A opinión dos docentes...non conta?

18 sept 2011

Don ere que ere

Artigo de opinión publicado no Faro de Vigo.

Xosé Ramón Pena







Segundo afirmaba, hai cousa duns días, un/unha dilixente director xeral –ou acaso fose secretario; pode incluso que conselleiro, consejero, conseller, sailburua… mesmo todo un/unha presidente de autonomía ou lehendakari; en fin, saiban disimular a imprecisión os, sempre moi amables lectores destas crónicas semanais que hoxe regresan–; segundo declaraba semellante pai/nai da patria, o caso é que en España sobran profesores. Ben; vale, O.K.: o/a tal non o espetou así, polas bravas, senón botando man desa especie de chapurreado, trampitán ou barallete ao que tan afeitos están os nosos políticos: "acontece que moitos centros docentes teñen un cadro de persoal superior ás súas necesidades reais". Xa que logo, do que se trata é de "adecuar ditos cadros ás realidade das aulas". Nin que dicir ten, o ghichiño/ghichiña foise logo tan contento; subiu, sorrinte, no seu coche oficial camiño dunha inauguración non sei onde, a cal non podía faltar de ningún xeito: votos si que son amores "y a ti te encontré en la calle".
E de acordo: talvez si que teña razón o alto cargo en cuestión e en España sobren docentes. Agora ben; non deixa de ser menos certo –xa entrados na película de Don Ere que ere– que aquí, postos a sobrar, sobra absolutamente de todo. Sobran, polo tanto, profesores que ensinen e eduquen; pero tamén sobran médicos e enfermeiros que nos atendan e curen nosas as doenzas. Sobran, claro é, os funcionarios, en xeral: tanto ten que se trate de bombeiros, de policías locais/autonómicos/nacionais, xardineiros, asistentes sociais, empregados na Facenda… Ao cabo, todos eles –como é moi ben sabido por calquera "listo/a"– non fan máis que pasar o tempo tomando café e dándolle ao pico. Todos eles, pois, puros e duros candidatos ao Ere.
Claro que, xa postos a varrer e limpar, en España sobran outras moitísimas cousas, a saber. Sobran, por exemplo, entidades e sucursais bancarias –non hai esquina que non ocupasen!; multiplicamos por cinco a media europea!–; sobran, ai!, moitos bares –nin lles conto por canto multiplicamos aquí!–; sobran equipos enteiros de fútbol de primeira e segunda división –co Madrid e mais co Barça temos dabondo–; sobran así mesmo enxeñeiros, arquitectos, notarios, avogados, farmacias, centros comerciais –hai case un (ou dous) por parroquia!–; temos exceso de aeroportos, de universidades, de xornalistas, canles televisivas…. Sobran infinidade de tertulianos; sobra "telebasura"; sobran toda a familia Mohedano e mais "Sálvame" (de luxe e de traxe de faena) O que é máis: sobrar, sobran concellos e deputacións, mesmo sobran provincias enteiras! E é que, desde logo, si que estariamos un pouco máis apretados, pero… decatáronse Vdes. que Alemaña (todo un exemplo a seguir), con apenas 357.000 km2, dá cabida a 82.000.000 de habitantes mentres nós, con 504.645 km2 tan só acollemos 47.000.000? Que desperdicio de solares! Simplemente con declarar sobrantes, que sei eu, as provincias de Cáceres –1750 km2– e Badajoz –case outros tantos–, perciben Vdes. que cantidade de espazo aforrariamos! Ademais, en tempos de primas de risco polas nube, ben que poderiamos privatizar/vender, digo eu, Extremadura ou Murcia enteiras. Co resultado de tan magnífico negocio de recalificación de terreos… adeus crise, adeus! Ademais, non era, acaso, algo semellante o que chegaron a suxerilles aos coitados gregos certos medios de comunicación da todopoderosa Deustchland comandada por Dna. Angela Merkel: xustamente que privatizasen/vendesen un par –mellor unha ducia– de illas do mar Exeo?
Iso si: o que non sobra, o que non pode ser obxecto de ningún Ere –faltaría máis!– é ningún dos máis de douscentos senadores, trescentos cincuenta deputados, membros dos parlamentos autonómicos, presidentes de deputacións provinciais (e deputados das mesmas), alcaldes, concelleiros… secretarios, directores xerais, asesores… a inzaren España, arquipiélagos e prazas de soberanía adxacentes. Todos eles, polo visto, resultan absolutamente imprescindibles para que este país de países poida mirar abertamente ao futuro; todos eles constitúen, xa que logo, un vivo exemplo de produtividade; todos eles deveñen espello de puntual asistencia diaria ao seu escano; todos eles…
Despois de ocupar o goberno durante vinte e un anos –catorce, baixo o mandato de Felipe González; sete con Zapatero–, van e descobren os socialistas, con D. Alfredo á fronte, que sobran as deputacións provinciais. Iso si, descúbreno agora que quedaron, ou van quedar, sen ningunha! Aínda ben que, para que iso non aconteza, xa está disposto ese home que todo o vai arranxar nun plis–plas (que todo o vai arrancar…. ou non), D. Mariano Rajoy. Logo de profetizar, predicar… a necesidade de reconducir tanto reino de taifas, agora que o conxunto (case) enteiro pode caer en mans do Partido Popular cal froita madura, entende o Sr. Rajoy que non ve necesaria semellante recondución! Traducido: en tempos de fartura dúas e dúas suman cinco; en temos de depresión, o resultado non pasa de tres. Matemáticas españolas. Don Ere que ere/Don Erre que erre.

No hay comentarios:

Publicar un comentario