A opinión dos docentes...non conta?

5 ago 2011

A rifa que nos botan...

Artigo de opinión publicado por Manuel Menor o 05.08.2011 no Xornal.com

¿Nacemos para rifar ou que nos rifen? A xulgar polo que sucede ao noso ao redor, parecese que esta fose a nova clasificación das diferenzas de sempre: xente con dereito a rifar –un grupiño selecto e moi ben educado- e xente sen indignación por que lle dean a vara de continuo.
Xa non hai clases, din alegremente, pero ese grupo pronto terá a exclusiva. Para que a súa doutrina quede clara, cada vez controlan máis medios –para unha linguaxe crecientemente monocorde-, ao paso que facilitan que outros medios que puidesen discrepar desafiantes, pechen o pico ou desaparezan da escenografía. A unidade na pluralidade resultante é, a este paso, un trasunto do xa vivido cando eramos unha unidade de destino. Algúns xornais están nesa movida desde fai bastante: quitados catro anuncios diferenciais, son intercambiables cos comunicados que saen dos gabinetes de prensa. Empeza a ser difícil saber onde se escriben de verdade, se nunha redacción xornalística ou á volta dun despacho oficial.
Dito doutro xeito, que se pola competencia lectora fose –e pola imparábel tendencia de internet a crecer nas nosas vidas-, terían que pechar hai tempo moitos máis periódicos que o do Xornal de Galicia en papel. E se non é ese o motivo deste peche do xoves, as explicacións de que determinadas cabeceiras poidan presumir de folgada existencia –pouco achacábeis ao antipático mercado-, talvez haxa que atopalas en razóns espúreas ou inconfesábeis servizos, contraprestacións traducidas en silencios cómplices, rumbos informativos acomodaticios e tergiversaciones completas da información. Xa fai moito que non é novidade que o estudar mediante documentación hemerográfica que pasase ou estea a pasar nun momento determinado, é difícil en demasiados puntos do país, especialmente se o obxecto de estudo incumbe ao exercicio do poder, sexa este cal sexa. A ningún estudante ou bolseiro élle recomendábel tal investigación, se non acredita cautas anteojeras de desconfianza para previrse ante o que le e metódica obrigación en contrastar canto lea antes de darlle validez. Se lle resulta indiferente o control dos sinónimos ou a importancia de verbos e adxectivos, mellor é que se aplique a outra cousa. E igual cabe dicir se non ve significativa a maquetación e paginación da información.
O peor desta situación, en que nada é inocente, non é que haxa que volver de novo á lectura oblicua como sistema, cousa á que nos afixeron antes da Transición. Tampouco, o que profesionais que ansiaban desenvolver o seu traballo coa mellor das disposicións e coa honestidade como emblema conductual, queden fóra da leal competencia e teñan que entrar en conflito consigo mesmos para poder subsistir. O aínda peor é que os que quedan ao control dos medios aproveitan para rifarnos máis e mellor. Ás súas anchas e en cómplice camaradería de selectos, non se privan de adoutrinarnos. Primeiro, rifándonos por hábitos e maneiras de facer ou pensar que inclúen as que eles mesmos nos deseñaron. Despois, por non facerlles caso suficiente. E a continuación, para anunciarnos a Apocalipse: se as cousas non funcionan é pola nosa culpa... Co bos, sabios e xustos que son quen queren programar as nosas neuronas, ¿que será dos impenitentes lectores independentes?

No hay comentarios:

Publicar un comentario