A opinión dos docentes...non conta?

29 ago 2011

Pre-pararse para estar en paro?

Manuel Menor
Publicado no Xornal.com o 28/08/2011

Os días finais de xullo viron aparecer senllos decretos do MEC que reconfiguran o 4º de ESO, amplían a oferta e flexibilizan as condicións de acceso á formación profesional. Teñen que ver coa Lei de Economía Sustentábel –e a súa lei complementaria-, aprobadas a comezos de ano como “parte esencial para o cambio de modelo produtivo” e, coherentemente, co fin de que “o sistema educativo proporcione aos cidadáns unha formación de maior calidade e máis adecuada ás necesidades que demanda o sistema produtivo”.

Isto é o que din literalmente os papeis oficiais. Ben intencionados co lado do asunto eminentemente orientado laboral, moi dubidoso é, con todo, que así se logre unha “formación de maior calidade”. As razóns reais destas modificacións son menos solemnes e, por tanto, de pequeno empeño, o que non quere dicir que non sexan importantes para un sector da poboación. Dalgún modo había que frear a sensación de fracaso do sistema escolar con estatísticas que nos achegasen ao pactado en Lisboa pola UE. Ese 32% que constantemente aparece como media do país, era pouco presentable. E as interpretacións que nos últimos tempos se potencian nos medios especializados para aclararse co que os complexos informes PISA dan de si, tenden cada vez máis a non quedar no simplista ranking comparativo duns e outros países, para destacar máis as diferenzas comparativas coas certificacións de fin de curso –máis rigorosas en moitos casos- e, por conseguinte, a gran variabilidade de criterios que existen para saber ben que sexa exactamente o fracaso escolar.

É verdade, doutra banda, que esa rixidez complicaba a vida laboral a alumnos ben dotados para algunhas especialidades. Pero que algúns alumnos se beneficien con esta nova flexibilidade non vai variar substantivamente a calidade do sistema educativo, mentres deixa o produtivo practicamente idéntico a como está. Onde este necesita máis impulso para modificarse é nos niveis de maiores competencias e máis alta cualificación. Aí existe un colo de botella que impide que se xeneralice un maior rigor e esixencia cara a niveis inferiores. Sobran e desespéranse cuantos cumpren todos os requisitos. Son os mellor preparados que tivo nunca este país: idiomas, licenciaturas, másteres diversos -internacionais, mesmo-, algúns con docencia e investigación en universidades de prestixio mundial, e non lles aproveita nin a eles nin ao país. É un potencial desperdiciado.

Os que logran colocarse aquí, sempre é con menor nivel que o que acreditan e con menores salarios que os que lles pertencen. Os seus contratadores, en cambio, prefírenos como sumisos bolseiros e mileuristas, “privilexiados” por lograr algo de precariedade-; desexan que, tras pasar polo limbo do paro, lles volvan a suplicar algunha migalla de emprego para ir tirando. E os que se fartan, tratan de buscar algún apaño emigratorio no estranxeiro: van mellor equipados que os seus pais ou avós, pero o proveito das súas capacidades será para outros. As melloras que agora chegan, ademais de tardías son moi leves. Salvo que se crea que a mellora do sistema produtivo consista en que se prodiguen os traballos de baixa cualificación moito máis do que xa predominan, como acaba de reafirmar Traballo ao prolongar até os 30 anos unhas contratacións de miserábel condición.

No hay comentarios:

Publicar un comentario