A opinión dos docentes...non conta?

19 ago 2011

A Xunta carece de acordo consigo mesma.

Editorial do Xornal.com

A Xunta de Galicia volveu caer estes días nunha contradición que non se entende nun momento no que o presidente, Alberto Núñez Feijóo, anda a predicar os recortes e a intentar exportar o seu modelo ao resto do Estado. O Goberno galego leva tempo intentando dar a sensación de que está a favor de impulsar o uso do software libre na propia Administración e entre os cidadáns.
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica abriu recentemente un expediente de contratación para que unha empresa externa a axude no "fomento do software libre e de fontes abertas". O contrato custará 140.000 euros. Á marxe da contratación dunha asesoría de fóra, ata aí o proceso sería do máis normal para corroborar ese discurso de aposta polos servizos informáticos abertos.
No entanto, ao mesmo tempo Augas de Galicia adxudicou un contrato a dedo por valor de 66.552 euros "para a adquisición de licenzas de Microsoft Office Profesional Plus 2010" para os ordenadores dos seus traballadores. Este non é o único contrato que se asinou neste sentido nin a cantidade económica é tan pequena en conxunto: os contratos a empresas como Microsoft xa veñen sendo habituais na actual lexislatura. O problema é que resulta cando menos contraditorio que se siga pagando a grandes multinacionais cando se pode optar polo software libre que, segundo din, andan a impulsar. De feito, esta aposta pola multinacional xa foi criticada nalgúns foros hai tempo.
Pode que anden a impulsar ese sistema, pero o que de seguro anda a promulgar o Goberno Feijóo son os recortes en distintos ámbitos. Por iso resulta máis lóxico acometer a redución de gastos neste tipo de servizos que suporían un mal maior, antes de abordar outras medidas de aforro moito máis prexudiciais para a cidadanía, aínda que despois haxa que acometelas tamén.

No hay comentarios:

Publicar un comentario