A opinión dos docentes...non conta?

13 ago 2011

Cultura "demasiado gallega"



Editorial do Xornal.com

"Hasta ahora se estuvieron programando cosas demasiado gallegas" e "la cultura debe estar en un idioma que entiendas". A concelleira de Cultura da Coruña, Ana Fernández, fixo estas declaracións nunha entrevista no xornal El Ideal Gallego, nas que amosou cando menos un desprezo pola lingua propia de Galicia. No entanto, tanto a propia concelleira como o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, intentaron aclarar os comentarios despois de ver o forte rexeitamento social -xa que mesmo se creou un grupo en Facebook para pedir a dimisión de Fernández- e as numerosas críticas á actitude da representante municipal.
Fernández intentou saír da situación e asegurou non sentir "rechazo a lo gallego" pois na súa casa "siempre se habló gallego". Porén, para solucionar unha falta de respecto pola lingua, empregou outro idioma cando debería ter aproveitado para amosar que é capaz de falar galego. "La polémica surgió por una interpretación errónea" das súas palabras, segundo asegura, posto que no programa das festas o 85% da programación é de produción galega. "Si leemos en el contexto las declaraciones, lo que quiso decir es que queremos programar cultura para todos", insistiu, pola súa banda, Negreira, intentando solucionar a papeleta.
Malia todas as xustificacións que se queiran dar dende o Concello, o dano xa está feito. O sucedido demostra que as institucións públicas e os políticos deberían ter máis coidado de gardarse para si as opinións persoais, pois estas poden causar máis danos dos agardados. Ademais de que dunha persoa pública, cando menos, agárdase un respecto polos valores e riquezas da sociedade e dos cidadáns aos que representa. "A cultura galega non limita; son actitudes como as de Ana Fernández as que parten dunha visión máis que limitada", criticaron dende a Mesa pola Normalización Lingüística. Quizais a concelleira e outros moitos políticos deberían reflexionar sobre esta afirmación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario