A opinión dos docentes...non conta?

10 ago 2011

Políticas de centro na Educación

Publicado por Manuel Menor o 09-08-2011 no Xornal.com

Trato de entender que significa a “política de centro” que o señor Rajoy reclamou para si nada máis coñecerse o anuncio das eleccións xerais para o 20 de novembro. En que consiste o “diálogo” coa sociedade que trataría de estabelecer se logra gañalas.
Se tomamos como referencia o que dixo –“eu non teño intención de facer recortes sociais, outros si o fixeron”-, podemos facer varias cousas. Unha: aínda sabendo que de boas intencións está empedrado o inferno, dar por feito que se trata dunha práctica habitual en política para captar a atención compracente da xente, conscientes de que dá igual porque fará o que queira. Outra: non dar por oído nin visto nada canto nestes sete anos de oposición –e xa desde antes- tivemos diante, antepondo o seu estrito interese partidista fronte ao interese xeral, especialmente nestes últimos meses máis duros. Terceira: contrastar tan belas palabras coa praxe das políticas educativas que os seus centrados gobernos autonómicos veñen desenvolvendo no exercicio das súas competencias. Este procedemento, axustado ás prácticas científicas, pode ser pertinente.
O primeiro que poderemos constatar é a felicidade que transpiran profesores e asociacións de pais de alumnos polas decisións últimas que lles cominan a ser menos para dar clase –un 12% en cálculos aproximativos-, traballar máis horas e atender máis alumnos por clase. Tan contentos están que foi todo un éxito a convocatoria en Madrid, o pasado 20 de xullo, para cantar loas e plácemes aos “centristas” mentores de tales políticas. Ademais, en Galicia e Madrid polo menos, haberá festexos especiais a comezos do curso entrante: todo sexa polo “centrismo” xa en activo.
¿Son tales medidas “recortes sociais”? Ben, o que parece máis evidente é que estas políticas “de centro” tratan de chamar a atención sobre o que é o “centro” dos seus desvelos: privatizar o ensino público. Trataríase agora de centrarse un pouco máis e proxectar a todo o Estado o que se quere que rexa este curso para algunhas comunidades emblemáticas, de modo que non expoñan problema as aulas con corenta alumnos, os centros sen orientadores para atender aos mozos e ás súas familias –para iso están os psicólogos de pago e o benéfico programa Reforza, recentemente importado de EE UU para os que máis o necesiten-, a supresión das esenciais titorías da ESO, o recorte drástico da cota de profesores -que ampliará os seus horizontes cognitivos cara a ignotos saberes que non controlan-, o despedimento masivo de interinos prescindíbeis, a frustración doutros que estaban en expectativa, a eliminación de prazas en Escolas Oficiais de Idiomas, Conservatorios e Artes Escénicas, a limpeza de desdobres e reforzos que posibilitaban a atención á diversidade, a supresión de horas para realizar actividades extraescolares -a sumar a outras lindezas anteriores que persisten-.
En fin, isto é o que dan de si os exemplares modelos xa existentes de políticas “de centro”, ben centradas no seu: non parar ata que o ensino público quede como unha desfeita, sen que, ao parecer, poida dicirse que –gañen ou non as eleccións xerais- se trate de recortes “sociais”. O que pide o seu guión -por máis que quede fóra de foco- é unha cota maior ao do 32% de fracaso escolar- é dicir que isto é “o centro”. A “excelencia” é o que ten.

No hay comentarios:

Publicar un comentario