
Así é que existen 'grupos' en Madrid ou Tordesillas, do mesmo xeito en que existen en A Coruña ou Xinzo de Limia. O carácter, ás veces, fechado destes clans sociais, confírelles unha imaxe negativa sendo, por esta razón, acusados de sectarios/as. Mais que é unha secta? Un grupo de seguidores/as dunha 'parcialidade' relixiosa ou ideolóxica? Que determina entón a esencia da secta en cuestión, a 'parcialidade', isto é, o número de integrantes? Non o creo. Parece máis útil empregar o concepto de 'seguidor/a' para definir o que é unha secta, na medida en que quen segue cede unha parcela de si mesmo en beneficio da comunidade á que se adhire.
As nacionalistas seguen aos seus lideres porque defenden algo no que acreditan. Os militantes do PP fan exactamente igual. Así é que o carácter sectario sería aplicábel ás dúas formacións políticas, sen importar o número de persoas. Visto deste xeito, poderíamos transmitir a Ana Fernández, concelleira de Cultura da Coruña, que non é que nós sexamos demasiado galegas, é que talvez ela o sexa pouco ou nada. Así é que, dende o noso punto de vista, un gran número de militantes do PP -haberá honrosas excepcións- pertencen a unha secta radical certamente ampla que non recoñece o noso idioma galego e defende unha idea de España obsoleta.
Nós, entristecidos/as, aceptamos iso, e, como somos un chisco máis listos/as -permitan a inmodestia-, non diremos que son 'demasiado españois'. Tampouco diremos que parecen acomplexados ou alienados. E moito menos diremos que son ignorantes, ou mentecatos, por rexeitaren a lingua de seu que, segundo se infire das palabras de Ana Fernández, non comprenden. Non o faremos. Nós destacaremos o importante sen afectación: a ausencia de formación humana da concelleira.
No hay comentarios:
Publicar un comentario