A opinión dos docentes...non conta?

15 ago 2011

FESTAS DEMASIADO GALEGAS?


  1. Autora do comentario:
    Iolanda Teijeiro Rey
    Localidade:
    Ferrol
    Data de publicación:
    Sábado 13 de agosto de 2011. La Voz de Galicia

    Hoxe, 14 de agosto, coma todos os anos, o segundo sábado de agosto, celébrase a Maruxaina en terras de Cervo e San Cibrao. Festa que arrecende a vellos mitos precristiáns. A Maruxaina é unha serea galega que disque vive nun pazo en Os Farallóns. Vén a terra a avisar aos mariñeiros de que vai ir treboada para que se poñan a salvo, mais tamén ten o seu xorne perigoso, pois a ambigüidade é moi común nestes personaxes míticos. A vida sempre ten o yin e o yang, a eterna polaridade en constante movemento, nonsi? Por iso a Maruxaina, envexosa das mulleres dos mariñeiros vén engaiolalos para levalos xunto a ela, ao mar, o alén. Esta noite, ao brilo das candeas acesas, os maruxainos, un ano máis, faranlle o xuízo e veremos se a absolven e bailan con ela ou non.
    Este tipo de festas teñen que se conservar coma un tesouro etnográfico. Nun mundo cheo de festas argalladas da noite para mañá sen máis fundamento que o plaxio barato ou a ocorrencia dalgún concelleiro tendeiro de Ferreiro. Festas do chourizo máis grande ou do pemento máis verdoso están ben para papandas, mais os poderes públicos teñen que pular e resgatar este tipo de festas ancestrais baseadas na nosa mitoloxía e cultura tradicional. Ergue Maruxaina! Malia que por A Coruña da liorta polo L meseteiro ainda haxa mulleres políticas que digan nun defectuoso castelán que as festas do ano pasado eran demasiado galegas! Imaxinen na Bretaña francesa dicir que as festas son demasiados bretonas! Meniñas da Cruña falade galego!



No hay comentarios:

Publicar un comentario