo das súas decisións de goberno. Este é o xogo real en que estamos metidos. Co agravante de que se o capitán alega descoñecemento, só aumenta a confusión e desesperanza dos pasaxeiros da nave que di tripular.

A realidade” da xente do común -durísima para unha gran parte de cidadáns- é, namentres, que as aprendizaxes de Rajoy e a súa tripulación non teñen nada de metafísico. Os seus descubrimentos sobre do “principio de realidade” tradúcense, día a día, en interminables recortes ás prestacións que o Estado lles debe e en aumento das cargas impositivas. En demasiados casos, resulta xa insostible a combinación de medidas que afectan á educación dos seus fillos, á atención sanitaria que puidesen necesitar, ás circunstancias que o paro ou a limitadora vellez lles impón. Sumado todo iso á continuada subida do IRPF, do IVE, das taxas diversas e variadas, dos impostos indirectos ou das subas de carburantes, enerxía e transportes -entre outras moitas que non nos ían a subir-, resulta unha combinación conducente a unha crecente depresión non só económica senón, ademais, de todo tipo de vida comunitaria, co consecuente enrarecemiento da vida colectiva.
Esta é a outra “realidade” -absolutamente contraditoria co prometido- que nos están creando. Ás veces, ata parece que gozasen con iso, pois non se entenden as reiteradas expresións impropias de moitos destes gobernantes cando nos están cambiando ou suprimindo as institucións de protección social que tiñamos. Tan sumidos parecen  na súa “alta responsabilidade” de mirar para o seu privilexiado embigo, que non se decatan de que lles pagamos para que nos representen, non para que nos insulten coa súa falta de empatía cara ás nosas adversidades ou diversidades. E menos cando, por ignorancia ou por prexuizados fundamentalismos crédulos, queren  cambiarnos “a realidade” coas súas teimas de perspectiva. Deberían saber que, cos seus modos de falar, co discurso que esgrimen como un credo, e cos seus xeitos explícitos de lexislar -sen dialogar, debater, parlamentar, propor ou pactar se fixese falta-, non só escachan as fráxiles tolerancias mutuas que entre todos fomos construíndo, senón que parecen gozar cos enfrontamentos intolerantes.
No mundo educativo coñecemos ben como moitas decisións se tomaron para dividir, segregar, fragmentar e enfrontar, pensando máis no ventaxismo de clase que na posibilidade de avanzar desde a igualdade como utopía. Examinen amodo os case trinta decretos que, sen case coñecemento do Parlamento, levamos xa enriba nesta lexislatura e verán de que vai a cousa -sen que teña nada que ver niso a vixilancia dos “homes de negro” últimos ou a xa famosa “prima de risco”. Poderanse  ver en bastantes deles, a doutros homes de negro, cuxa compañía parece secularmente imprescindible desde Teodosio. Avalíen, en fin, de que vai a nova TVE, os seus informativos e programas. Comparen co que estimen máis adecuado para a honesta información e a convivencia e deduzan as conclusións pertinentes. Seguro que algo poderán dicir entón que dea fe sobre  “a realidade”.

En canto á felicidade do dianteiro madridista, chama a atención o amplo eco mediático que suscitou, con máis motivo que as nosas enfraquecidas páxinas de prensa non deixan de cubrir amplamente as nimiedades futbolísticas con todo tipo de detalles. Coma se nestas realidades virtuais  nos fose a vida ao resto dos españois. Desproporcionado parece, en todo caso, este foco de descoido nacional, tal como pintan as circunstancias en tantos outros asuntos.
Hai, de todos os xeitos, nisto da “felicidade” como argumento ou como horizonte de vida, un “topos” reiterado ao longo de case toda a historia da humanidade. Raro é o filósofo que non lle prestou atención, especialmente cando tocou a ética ou a moral. Cantos sexan ou foron lectores de contos advertirían que é motivo recorrente, cando non principal, da gran maioría; e que dicir do cine e os seus clásicos happy End. Nos últimos tempos, nin a economía lle é allea nin, menos aínda, a publicidade e propaganda. Como atractivo estímulo de fácil instrumentación, presente está en todo folleto de autoaxuda e nos medios de adoutrinamiento de todo xénero de grupos sectarios de variadas pelames. E tras todo iso, sen dúbida, hai e houbo sempre tamén, determinados modos de entender, con certo afán de harmonía ou pacto social por medio, as relacións e transaccións políticas entre os cidadáns -ou os súbditos no seu caso- e os seus gobernantes. Os reis autoritarios, e os absolutistas, xa falaban da “felicidade dos seus súbditos” con gran desenvoltura e ningún compromiso. A nosa Constitución de Cádiz, facéndose eco das ideas ilustradas do XVIII, tamén expuxo “a felicidade cidadá” como obxectivo político. Antes, xa o fixo a de EEUU, pero ao que aquí interesa, conveniente é recordar algo que descubriu Anna Arendt ao estudar a documentación que lle dera cobertura: tan só se trataba da conservadora individualidade burguesa, non dunha liberación igualitaria.
O dianteiro portugués fala de “a súa felicidade” -sen que saibamos ben de que vai. O noso Presidente, cando nos di que non contaba con “a realidade” e decreta compulsivamente como combatela, emprázanos para un “futuro feliz” sen que saibamos tampouco se chegará, quen a gozará ou, se resultase ser un novo conto da leiteira, se ía ser por fin consecuente. Xa que logo, máis que distraerrnos discutindo o sentido de palabra tan equívoca e polivalente -sen norma fixa de referencia e con tantas cabezas como sentenzas para interpretala-, máis ben debésemos esixirlle ao Sr. Rajoy -e á comitiva de gobernantes, parlamentarios e representantes do noso sistema político- que nos explicase de que vai a súa xustiza distributiva e en que se traduce para todos os efectos para o común da cidadanía. Sirva de exemplo o que está facendo ou consentindo que se faga co noso ensino público: é un bo baremo para xulgar con obxectividade o seu concepto de “felicidade” e, como non, a correlación que ela teña con “a realidade” e o modo político de enfrontala. O outono tamén vale para isto; non só para a recesión depresiva que parece invadirnos.


Madrid, 05/ 09/ 2012

3 sept 2012

Manuel Rivas tamén denuncia o peche de programas críticos...

No seu artigo publicado no País do 2 de setembro, M. Rivas denuncia o que está a pasar co proceso de "substitución" de programas nos medios públicos. Velaquí o texto do seu artigo ( a tradución é nosa)...



Nos últimos meses, nun país do Occidente máis próximo, liquidouse unha experiencia neutral e independente de medios de comunicación públicos. Un país onde o Goberno fulminou ese modelo de pluralismo e rigor, tan laboriosamente conseguido, e fíxoo utilizando un procedemento de excepción, por decreto-lei, para rebentar un dos cimentos da confianza básica que sostén unha democracia. Esa alteración foi seguida de inmediato dunha cadea de cesamentos e nomeamentos baseada na política de amigo/inimigo, tan cara aos patróns autoritarios.

Se nos atemos á precisión histórica, o que se produciu é un proceso de purgas e de apropiación sectaria da televisión e radio públicas. Non falo da Venezuela de Chávez. Nin da Hungría de Orbán. Falo da España do Como Dios Manda. Este foi un verán de incendios forestais. Pero tamén se queimou parte da mellor madeira do xornalismo español: Ana Pastor, Juan Ramón Lucas, Xavier Fortes e os editores e presentadores do equipo que dirixía Fran Llorente.

O cinismo imperante pretende facernos crer que hai unha lóxica interna nas substitucións de RTVE despois do cambio político. Pero os cesados non son políticos. Son xornalistas cun balance inapelable. Con menos medios que en tempos pasados, colocaron a RTVE no seu mellor momento. Nunca os informativos estatais foran tan fiables, nin tampouco, desde que existe pluralidade de cadeas, mantivéronse tanto tempo á cabeza de audiencia.

Por dicilo ao xeito olímpico, tan do gusto de Rajoy, despídeselles logo de gañar unha medalla. Non, non é unha substitución. É unha caza de bruxas. As purgas fóronse producindo sen apenas resposta na opinión que se reclama liberal, nun escandaloso silencio de vacacións morais. Que vergoña. Hai quen vai todo isto como parte da paisaxe natural. O que o partido vencedor, ademais por maioría absoluta, actúe sempre como unha facción de intereses. Síntoo, pero non me afago a este triunfo da dopaxe ideolóxica. A esta pulsión cainita. Ademais de inxusto, todo isto é absurdo.

Os conservadores gañaron as eleccións co defenestrado modelo público. E antes perdéronas por causa do servizo de manipulación, que agora está de volta. Hai días en que se retrocede séculos. Non aconsellaría ás dúas mozas punkies do grupo Pussy Riot, fuxidas de Rusia, achegarse por aquí. ¡O último programa intelixente devorado, en Radio 3, chámase Carne cruda!



Derradeiro programa: Lo llevamos crudo.
Comentarios do director e presentador do programa: Ni vencéis ni convencéis