A opinión dos docentes...non conta?

11 jun 2011

ROGELIO MARTÍNEZ NON TEN RAZÓN


O delegado territorial descoñece a procedencia de grande parte do alumnado do centro.

O delegado territorial achega nunha nota de prensa datos que pretenden ser obxectivos, pero que son datos interesados. De novo, arguméntase a creación do centro integrado para tomar a medida de supresión da ESO e Bacharelato. O ciclo que di que se vai crear no IES PORTOVELLO é un ciclo de Educación Infantil a distancia.

O IES PORTOVELLO morre de éxito...

Por ser un centro de referencia en ciclos formativos, deixa de atender as necesidades de alumnado na ESO e no Bacharelato. O delegado territorial descoñece que unha parte do noso alumnado xa vén do IES As Lagoas e escolleu o noso centro porque lle dá unhas oportunidades que alí non teñen. A medida que se toma obriga ao alumnado a ir ao centro que non querían ir.

Enchénselle a boca ao delegado territorial ao dicir que se incrementará en tres unidades o IES As Lagoas. Cantos docentes do IES Portovello pensa que se van colocar nesas tres unidades? A cantos docentes do IES Portovello se lles comunicou esta medida para que puideran concursar? Posiblemente o delegado territorial ignora que a resolución do concurso acaba de ser publicada recentemente. A medida obriga ao profesorado a permanecer nunha situación de provisionalidade durante moitos anos e moitos deles teñen xa, máis de trinta anos de servizos.

O delegado territorial descoñece que ao IES Portovello acode alumnado que está a facer o bacharelato musical, tamén no Conservatorio, e que este alumnado ten unha adaptación horaria especial para poder seguir os seus estudos. A medida obriga a este alumnado a reconsiderar a súa opción e adicarse a unha cousa ou á outra.

Di o delegado territorial «É imprescindible liberar Portovello por adaptarse á LOE e porque hai ciclos que teñen que pasar de 1.400 a 2.000 horas e iso precisa doblar aulas» E nós preguntámonos que tipo de liberación e esta? porque no edificio de ESO e Bacharelato as aulas non está adaptadas para os ciclos, e teñen que facer obras... do mesmo xeito que as terían que facer no outro edificio, para o cal xa hai un proxecto que está feito e para o cal se destinaran 60.000 euros.

O delegado territorial ignora que o centro incrementou notablemente a matrícula no curso presente e que houbo que crear unha unidade máis en primeiro de bacharelato para acoller o alumnado de toda a provincia que quere facer o Bacharelato das Artes, Música e Danza e non sabe que é moi posible que o curso próximo unha unidade non sexa suficiente para acoller todo este alumnado. Por que se argumenta que hai pouca matrícula, cando no noso centro está incrementándose ano a ano e outros centros non teñen a matrícula que nós temos? Sr. Martínez, no pretenda que comunguemos con rodas de muíño...Isto é unha reconversión pura e dura, sen contar cos afectados, e co único propósito de debilitar a calidade dos servizos públicos, co pretexto do aforro pero coa realidade evidente de favorecer a ensinanza privada á que se lle amplían os seus concertos dándolles máis cartos e creándolles máis unidades.

1 comentario:

  1. Estoy a favor das vosas reinvindicacións. A Xunta alega que se suprima a ESO e o Bacharelato para fomentar a FP na provincia de Ourense (xa era hora) pero logo consultas a oferta formativa de FP para o vindeiro curso e ves que a única novidade no Portovello e a creación dun ciclo a distancia de Educación Infantil para 50 plazas. E digo eu, se é a distancia para que necesitan botar fóra aos alumnos que están agora. Porque non nos enganemos. Esa é a única novidade. Nin os ciclos que xa se imparten agora van aumentar as prazas nin se vai crear ningún ciclo novo presencial. Entón, a que ven botar aos alumnos e profesores dun día para outro.

    ResponderEliminar