A opinión dos docentes...non conta?

6 nov 2013

Erasmus, "ministrus", "borricus".

foto de Roberto Blanco Valdés

¿Canta xente está disposta a ser ministro nun país que, como o noso, ten preto de cincuenta millóns de habitantes? Moita, a non dubidalo. Xa que logo, reduzamos o universo. ¿Canta xente podería desempeñar dignamente unha responsabilidade ministerial, incluso nunha situación tan mala como a que España pasa hoxe? Non teño dúbida de que varias ducias de miles, cando menos.
Pois ben, sendo iso así, ¿que pecado teremos cometido os sufridos españolitos para que nos toque en (mala) sorte un ministro como Wert, no que se xuntan, en doses difíciles de axuntar nunha única persoa, soberbia, torpeza e imprudencia?
A última decisión, xa rectificada, do ministro de Educación, que, polo que se ve, debeu ser educado polos seus peores inimigos, era sinxelamente inenarrable: anular unha parte da bolsa dos alumnos Erasmus, unha vez que as axudas foran concedidas e cando xa eses alumnos levaban máis de dous meses fóra de España cursando os seus estudos. ¿ Pódese ser máis torpe? ¿E máis imprudente? ¿ Pódese ser máis soberbio ao decidir sen pedir consello a ninguén? Non o creo.
Non, non o creo, pois hai unha regra de ouro que, como a de tres, resulta básica para manexarse na vida sen facer o que os elefantes nas cacharrerías: desfeitas formidables: a consistente en non cambiar as normas de xogo unha vez que a partida comezou.
Os alumnos Erasmus que agora estudan no estranxeiro marcháronse contando coa pequeñísima axuda que se lles concede para facer fronte a uns gastos que na súa inmensa maioría sufragan as familias ou os propios estudantes traballando, cousa posible fóra de España, aínda que aquí inimaxinable.
Como non quero facer demagoxia, o que con Wert é unha tentación difícil de resistir, non negarei que a contía das axudas é tan pouco relevante que a súa redución dificilmente tivese obrigado a abandonar o programa Erasmus a moitos estudantes. Nin negarei que é máis xusto facer depender a concesión das axudas da situación económica das familias dos solicitantes que concedelas a todos indiscriminadamente. De feito, se se concedesen menos bolsas Erasmus, é posible que estivesen mellor dotadas, o que talvez permitiría ir ao estranxeiro a alumnos a quen as súas familias non poden axudalos.
Pero, tras a decisión de Wert e a súa posterior rectificación, forzada sabe Deus por quen, o que está en cuestión non é xa cal resulta o mellor sistema para distribuír medios escasos entre persoas con capacidades económicas distintas, senón outra do todo diferente: se pode seguir sendo ministro por máis tempo alguén tan frívolo e tan irresponsable como para anular axudas económicas con carácter retroactivo. E, porque non o creo, a miña petición é moi sinxela: «¡Dimisión do ministro de Educación!». Coréena comigo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario