A opinión dos docentes...non conta?

2 ago 2011

O engano dos desempregados

Editorial do Xornal.com do día 02.11.2011
Dous meses despois de coñecer que a Consellería de Traballo utilizaba un instrumento denominado clave 698 para clasificar os desempregados galegos, constátase que o procedemento do departamento de Beatriz Mato permite etiquetar os parados como “en formación”, un dos preceptos estatais para estar fóra das listas de desemprego. Unha vez máis, obsérvase un engano á hora de contabilizar o número de persoas que non teñen un posto laboral en Galicia, algo que na época que estamos constitúe unha clara falta de ética.
O Ministerio de Traballo tiña confirmado dende xuño que a clave 698 “non existe a nivel estatal”, polo que quedaba por ver como o departamento de Mato lograba que os desempregados galegos con esta etiqueta non consten nas listas oficiais. O método consiste en que se clasifica con esta clave os cidadáns alegando que están baixo a atención dun orientador laboral, mediante un servizo interno, e á hora de enviar os datos ao Servizo Público de Emprego Estatal cambia o motivo da suspensión e explica que os parados asisten a cursos de formación. Desta meneira, o que en Galicia é unha mera orientación, en Madrid convértese nun curso, xa que a etiqueta 698 non existe no seu sistema de contabilización. Desaparecen así moitas persoas en situación de desemprego (50.000 segundo os datos achegados por PSdeG e BNG), nunha actuación que beneficia máis a imaxe da Xunta á hora de presentarse como creadora de traballo que aos cidadáns, que continúan sen lograr este emprego.
Non se pode permitir que ocorran cousas así, xa que o engano nas listas e na contabilización dos datos non afasta o que é a verdadeira realidade, que non é outra cousa que a existencia dun serio problema nunha Galicia moi golpeada polo paro. Maquillar os números non é a saída que os cidadáns precisan e vender unha mellor imaxe á opinión pública non é unha excusa válida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario