A opinión dos docentes...non conta?

19 jun 2011

A CURUXA ESTÁ CONFUSA...



Como non dorme, a curuxa colleu un mal vicio. O vicio de ler. É esta unha actividade altamente perigosa. A lectura conduce á reflexión, a exercitar o pensamento, a ordenar as ideas e a preguntarse por que acontecen algunhas cousas... e este punto é o máis crítico de todos, porque se a curuxa chega a algunha conclusión clara, igual lle dá por pasar a acción e decide facer algo. Normalmente a curuxa é pausada, paciente, tranquila, reflexiva e pasa todo o día cos ollos pechados, como debe facer calquera curuxa que se precie. Pero, ás veces, cando hai algo que a preocupa moito...a curuxa le, e, por veces, escribe.

Estes días anda preocupada polos cambios que se están a producir en Educación, porque viu moito rebumbio no Portovello. Quere enteirarse do que pasa e busca información nos xornais, porque a televisión non a ve moito... Pero a curuxa, que quere ser ecuánime e obxectiva, sabe que para informarse ben, hai que contrastar varias informacións e mesmo, buscar informacións oficiais, que, normalmente, deben ser máis obxectivas. A curuxa, como botou moito tempo observando cos ollos ben abertos, sabe como pode obter moita información e consulta documentos oficiais. 

    - Si, aquí é donde me vou enteirar ben -pensa ela-.


Le, unha vez e outra vez, pero hai cousas que non acaba de comprender. Pensa... Quen escribirá isto? Que intención tería ao escribilo? Dicir...di unhas cousas pero eu sei que cala outras que debería dicir tamén. Por que dirá que o peche do Portovello, pode producir un gran beneficio social? Por que dirá que non se causa ningún prexuízo ao alumnado nin as súas familias?

A curuxa, non comprende nada. Se non se lles causa ningún prexuízo, debe ser logo, que a eles lles gusta manifestarse porque si. E como moitos son músicos, e non teñen onde actuar por causa do paro, van tódalas mañás a actuar diante da Xefatura Territorial de Educación, que é onde os poden contratar. Á curuxa moléstalle que toquen pola mañá, porque é cando ela dorme. Tomará unha decisión: vailles dicir aos alumnos e algúns pais, que, se non lles é moita molestia, e -xa que o fan por deporte, non por manifestarse, nin nada reivindicativo-, que toquen pola tardiña que ela xa está espertando e así tamén pode acompañalos na actuación, co seu acompasado Uhhhhh..., Uhhhhh... que lle acae moi ben a un compás de dous por catro.
Pero volvendo ao conto, a curuxa segue enfrascada na lectura dos documentos. Agora le, a transformación en centros integrados suporá un beneficio para toda a comunidade educativa. Pois que ben, os pais encantados, os profesores brincando polos corredores do centro por tanta ledicia, e os alumnos dispostos a facer un botellón para celebrar tan feliz acontecemento. Debeu ser por iso polo que decidiron quedar pechados alí de noite, que a curuxa ben os viu, e engalanaron o centro con pancantas e papeis de variadas cores, e aínda máis, non contentos con tan pouca celebración quixeron continuar, alugando un autobus, para poderen ir todos -pais, profesores e alumnos- a Santiago, e alí xuntarse con outros, tamén moi contentos, que foran tamén a Santiago, para lles dar as grazas aos responsables, por tomar unha decisión tan atinada, e ademais, por llela dar por sorpresa, como nas festas de aniversario. 

    - Agora o entendo -pensa a curuxa-.

Agora busca máis papeis. A consellería investirá 1,7 millóns de euros para contar co apoio de máis de 300 persoas nativas de países de fala inglesa, francesa, alemá e chinesa.

    - Carafio! -pensa a curuxa-. Seica van vir, 278 que falan inglés, 13 francés, 7 alemán e 2 chinés. Isto vai parecer a ONU. E vanse asentar, seica, neses centros plurilingües e nas escolas de idiomas. Que ben así, xa podemos falar con todo o mundo. Claro que, agora que o penso mellor, eu con quen falo, en todo caso, é con outras curuxas e, entre nós, entendémos co noso intercambio de Uhhhh, Uhhhhsss.... 

    - Bueno, igual eu lle falo en inglés, que siempre queda un pouco más chic pero no te sé si me entenderá.

Cansa de rebulir nos papeis oficiais, a curuxa decide coller un xornal, para ler os titulares e non ter que pensar tanto. Colle o Faro de Vigo do día 16. Á curuxa non lle importa que os xornais xa non sexan do día. Como só quere ler os titulares.... Mais un dos titulares chama a súa atención... La Xunta aumentará las horas lectivas a los maestros. Curiosa como é, non pode resistir a tentación de afondar no contido da noticia.(Ver) Debe ser que traballan pouco e quererán, que dean máis clases ou algo así -pensa a curuxa-. Segue a ler que seica llo van dicir aos sindicatos.

    - Moi ben, -pensa a curuxa-. Así non terán que enteirarse pola prensa como vén ocorrendo ultimamente. Pero claro...eu isto que estou lendo, xa se publicou o día 16 e a reunión vai ser o día 21. Cada vez estou máis confusa.

Segue a ler. A reunión non é vinculante. Isto é...chámanos para contarlles un contiño e, ala! para a casa. Ou quizais...para convidalos a tomar o aperitivo...ou calquera outra cousa. Porque como a reunión non é vinculante, igual poden botar unha partida de subastado, ou xogar ao mus. Esta xente da consellería, débeche ser do máis atenta e agradable. Mira ti, chaman aos dos sindicatos e quedan con eles para tomar algo... Así dá ghusto -pensa a curuxa-.

Pero a curuxa segue lendo...

La Consellería de Educación pretende restablecer ahora como lectivas las cuatro horas reducidas en 2007, con una regulación en la jornada de los docentes, de forma que se "ajuste a la misma carga lectiva existente en la mayor parte" de las autonomías.

Con esta medida, Educación busca "garantizar un adecuado apoyo docente a los objetivos educativos en todos los centros de enseñanza de Galicia, con el fin de mejorar la calidad educativa, la atención a los escolares y a los resultados académicos".

La Consellería insiste en que, tras el cambio de 2007, Galicia pasó a ser la CCAA en la que los maestros tienen menos carga lectiva, "lo que no puede redundar en beneficio del alumnado".

La medida, agrega Educación, constituye una apuesta por la mejora de la calidad educativa, ya que los docentes "podrán ocupar más tiempo de su horario de trabajo a actividades lectivas encaminadas a la consecución de la excelencia, sin ver, por otra parte, incrementado el número de horas laborales a la semana".

La redistribución horaria, a juicio de Educación, permitirá también un aumento de las actividades de refuerzo y apoyo por parte del profesorado, "especialmente importante para el alumnado de educación especial, algo que venían reclamando los padres".

Como comeza a verse a luz do día a curuxa apura a lectura...e comeza a tirar as súas propias conclusións:

1.- Os mestres galegos son os que menos traballan.

2.- Isto mellorará a calidade de ensino, as notas e os resultados académicos.

3.- O que quere a consellería é a excelencia con máis horas de traballo lectivo, no que se inclúe, por suposto, a atención por causa dos horarios de transporte escolar, comedor e servizos varios ( igualito que en la privada)

4.- Os de especial traballan pouco. Que traballen catro horas máis (polo menos).

A curuxa, xa pensou. Agora, pasa a acción. Propón que se nomee ao responsable de todas estas medidas, tan beneficiosas para toda a comunidade educativa, “Un muchacho excelente” e que vaiamos todos en tropel a cantarlle esta canción na primeira ocasión que teñamos.
Xa é día. A curuxa marcha para o burato. Polo camiño vai pensando...
Quen lle fara as notas de prensa á consellería?

1 comentario:

  1. Estas medidas non van encamiñadas á excelencia académica, que non engañen aos pais e nais vendendo unha moto que non é tal. Bueno, ó mellor se aproveitamos os especialistas de lingua inglesa para pedir unha sección bilingüe para o transporte igual melloramos a calidade do ensino!
    De todas maneiras me parece que esta medida non é suficiente para dignificar a figura do docente que é o que pretenden no fondo. Deberíamos tamén facer outras tarefas de gran importancia para acadar esa excelencia académica: lavar os mandilóns aos de infantil, facerlle a merenda aos nenos, darlles nós as actividades extraescolares e as clases particulares nas súas casas, coidar deles ata que os seus pais e nais cheguen do traballo, deitalos (iso si, en inglés).... en fin.
    Xa me quedo máis tranquila por que sei que hai señores moi preparados na consellería que se ocupan cada día de dignificar a nosa labor!!!!
    Forza para todos vós, mestres e profes que estades loitando polo ensino público e, non me cabe a menor dúbida, que de calidade!.
    Marta

    ResponderEliminar