A opinión dos docentes...non conta?

15 sept 2011

Ataque ao profesorado

Rosa Enríquez
Publicado en La Región o 15.11.2011

Dada a situación do ensino público, o alumnado, as familias e o profesorado son, nunha primeira lectura, as principais vítimas. Cómpre pois que as familias saiban que a defensa do ensino non é viábel sen recoñecer aos seus axentes: os/as docentes. Supoñemos entón que non cren iso de que nos institutos non se traballa. Imaxinamos que son capaces de estabelecer unha liña clara entre realidade e ficción. Porén, por se alguén o dubidase, incidiremos nisto: no ensino público traballa todo o mundo. Dende a conserxe até as encargadas da limpeza. É máis, o profesorado galego comeza a desenvolver tarefas propias dun psicólogo/a, na medida en que ten de aturar a alumnos/as con serios problemas de conducta na aula. E con isto non nos referimos á rapazallada con actitudes displicentes -que tamén a hai-, mais con algún tipo de trastorno conductual. Iso sen pensarmos naqueles centros onde adolescentes con déficit de atención ou graves dificultades para a aprendizaxe son introducidos nas aulas, co resto do alumnado, cun único PT, mentres o/a profesor/a imparte materia de seu.

Daquela, preguntámonos, se o profesorado, agora tamén terapeuta ocasional, non realiza o seu labor, quen atende ao alumnado? Quen atura as faltas de respecto? Quen explica galego ou matemáticas a un grupo de vinte ou máis persoas ao tempo que emprega todo tipo de artimañas e trucos psicolóxicos para frear os impulsos adolescentes, case sempre encamiñados á conversa e ao chiste fácil? E, moito máis importante aínda, como se valora na nómina dos/das docentes o desgaste que esta tensión innecesaria provoca? Simplemente non existe tal valoración, pois o deporte nacional triunfa: culpabilizamos das propias eivas aos demais. A autocrítica que corresponde ás familias faise, en moitos casos, inexistente. Mentres non se asuma que a educación é un labor de equipo, continuará o fracaso escolar coa consecuente segregación social que disto deriva. Para que se entenda ben: seguirán existindo elites protexidas nos centros privados ou concertados. Indignante que se fale de democracia e igualdade de oportunidades. Daquela, interesa non esquecer nunca isto: as vítimas do ataque ao profesorado somos todos/as.

No hay comentarios:

Publicar un comentario