A opinión dos docentes...non conta?

8 sept 2011

Os malditos funcionarios

José Manuel Ponte.

Faro de Vigo. 07.09.2011







Desde que as novas autoridades autonómicas (case todas do PP) tomaron posesión dos seus cargos nos habemos ir decatando de cousas asombrosas. Polo que din estes señores, a economía das comunidades autónomas que gobernaron os socialistas estaba en quebra, as débedas son inmensas, non se pagaban as facturas, e os funcionarios, sobre todo profesores e mestres, non traballaban o necesario. O que ninguén nos explica é como todo iso non se notou antes desde os bancos da oposición que goza de medios sobrados para controlar ao goberno e requirir datos. Se damos por certo o que afirma a señora De Cospedal, habemos de deducir que a comunidade de Castela–A Mancha era unha xigantesca tramoia administrativa que ocultaba a realidade aos cidadáns. Un enorme decorado de cartón pedra onde eran ben visibles os rótulos de Hospital, Escola, Asilo ou Depósito de Sementais, sen que detrás houbese outra cousa que os encargados de manter o engano en pé. Máis ou menos como sucede nos teatros e nas rodaxes das películas. O milagroso é que todo iso non se veu antes abaixo. E máis milagroso aínda que nunha situación de ruína, e cos funcionarios sen pegar nin golpe, se seguisen pagando as nóminas e prestando os servizos básicos (sanidade, educación, etc). Nos primeiros días do cambio, houbo situacións chuscas como o peche das farmacias manchegas ante a ameaza oficial de que non había diñeiro para pagar as subministracións debidas. E ata advertencias dunha posible modificación legal para permitir que empresas distribuidoras substituísen nas súas funcións aos despachos de farmacia. Co paso dos días, a situación parece tranquilizarse (nada aquieta máis o ánimo que o rozamento das posaderas sobre as abrandadas cadeiras de brazos de mando), pero agora temos no tear das leas o conflito co profesorado do ensino público. Segundo  nos contan os novos gobernantes autonómicos, os mestres e profesores traballan pouco, apenas 20 horas á semana, e hai que aumentarlles a xornada lectiva entre dúas e catro horas para que poidan cumprir ben a súa función. Calquera persoa medianamente informada sabe que iso é mentira porque o profesorado, ademais de dar clases, ten que preparalas, pór e corrixir os exames, atender aos pais e cubrir as titorías.  Aparte de estudar e estar sempre ao día, co que a xornada legal esténdese ata as 37 ou 40 horas. En realidade, o obxectivo desta reforma é reducir o persoal, prescindir dos interinos e cargar con máis clases aos fixos, o que redundará inevitablemente nunha rebaixa da calidade do ensino público. A agresividade demagóxica contra os funcionarios empeza a ser preocupante. Postos a seguir o discurso da señora de Cospedal e de dona Esperanza Aguirre, habería que afearlle ao Rei (o noso primeiro funcionario) que só dedica unha escasa parte do seu tempo a recibir visitas, aos militares que só traballan nos desfiles, aos xuíces que só curran nas audiencias, aos médicos que só xustifican o soldo na consulta aos enfermos, e así sucesivamente. E que dicir dos políticos, que se pasan o día falando mal os uns dos outros? Ao meu entender, e ao de moitos, sobran políticos, e fariamos un gran aforro se suprimísemos a boa parte deles. Por certo, case todos os líderes do PP son funcionarios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario